De relixións, linguas e castros

Que diga “o máis ilustre dos peregrinos” (como o definiu o presidente galego facendo un chiste fácil e  ignorando a humildade que impón “facer o Camiño” aos católicos practicantes) que a baixísima concorrencia que o agardaba no Obradoiro se debe ao “laicismo agresivo” da nosa sociedade só pode ser froito da vaidade, un dos sete pecados capitais. Non podemos crer que entre o común dos galegos se teña instalado tal necesidade de loitar contra as hiprocrisías da Igrexa que só 6000 fans teñan acudido superando un medo ancestral a mollarse ou a pasear perto dos axentes da policía. Non señores, do mesmo modo que non hai un galego común situado contra o idioma, non o hai enfrontado á Igrexa de Roma. Só acontece que os galegos xa non cren en nada, habituados como están a que lles aseguren un paraíso futuro a cambio dun presente infernal. A relixión non mobiliza suficientemente uns cidadáns que na maioría dos casos non perciben a relixiosidade de obedecer a sacerdotes autoritarios, caprichosos e, no mellor dos  casos, exemplo de actitudes pouco caritativas. Do mesmo modo, ven gobernar e mesmo balbuciar en galego aquelas faccións políticas que durante xeracións os estigmatizaron por falar a lingua do país, e agora xa dificilmente lle cren a ninguén que aqueles falares de aldea son un tesouro de valor incalculábel. Visito ultimamente os castros da miña zona, e sempre a actitude é a mesma: “Alí non che hai nada, só unhas pedras e unhas pozas nas que beben os corvos”. O mesmo pode acontecer co galego, servir unicamente para que bebamos os paxaros malditos da cultura, a cultura que a Igrexa Española sempre maldiciu.

Share

Comments are closed.