Xosé M. Eyré: 'Os poemas fatídicos de Alfredo Ferreiro'

Versos Fatídicos (Edicións Positivas), de Alfredo Ferreiro«Versos fatídicos reúne algún poemas inéditos e outros inicialmente escritos en normativa reintegrada e que viron a luz en edicións non venais e periódicas, desde mediados dos noventa a hoxe. O autor, para evitar a súa perda, a perda dun poema sempre é un crime, quixo xuntalos, vista a “condena” que sobre a normativa reintegrada pende, a de non considerala galega. É, pois, este título, testemuña dunha irracionalidade da que nunca quixemos participar e aínda hoxe marxina nomes como o de Carvalho Calero. Nunca quixemos participar porque para nós non hai dúbida de que quixeron escribir en galego, a normativa, desde esa certeza, non deixa de ser un accidente instrumental.

Malia viren definidos, na contracapa, como froitos de arrebatos promovidos polas musas, os poemas, e o poemario como “misceláneo até o paroxismo”, resulta ben doado ver unha liña temática común, ou como mínimo a establecer a contigüidade de supostas liñas temáticas individuais. É necesario sinalar isto antes de nada, pois non vaia ser que mediatice en exceso a lectura, o cal, sendo texto salientado na contracapa, é máis que previsíbel e posíbel.

Velaí que o poemario, no primeiro mangado, “Visión do médium”, se abre versando sobre a eterna disquisición e “ que é un poema”, chegando á conclusión de que este é un “diluvio que agoniza” (17), para despois presentarnos ao ser humano como un ser perdido na invernada da viaxe da vida, sempre coa certeza pétrea da morte ás costas. Tal e como esta certeza ineludíbel non cesará de nos envelenar os días, é mesmo que tampouco abandonará decididamente ao longo do poemario, un poemario tamén percorrido, ou cosido, por unha serie de imaxes metafóricas, de símbolos, como, as unllas, os dedos, a mao, a casa, a pedra. Desde tal certeza humana, e a dimensión inicial metapoética, emerxe a figura do medium, “Poemas do médium”, do mediador entre a vida e a norte, que tampouco vai abandonar o poemario. Porén si substitúen dúbidas de quen é, cal é a identidade do médium ou mediador, se este é o poeta, o poema, a voz poética ou unha terza man enigmática, de xeito que os poemas fican en visións e o poeta en suxeito que as padece. Que as padece, igual que a eterna certeza da morte, da que son símbolo ou recordatorio as pedras, eses inertes entes aos que se lles nega a categoría de vida, elas son testemuño, terceira parte ( “As pedras”) de que os seres humanos son altares de vida (e certidume de morte), lugares, obxectos de sacrificio. Non aforra,a voz poética, esforzos na procura de verdades universais, mais a única que prevalece é a devandita condena, polo que a vida e poesía se constitúen en carpe diem perpetuo ou un camiño interfronteirizo entre a poesía e a filosofía, e dá medo, produce lóxico a evidencia final que nos asimila á categoría de fósiles móbiles (inclusive a inerte pedra posúe sentimentos líquidos e desexos volátiles, conxugándose nela os catro elementos vitais), escenarios dunha vinganza contra a que só cabe ao auxilio puntual dos momentos felices.

En “1(1) textos automáticos”, nótese primeiramente a denominación supraxenérica e neutra (“textos”) como testemuño de que a voz poética non se sente fechada en ningún paradigma, sendo quen de viaxar entre a forma poética brevísima e a hiperbevidade en prosa (que conserva tanto a finalidade esculcativa como o aniñar do feito poético, polo que lles acae perfectamente a denominación de microrrelatos), nótase aquí especialmente mais é feito consumado ao longo de todo o poemario, e o texto procura a descrición interpretativa, descrición interpretativa e asimilativa pois semella erixirse nun tótem ou summun interxenérico, a profundar sobre o tempo, esa circunstancia que nin permite salvar os puntuais momentos de felicidade nin nos abstrae ou distrae da condena á final verdade ineludíbel, só a lembranza habilita algunha tregua, algunha tregua que lle permite á voz poética o recurso ao xogo de palabras nunha brutal e sincrética redución onde o poema se manifesta no agocho do conto infantil, mais nunca, nunca se deixa de ser consciente da inutilidade do protesto, do desgarro. En “O levantador de minas”, e a seguir, continuará a ensaiar autopoéticas, onde poema equivale a porta e tamén a bomba, na procura de verdades universais, entre xogos verbais e inconsistencias epatantes o poema vira en luz ou tamén en camiño, en tránsito, sempre antes da treboada e lembra a inútil teima do ser humano na cuantificación, reclamando unha nova arquitectura, unha nova feitura para casa tan antiga, e conscientemente retorna ao descritivismo interpretativo, de carencias ou familiares presenzas.

A partir de aquí, despois dunha reivindicación da natureza e a infancia, aveñen consideracións sobre a condición humana, como o tempo nos vai gastando, coa poesía no medio, e a lingua, e as palabras, e a necesidade de posuirmos memoria histórica, armas que non van evitar o conflito xeracional mais desde as que se conquista a liberdade, algo fundamental para ese home perdido no pozo da vida. É esa memoria a que trae a lembranza, da casa, da cociña, do labrador vello e dos padriños (“Na aldea salgada”), antes de a voz poética esculcar en si mesma ( “Papeis sacro-porfanos”) e na vida e a morte, esculca de onde extrae que o amor é o único que nos salva, o amor e os seu rescaldo, así como o alimento da infancia e a poesía, para rematar cunha consideración sobre a vida, unha homenaxe a ese continente chamado corpo e o recordatorio da unión á terra, á Terra.

Para que outro poemario entre as vida e a morte e a poesía?

Non gustarán, mais hai cousas que non convén esquecer. Unha delas é que sen a reflexión e sen a beleza somos máis pobres.» {Galicia Confidencial}

Share

Comments are closed.