'Máis vidas', de Xosé Vázquez Pintor

Desde a Terra do Medio ou desde a Costa Oeste un Pintor de palabras dispara escándalos sobre unha vulgaridade que foxe espavorida. Ninguén lamentará a perda. A partir de aí érguense na mañá do discurso de Máis vidas os espíritos prerromanos dos nosos antergos, e con eles a vida natural que nos acompañará desde que non abandonemos a lingua ancestral, pois ela está ligada á posibilidade de comprender as esencias do que fomos e de visualizar as hipóteses do que debemos ser.

Este libro convoca os espíritos e desenterra un paganismo universal, por iso utiliza unha lingua literaria que imita a densidade comunicativa da medula espiñal. Mais esta forma de escribir que por veces lembra Lautréamont exixe unha abertura sentimental e nos revela un vangardismo renovado, apoiado na percepción do mito que se transparenta na vida cotiá.

«Aghatuño o peito magnífico da árbore da tribo de Carmoega, armado como estou de caravuñas, anseo, canso, recupero, afinco, amo a cortiza que me axuda, rebento, racho as maus; unha hora así subindo. Na galla do medio está a casa do esquío, as tullas cheas de restos prehistóricos. Vou e deito. Durmo e soño. Alguén mama dos meus dedos sen unllas: anima o sangue e corazón bombea un re bemol de bombardino. Para e morre. Vou na nube irta dos refachos cabo de lonxe, amo dos lóstregos, guerreiro de Esparta cos cantís do Vinco. Tremen os corvos. Axota un cervo que achicaba as fontes de mañá noviña cando amaba. No centro do herbal, aspado, en cristo morto, hai un home meu que vai consigo.» (Espiral Maior, 2009, p. 61)

Eu visitei a Casa de Quian, na Terra do Medio, e fun honrado coa amizade de quen sorbe a Terra e as súas xentes nun caldo insólito, orixinal e transcendente a un tempo. Tiven tamén a oportunidade de gravar un vídeo para a AELG en que o autor debulla a súa vida literaria, inseparábel dunha paixón incombustíbel que o ten convertido nun volcán de sentimentos e inspiración. Porén, algúns segredos como o da beberaxe da foto non deberán ser revelados.

Share

Comments are closed.