Charla de Tati Mancebo sobre os eReaders nas Bibliotecas Municipais da Coruña

«Esta tarde [onte] na Biblioteca Municipal de Monte Alto tivo lugar unha charla sobre o libro electrónico e os seus dispositivos de lectura impartida por Tati Mancebo, que buscaba ilustrar aos asistentes sobre a historia e evolución do libro electrónico, os dispositivos de lectura que podemos atopar no mercado e a evolución que está a ter o sector da edición dixital, estando dispoñibles durante o evento distintos trebellos para que o público puidese probalos de primeira man, facilitando a súa futura elección de eReader.
Tati Mancebo explicou a longa vida que teñen os e-books e os distintos formatos existentes, que aínda que nun momento tendesen aos documentos PDF, na actualidade publícanse en formatos máis axeitados coma o EPUB ou o Mobipocket, aínda que este baile de formatos acompañado polo uso de tecnoloxías DRM están supor un atranco na normalización do uso de eReaders, posto que os textos que podemos adquirir non son compatibles con todos os dispositivos de lectura. Repasando os trebellos dispoñibles, Mancebo amosou as vantaxes da tecnoloxía de E Ink (destacando a súa autonomía), o reducido prezo dos lectores baseados en pantallas TFT, a posibilidade de ler no ordenador e no móbil e a forza coa que están a chegar ao mercado os tablets como dispositivos de lectura. Grazas a este repaso de hardware, parece que quedou claro que os libros electrónicos poden chegar ao público de moitos xeitos, podendo elixir cadaquén o que lles resulte máis cómodo […]» [Ler máis en Código Cero]

Share

Comments are closed.