VENTO LOIS: recital expansivo do 12 de maio

A seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 20:00 h.: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro… Se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición: “quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo… (por exemplo)”.

Na web de Lois Pereiro habilítase un espazo para anotar as iniciativas de cada localidade, e así organizar xente, propostas e esforzos. As dúbidas ao enderezo oficial loispereiro2011@gmail.com.

PROPOSTA DE ESCALETA VENTO LOIS (12 de maio de 2011)

1. LECTURA DO MANIFESTO LOISISTA:
Loita, furia, humor… Amén!
Vivimos malos tempos para a reflexión e a resistencia neste imperio zombie de Microsoft mental.
¿E de que parte estaba eu? Da parte dos que intenten dalgún xeito non contribuír a que esa roda opresiva e maldita (unha historia da infamia que xa non nos permite ser inxenuos) continúe a xirar eternamente, perpetuando, cun cíclico cambio de papeis de amos ou escravos, a mesma situación ata que a terra estoupe de noxo e perversión, farta de nós.
Se alguén non o sabía xa é que estaba cego: non queremos ter amos.
Pode que xa nos atopemos a poucos metros da nosa extinción, pero o sentido do humor pervivirá sempre, e o sentido crítico deixa un rastro detrás, con mans, sen elas, cos miolos no cranio ou espallados polo chan. Volveremos á terra, e aos outros elementos primordiais. Como dicía Zeca Afonso: “Camaradas de armas dos catro elementos!…”
Agora aínda teño liberdade de opción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia lingua, “porque me peta e quero e dáme a gaña…”. Moitas culturas crúzanse no meu espírito e no meu corazón non hai fronteiras. Ninguén me impediu nunca ser máis crítico e sarcástico co que eu sinto máis meu, propio e herdado.
Se me permite seguir axudando á defensa que non procura dominar nin agredir, seguirá a ser unha loita compartida por min: da tropa dos vencidos. Terra, Lingua, Cultura, Dereito á diferenza. Mente aberta ao mundo… e nada máis.
Defendámonos, logo, caladamente, con furia, ou con humor tibetano, pero non transixamos cunha soia agresión máis.
Sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos, como a estratexia humilde e provocadora de Bartleby, o gris e lúcido escribente de Melville, que para non someterse sen máis ás ordes arbitrarias, dicía simplemente, sen ira, pero teimosamente: “Preferiría non facelo”.
A reflexión, as ideas, a creación ou as palabras. A arte e a cultura é sempre o que me salva da tentación da morte e me anima a reiniciar.
A verdadeira poesía nunca minte, por ferinte que sexa. Quen crea algo sen intencións perversas é inocente da súa posible perversión. Bernhard, Beckett, Cioran, Genet, Celan, Valente, Shopenhauer, Pound, Carver, Poe… tiñan razón, temos razón. E tiñan razón Yeats, Dylan Thomas, Eliot, Joyce, Homero, Dante… temos razón tamén a un tempo, como todos os atormentados ou felices pintores da Beleza e das tebras que cohabitan comigo o meu cerebro, discutindo sen pausa dentro da miña alma…
E a verdade é que “na miña vida nunca vin máis que tolos e enfermos” (Bernhard); que “Morrer é ben doado; vivir é o difícil” (Maiakowski) e tamén que “Vivir é fácil. Arduo sobrevivir ao vivido” (Valente).
O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande.
A dor, a escuridade, o mal tamén existen por nós e contra nós, pero axudan a que a beleza e o pracer sexan aínda máis brillantes. Por iso non debemos evitar, para aforrarnos sufrimento, a parte máis escura en cada cousa, porque produce a lucidez e o horror de seu coñecemento.
Aprender é unha vitoria. Dubidar é unha loita continua, e a Crítica nunca hai que desterrala.
Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco e ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa.
Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Amén.

(Escolma de Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, de Lois Pereiro)

2. RECITAL: lectura participativa de poemas de Lois.
3. INTERVENCIÓNS: lectura de textos e mensaxes a/sobre Lois.
4. MÚSICA & OUTROS: cancións en directo ou gravadas, escenificacións, performances…

VENTOS CONFIRMADOS

  • LIMOGES: No Instituto Léonard Limosin, ás 10:00 horas, os alumnos de último ano lerán poemas diante unha pequena exposición con fotos, poemas e debuxos no hall do recreo. E, ás 20:00 horas, no Centro Cultural Municipal Jean Moulin, actuación do grupo VACARM (Voyager avec les cheminots amoureux de la résonance des mots = Viaxar cos ferroviarios namorados da resonancia das palabras).
  • MONFORTE: O xoves 12 ás 12:00 h. todos os centros de ensino da vila pararán para realizar lecturas de Lois Pereiro. Ás 20:00 h. no Salón de actos do Centro do Viño terá lugar un recital aberto sobre textos de Lois.
  • MADRID: Galego en Madrid-Espazo das Linguas Ibéricas (proxecto da Xunta de Galicia, Universidad de Alcalá, Instituto Cervantes …) organiza un acto que terá lugar entre as 18:00 e as 21:00 h. no Instituto Homeopático y Hospital San José (Rúa Eloy Gonzalo 3-5). Comezará coa lectura do Manifesto Loisista, seguirá co coloquio Lois Pereiro entre Galicia e Madrid, con María Xesús Nogueira e Luis Luna, continuará cun recital dos estudantes do curso de galego e poetas convidados, e finalizará con arte, música e comida dos propios alumnos.
  • SANTIAGO: A partir das 19:00 h. no Local Sociocultural da Caramoniña, na cima do parque de Bonaval, terá lugar a acción sentimental Aclamación a Pereiro, concerto do Leo, lectura do Manifesto Loisista por Paco Macías, organizado polo Concello de Santiago de Compostela.
  • SARRIA: Ás 20:00 h. na Casa da Cultura lectura de poemas de Lois Pereiro.
  • FENE: A partir das 20:00 h. no Casino de Perlío haberá un recital VENTO LOIS a cargo dos e das participantes do obradoiro literario que se desenvolve cada venres, desde hai 10 anos, na Biblioteca Municipal (Museo do Humor). Leranse poemas de lois e mais poemas propios na súa homenaxe.
  • BERGONDO: Ás 20:00 h. no Edificio da Senra, o grupo Eolo Teatro estrea Recitalois, baixo a dirección de Willy Eter.
  • GONDOMAR: A partir das 20:00 h. a Asociación Espazo Lectura celebrará unha lectura de poemas de Lois Pereiro na Cafetaría Rañolas (Rúa Otero Pedrayo, 3), precedida por Gonzalo Navaza, quen lerá o Manifesto Loisista.
  • CARBALLO: Ás 20:00 h., no Pazo da Cultura, lectura do Manifesto Loisista; presentación do libro Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, de Mercedes Queixas, coa participación da autora e de Francisco Pillado; e lectura compartida de textos e poemas de Lois Pereiro. Organizado pola A. C. Lumieira e a colaboración da Editorial Laiovento e o Concello de Carballo.
  • VIGO: Ás 12:00, no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, o grupo de investigación GAELT (Grupo de Análise e Estudo da Literatura e da Tradutoloxía) do Departamento de Filoloxía Galega e Latina organiza un recital de poemas de Lois Pereiro e traducións ao inglés, alemán, francés e catalán, proxección de vídeos e música sobre Lois e unha conferencia de Manuel Forcadela, xunto á presentación do libro Que lle podo ofrecer a quen me intente?, monográfico Lois Pereiro publicado en Xerais, e elaborado polo GAELT baixo a coordinación de Anxo Angueira e Teresa Bermúdez. A partir das 20:00 h., inauguración da exposición Lois Pereiro. Lírica Punk, no Verbum (Avenida de Samil, 17), onde Ramón Nicolás lerá o Manifesto Loisista e Marcos Calveiro recitará poemas de Lois.
  • SADA: Ás 20:00 h., no Centro Xuvenil do Concello de Sada: lectura dun guión biográfico sobre Lois intercalado con poemas do mesmo (as lecturas serán realizadas por integrantes da Asociación, alumnos dos centros de ensino e todo aquel que esta interesado) e posterior lectura de textos de autores locais en galego e/ou sobre a lingua. Organizado polo Concello e a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.
  • RIBEIRA: Ás 20:00 horas, organizado polo Grupo Pinche en colaboración co IES Leliadoura e o Departamento de EF dese centro, o VENTO LOIS zoará desde diversos bares e tabernas baixo o principio “Se mahoma nom vem a montanha, imos levar a montanha a mahoma ainda que seja a caldeiros!”. Os locais serán: Capitán Morgan, A Caverna, Albatros, Ateneo Valle Inclán (Bar Plaza) e A Taberna do Riaso.
  • FERROL: A partir das 20:00 horas, organizado polo Ateneo Ferrolán, en colaboración co Concello, no Cantón de Molíns (Praza da Constitución): letras colgadas en globos simbolizando o Manifesto Loisista, e que serán botadas ao VENTO, Lectura do Manifesto polo presidente do Ateneo, reparto do mesmo o público asistente na rúa e lectura de poemas.
  • LALÍN: Ás 20:30 h. no IES Ramón Aller, lectura do Manifesto e despois conferencia de Antón Losada, co título: Que foi da Galicia de Lois?. Organizados por A. C. O Naranxo e Queremos Galego Deza.
  • OURENSE: A partir das 20:30 horas, representación de Mundo Lois na Sala Principal do Auditorio Municipal. Ás 12:00 horas funcións escolares para o segundo ciclo da ESO e Bacharelato. Ás 18:00 h., na Livraria Torga, presentación do libro-cd-dvd Oito cancións para oito poemas de Lois Pereiro, coa lectura do Manifesto Loisista e dos oito poemas que forman o traballo, a cargo de Alexandro González, Lino Braxe e Roi Maceda, iniciando a exposición de 9 ilustracións de Pedro Villarejo na mesma libraría até o 10 de xuño. Ás 20:00 horas, a veciñanza da Ponte Canedo (Ourense) súmase cun acto no Centro Cívico da Ponte (Rúa Euloxio Gómez Franqueira, 43), consistente na lectura do Manifesto Loisista, a proxección do vídeo Declaración, a lectura de poemas do autor a cargo de veciñas e veciños do barrio, xunto á interpretación dunha peza de Bach en directo. Tamén haberá actividades infantís que gardan relación con Lois Pereiro.
  • A CORUÑA: Ás 21:00 h. no Antigo Cárcere Provincial, concerto en homenaxe a Lois de Ulträqäns e Loretta Martin, e recital de Cesáreo Sánchez Iglesias, Xulio López Valcárcel e Antía Otero, nun acto presentado por Manuel Rivas e Xurxo Souto. Ás 19:30 h., no FNAC, Chelo Suárez aproveitará a presentación do seu libro As horas rotas para ler poemas seus en homenaxe a Lois, mentres que, a esa mesma hora, 20:00, no salón de actos da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés ‘Fantoches Baj’ representará o espectáculo Poesía última de Lois Pereiro; e no Museo de Belas Artes lerase o Manifesto Loisista, proxectaranse varios videopoemas de Pedro Ramos sobre a obra de Lois, e haberá un recital coa participación de Andrés Ibáñez, Olga Patiño, Tiago Acosta, Juan García e Uxía Vázquez.
  • BETANZOS: Ás 20:30 horas, a A. C. Eira Vella desenvolverá a homenaxe a Lois coa participación de alumnado do IES Francisco Aguiar lendo poemas de Lois (percorrerán o propio día 12, de 10:30 a 12:30 h., o casco histórico de Betanzos para capturaren imaxes baixo a inspiración duns poucos textos escollidos da obra de Lois, vinculando a imaxe coa letra) e a proxección dun vídeo do Equipo de Normalización Lingüística do CEIP Vales Villamarín coas voces dos nenos e nenas contando a vida e obra de Lois. A xente de Eira Vella tamén lerá o manifesto e recitará algún poema ou texto.
  • BUEU: Ás 20:30 horas, recital con poesía e música de e sobre Lois no Bar Aturuxo (Rúa Pazos Fontenla, 59).
  • TUI: A partir das 20:30 horas, na Biblioteca Pública Municipal, lectura do Manifesto Loisista, recital de poemas e música ao vivo.
  • ARTEIXO: Ás 20:30 horas, no Café Concerto Bata de Guata (Rúa Xeneral Mosquera Palleiro, 2, xunto ao paseo fluvial), lectura de poemas e música a cargo de Cántigas da Terra, Tati Mancebo e Antón Borrazás.
  • CANGAS: A partir das 22:00 horas, no Pub Canis Lupus (Rúa Ferrol, 22), lectura do manifiesto Loisista e a continuación audición colectiva do CD dos poemas de Lois. Recita O Leo, con música de Alfonso Camarero.
  • PARÍS: O VENTO LOIS chegará o venres 13 de maio de 18:00 a 20:00 h. na sala 1.3 do Instituto Cervantes de París, xa que non foi posible organizalo o día 12. Lerase Manifesto Loisista, recitaranse e comentaranse poemas del, e visionaranse vídeos e imaxes súas, escoitando a súa autobiografía e poemas musicados. Os actos están organizados polo Centro de Estudos Galegos.

(Vía web de Lois Pereiro)

Share

Comments are closed.