'Elos', de Paula Gómez del Valle

Prólogo de Tati Mancebo: «Paula Gómez del Valle é a fotógrafa do aire que surcan as gaivotas, das conversas dos caracois. Só ela é capaz de atrapar a muller que é invisíbel aquí e onde queira que vaia, porque só ela é a conciencia da cor nos ollos de quen mira.
Paula desvela os Elos que conectan obxectos, temperaturas, sabores, texturas, entidades, molduras de diversa natureza, os mundos que se desatan entre os pelos dos fociños de quen non se sabe retratado ou na sopa da sopa, comesta polo tempo.
Paula abre os nosos ollos ou enfoca as nosas vistas inexperientes para cousas que só alcanzaremos a ver nas súas fotografías. As súas fotos son así lentes máxicos, con que nos agasalla para ela ter con quen partillar o seu gozo: un brillo único que precisa dunha garrafa ou dun violín onde pousar, para deixarse atrapar por quen ten a capacidade de o ver, un brillo como ser etéreo na procura de ollos activos que lle concedan unha identidade bidimensional; esas historias entre liñas ou as fotos dos espazos entre foto e foto, a vida a morrer nos dentes do allo que devén condimento; o encerro como garantía de seguranza para os ovos, no mundo hostil das superfícies planas e finitas.
Paula retrata a terra para contarnos o que hai debaixo dela, as medusas para lembrarnos que temos os pés sobre a terra da que antes falou, as cores do día, que só se poden lembrar ben cando retemos as imaxes en branco e negro e nos obrigamos a facer un exercicio de reconstrución.
A única nota de cor, que calquera pode ver, é a metáfora do tempo en Galiza e da nosa convivencia e connivencia con el, que permite rir, ao tempo e a quen olla, dos fabricantes de paraugas, que de certo han de vir de terras secas de ventos constantes.
A luz non habita esta Galiza permanentemente, só entra e sae de cadro, das casas, das paisaxes… e cada nova xeración de relva alucina co que a arrodea e que aínda ninguén lle contara.
Galiza, e sobre todo Galiza, porque Galiza é grande e pequena, é antiga e moderna, é seca e húmida, é amábel e dura, como se nos descobre e nós mesmos nos descubrimos nestes elos.
Elos é tamén un diálogo aberto entre a imaxe e a palabra, ou entre a palabra visual e a palabra escrita, onde François Davo, Txiki Calvo e Rodrigo Varela toman o papel de interlocutores, de primeiros destinatarios das mensaxes da medium, cuxos testemuños se recollen e dan unha nova dimensión aos retratos do invisíbel de Paula. Eles, os seus textos, son a proba viva e mutante do que acabo de describir, unha mostra das voces que se axitan detrás das imaxes, unha escolma do balbordo que subxace en todo pedaciño de mundo, en todas as súas representacións, en calquera das entidades que o conforman e que o definen.»
Nota: Edicións Morgante, 2011. Fotografías de Paula Gómez del Valle con prólogo de Tati Mancebo, e textos de Txiki Calvo, Rodrigo Varela e François Davo.
Share

3 comments to ‘Elos’, de Paula Gómez del Valle