'Alerta da noite', un texto esquecido de Benjamin Péret, por Xesús González Gómez

Deixamos aquí este traballo de Xesús González Gómez, publicado o 4 de maio de 2011 en A Nosa Terra, no que recupera un texto esquecido de Benjamin Péret. O seu autor autorízanos para publicarmos o texto aquí, e manifestounos a vontade de colaborar desde Barcelona con este proxecto do Grupo Surrealista Galego, do que nos felicitamos todos nós (benvido, Xesús):

“Benjamin Péret (1899-1959) foi un escritor francés adscrito ao movemento surrealista. Un dos seus textos menos coñecidos escribiuno para a revista catalá Nova Iberia, que só publicou un número durante a Guerra do 36. Velaquí a historia:
A principios de agosto de 1936 chega a Barcelona, acompañado de Jean Rous (membro do Secretariado internacional do Movemento para a 4ª Internacional) e de Leopold Sabas (cineasta, militante do Parti Ouvrière Internationale –trotskista), o poeta surrealista Benjamin Péret. Viaxa á Cidade Condal como delegado do Secretariado Internacional para pórse ás ordes do Partido Obreiro de Unificación marxista (POUM), considerado como trotskista, aínda que rompera con Vello, e máis ben bukharinista, a pesar de que nel militan trotskos como Juan Andrade, Jordi Arquer, Molins Fabregat e tantos outros como Eugenio F. Granell ou Andrés Colombo: un dos seus dirixentes, Andreu Nin, antigo lider de Izquierda Comunista, rompera con fundador do exército vermello a raíz da súa alianza co grupo de Maurin para formar este partido). Nos primeiros días, Péret, que estivera casado cunha cantante brasileira (Elsie Houston) e vivira no Brasil durante case tres anos, e de onde fora expulsado polas súas actividades políticas, é o encargado das emisións en lingua portuguesa da radio do POUM. Mais axiña, despois de viaxar a Valencia, en setembro, parte para a fronte de Aragón a loitar nas milicias do POUM. Durante a súa estadía en Barcelona e na fronte escribe diversas e moi interesantes cartas a André Breton: por elas sabemos que envía a Rous a París, para que vexa o fotógrafo Man Ray e este lle consiga placas radiográficas de 30×40 para os hospitais de Cataluña, que non teñen. Ou que ve os surrealistas ingleses David Gasycone e Roland Penrose, mais case non pode falar con eles: están todo o tempo a traducir. Informa a Breton de que o poeta canario, surrealista, Pedro García Cabrera foi internado polos fascistas nun campo de concentración, así como Inocencio, de Puerto de la Cruz (este Inocencio debe ser Inocencio Sousa Cruz, membro da dirección da Federación Insular Socialista, compañeiro do poeta García Cabrera) en África, que viu tres veces a Joan Miró. En xaneiro de 1937 escríbelle que a invitación que segundo Juan Brea (poeta surrealista cubano, casado con Mary Low) lle fixera o POUM a Breton non é máis que un bluff deste, e tamén lle informa que aínda non viu a Miravitlles (Jaume).
Na última carta desde España a Breton, datada do 7 de marzo de 1937, en Pina de Ebro, fronte de Aragon, Péret coméntalle que abandonou o POUM (polo burocratismo deste) e agora está a loitar no batallón “Nestor Makhno”, da División Durruti. Nesta mesma carta, dille que vai aproveitar os tempos de lecer para “terminar un libro que estará composto por Immortelle Maladie, Dormir dormir dans les pierres, Je Sublime e os novos poemas” que está a escribir. Un mes despois, antes de que teñan lugar os “feitos de maio”: o POUM liquidado polo goberno central e catalán e mais o PSUC (os comunistas), abandona España e vai a París, onde o está a esperar a pintora Remedios Varo, que coñecera en Barcelona. Digamos que, a partir da experiencia española, Péret vai matizando o seu pensamento até, en 1948, romper co trotskismo e considerar o modo de produción da URSS como “capitalista burocrático”.
En xaneiro de 1937, o Comissariat de Propaganda da Generalitat de Cataluña, dirixido polo mencionado Jaume Miravitlles (que pertencera ao Bloc Obrer i Camperol –antecedente do POUM–, dirixido por Joaquin Maurín), que levara a Barcelona a algúns surrealistas e propiciara a conferencia de Salvador Dalí en que este se declaraba marxista, e en 1934 pasara a formar parte dos rangos de Esquerra Republicana de Cataluña, publica unha “luxosa” revista, Nova Iberia, da que só sairía un número.
Neste número, cuxa portada está deseñada por un mozo Antoni Clavé, colaboran, á parte do propio Miravitlles, Dolors (sic) Ibarruri, Romain Rolland (unha carta), os escritores cataláns Ramon Xuriguera, Alfons Maseres, Ramon Vinyes, Nicolau M. Rubió, o historiador da arte, libertario, Elie Faure (“Espanya i Catalunya”, titúlase a súa coaboración), o médico (anarquista, compañeiro de viaxe a Nova York de Castelao) Felix Martí Ibáñez, o escritor galego (en español, aínda que publicou un libro de poemas en galego), Ángel Lázaro, que escribe sobre García Lorca… e Benjamin Péret, cun texto, “Una nit d’alerta”. Un escrito que non está recollido en ningún dos sete volumes que compoñen as Obras Completas do poeta surrealista.
Está claro que o escrito de Péret fóralle pedido por Miravitlles, a quen Péret coñecía, supoño que por intermedio de antigos compañeiros do responsábel de Propaganda da Generalitat que militaran con el no Bloc Obrer i Camperol e que agora se movían nas ringleiras do POUM.
O desembarco en Roses dos rebeldes nunca foi tal, nin un intento. O que aconteceu foi que o cruceiro Canarias, en mans dos militares, bombardeou a baía de Roses o 30 de outubro de 1936 e a xente chegou a pensar que se trataba dun desembarco dos facciosos. O que conta Péret é certo, mais non podía saber, ou non sabía, que tanto en Roses como en Sant Feliu de Guxils, moi perto de Roses, os anarquistas desencadearon unha represion sen control e a noite do 30 ao 31 de outubro, fusilando sacerdotes e civís no cemiterio e apresando máis de 50 persoas… que foron liberando a medida que pagaban o seu “rescate”.

Unha noite de alerta

Eis o texto de Péret en galego, traducido a partir do catalán, idioma en que viu lume en “Nova Iberia”: o orixinal, quizais perdido entre os papeis de Salamanca.

A radio atronaba: “Os rebeldes intentaron desembarcar en Roses. Cataláns, aos vosos postos”.
Os tranvías detivéronse rapidamente, condutores e revisores reuníronse, revólver en man, cos seus camaradas de barrio, nas barricadas abandonadas desde xullo. A alerta deuse casa a casa, piso a piso, porta a porta. Nunca unha mobilización foi tan rápida e tan total como esta. Instantaneamente, todos os obreiros de Barcelona responderon á chamada e, en menos dunha hora, ocuparon os lugares que as súas organizacións lles ordenaran defender.
Mais unha vez, todas as rivalidades partidistas foron esquecidas –como o 19 de xullo– diante do mal común. En todos os rostros líase unha resolución: “Non pasarán”.
Eu vin, en 1914, outra mobilización. A burguesía francesa amoreaba os seus escravos para envialos á fronte a facerse matar en beneficio dela. Certamente había, nese momento, insconscientes, imbecis e canallas que partían coa canción patrioteira nos beizos e unha flor no fusil. Mais, cantos responderon á chamada só para evitaren o consello de guerra, e cantos non preferirían pasar a fronteira antes que participar na matanza? O outro día en Barcelona o espectáculo era moi diferente. Ningún aparello coercitivo fora necesario (no entanto, este aparello está controlado pola clase obreira armada e só dirixido contra o inimigo capitalista) para que miles e miles de homes se lanzasen á rúa dun só impulso para facer retroceder o inimgo secular, militar ou crego, crego e militar, que sempre, e en todas as partes, disfraza a bolsa de ouro. É que todos tiñan algo a defenderen, a revolución en marcha desde o 19 de xullo e coa cal Cataluña permanece cidadela vivinte imposíbel de tomar, porque é en Barcelona que a revolución ten o seu corazón e o seu cerebro. A tentativa fascista foi percibida, e con razón, como unha provocación intolerábel a este proletariado exasperado por vinte anos de loita, decidido a acabar cos seus opresores.
A revolución rusa foi invencíbel porque deu aos pobos que compuñan o antigo imperio tsarista unha razón para loitar. Decretou que ninguén podía oprimir a ningunha persoa en nome da súa riqueza, que o traballo, de escravitude embrutecedora, se convertiría só nunha necesidade vital como son as de respirar e comer, e que a nova orde as condicionaría.
E o pobo español –e en primeiro lugar este de Cataluña– responde con tal entusiasmo ás chamadas que lle fan, porque espera da “súa” revolución que siga as mesmas voces, que libere o traballo suprimindo o capital. O esmagamento do fascismo en Cataluña é a súa obra. O antigo réxime morreu. Ve que se constitúe un novo e calquera tentativa –como esta momentaneamente esaxerada de Roses– acharao coas armas na man, presto o rexeitar o inimigo de clase. A alerta pasou, a tensión nerviosa diminuíu, mais comprirá só que renaza o perigo e os traballadores de Barcelona, que agora combaten heroicamente nos muros de Madrid, reuniránse unha vez máis no recanto da súa rúa, en todas as partes onde sexa necesario para abater o capitalismo español e lanzar ao mar os seus aliados facistas de Italia e de Alemaña. A revolución que se recoñece como tal, é invencíbel.”

Vía Xalundes.

Share

Comments are closed.