'Fatídico Ferreiro', por Armando Requeixo

«Non é esta a primeira vez —e estou seguro que tampouco ha ser a derradeira— que teño expresado publicamente a miña positiva consideración pola obra poética de Alfredo Ferreiro, infatigable lletraferit ben coñecido na súa faceta de crítico literario e blogueiro de pro.

Mais o certo é que Ferreiro é poeta dende sempre e que van alá xa máis de tres lustros dende que dera a coñecer os seus primeiros versos en letra impresa, por máis que o primeiro poemario comercialmente distribuído da súa autoría non chegase ata non hai moito coa publicación de Metal central (2009) por Espiral Maior.

Cumpría, pois, un volume que recollese toda esa produción édita e inédita anterior de Ferreiro e o tal libro por fin veu luz baixo o título de versos fatídicos (1994-2010) da man dunha das casas editoras máis recoñecidas do país, Edicións Positivas, nunha colección emblemática por moitos motivos: Di-versos.

O que versos fatídicos ofrece, por tanto, é a compilación de “Visión do médium (textos egoístas)” —breve escolma coa que participara no colectivo Sete poetas (1995)— e a plaquette coruñesa A cidade engrinaldada (1997), amais de moitos outros textos que permanecían espallados por diversas publicacións periódicas cando non inéditos.

As composicións que integran a obra, nacidas en distintos tempos e en ocasións diversas, son, como cabía agardar, abondo diferentes. Así, aos poemas máis simbólicos e visionarios da primeira etapa suceden outros máis enraizados coa complexidade do cotián, coa evocación lírica da cidade de instalación e mesmo coa reivindicación da memoria secuestrada ou evadida (tanto colectiva coma familiar), sen esquecer os ensaios de automatismo versal e a poética do telúrico e, xa en rematando o libro, a escrita de asunción da nosa natureza mortal coa consecuente reflexión sobre do vivido.

Do mesmo xeito, tamén no formal son estes textos de natureza dispar, que igual ancoran no poema breve, case aforístico, ca na prosa poética, pasando polo poema longo dividido en seccións e incluso ocasionais ensaios de poema-definición.

Porque ten razón Alfredo Ferreiro cando sentencia “Amo e amando espero/ a palabra perdida no universo”, non hai mellor homenaxe a esa súa verba extraviada que procurala cos ollos propios. Velaí deixo o sextante para navegantes; clica na imaxe da dereita e pasa ao outro lado do espello:» {Criticalia}

Share

Comments are closed.