Xosé Manuel Eyré: "Sobre os 'Versos fatídicos'"

Xosé Manuel Eyré«Este día chuviñento comeceino lendo nos Versos fatídicos de Alfredo Ferreiro. Ao poemario, o título acaélle perfectamente. O poemario esa procura, todo libro é procura, todo poemario é procura. Neste caso, a procura é unha necesidade, unha necesidade de verdades universais. Necesidade de verdades universais que fagan contrapeso desoutra e única verdade incesante: a morte. Dise a que a morte é símbolo de cambio. E será. Porén o único certo, o único certo onte, hoxe e mañá, é que a morte é un final. Un remate que nos acompaña desde o mesmo instante en que abrimos os ollos neste val de lágrimas. Velaí, entón, que incluso máis que a ineludibilidade da morte, a voz poética séntese recontraída pola familiaridade dese presentimento definitivo. E pouco abondan as glorias efímeras ou momentos de felicidade, eses instantes de falso relax. Moi pouco, si, mais sería absolutamente necio refugar as alegrías.

Que obxecto ten un novo poemario, un novo poemario a tratar asunto tan vello?

Quizá, que eludilo sería unha irresponsabilidade atroz.

Pénsao, lector.

Mentres, direiche que os pomeas de Alfredo Ferreiro exprésanse nunha solidariedade grande nítida. Pídense uns a outros. E non se repiten, se pensaras que cun único poema chegaba. En por si, cada poema é unha realidade verbal única, mais é lendo en contexto léxico cando de verdade ofrecen toda a contundencia, toda a sabiduría, toda a verdade procurada. Procurada sen aforrar esoforzo? Procurada sen aforrar método, o esforzo non é tan urxente toda vez que ela mesma se esixe a cada momento.» {Vía ferradura en tránsito}

Share

Comments are closed.