'Traición a Lois Pereiro', por Alfredo Ferreiro

Con este poema creado a partir doutro de Lois Pereiro comezo un traballo que titularei O libro das traicións, no que elaborarei versións de textos dos meus autores e autoras preferidos. Estas versións constitúen unha homenaxe sincera ás obras daqueles que, non pusuíndo eu o talento necesario para debidamente imitalos, me atreverei a “traicionar”, seguindo a Sócrates naquela defensa do burlesco á hora de tratar os máis serios misterios da vida, pois non seriamos quen de tratalos coa seriedade que realmente merecen. Ao mesmo tempo, á hora da “traición” lembro as palabras o Herberto Helder, cando dicía: «[…] Deve-se estar disponível para decepcionar os que confiaram em nós. Decepcionar é garantir o movimento. A confiança dos outros diz-lhes respeito. A nós mesmos diz respeito outra espécie de confiança. A de que somos insubstituíveis na nossa aventura e de que ninguém a fará por nós[…]».

Este poema foi publicado no libro electrónico Vivir un soño repetido, homenaxe da AELG a Lois Pereiro.

Traición a Lois Pereiro

Os éxitos atinxidos nesta vida
leváronme a gañar máis unha vez
definitivamente e sen pesar
todo o que contaba como gañado.

Éxtase libertaria ou iluminación
dun amor sempre xustificado;
foi a alegría até o paroxismo
o móbil que alentou a miña idea
de organizar en min unha verbena
e danzar toda a noite sobre a area.

Eu perpetúo o éxito atinxido
na tranquila travesía
en que vivo
porque esta orgullosa estatua namorada
ha de recibir nos labios dilatados
o mel esculpido como gloria profana
libre de todos os erros evitados.

Abrazado polo remuíño que me eleva
desde as tristes espirais da nada
ao alegre sendeiro da miña pena.

Alfredo Ferreiro

(Cfr. poema “XX”, de Poesía última de amor e enfermidade)

Share

3 comments to ‘Traición a Lois Pereiro’, por Alfredo Ferreiro