Sonetos de Shakespeare

Libro Sonetos de ShakespeareCatrocentos anos despois das edicións londinienses, por fin desfrutamos dunha edición en galego á altura do clásico universal: 154 poemas en versións orixinal e máis galega, acompañadas de 435 páxinas de notas sobre os textos do tradutor Ramón Gutiérrez Izquierdo. Un presente que debemos agradecer a Edicións Xerais, editora que máis unha vez demostra o seu esforzo por construír o mercado literario que unha cultura como a nosa precisa, por moitas dificultades económicas e moitas insensibilidades políticas nos acosen. Que podan frearnos non quere dicir que podan deternos.

«Os Sonetos de Shakespeare son un dos cumios da poesía lírica de todos os tempos. As circunstancias que rodearon a súa publicación e a ambigüidade no relativo á identidade e ao sexo dos destinatarios teñen servido de escusa a múltiples conxecturas que, se ben non contribúen á comprensión dos sonetos, proban non obstante o continuo interese que desperta esta obra. Catrocentos anos despois de ver a luz, a modernidade destes textos segue resultando sorprendente, e o enfoque singular do bardo de Stratford fai que fique neles para sempre un halo de misterio. Nos sonetos asistimos a unha sorte de representación dramática onde unha voz meditativa vai debullando, en loita contra o tempo, os vaivéns do afecto e da paixón, da amizade e do amor, do anhelo e do desengano. Nesa percepción múltiple do teatro dos sentimentos danse cita os motivos máis diversos, desde a visión da natureza até a denuncia social ou a procura dunha trascendencia alén da morte. Ramón Gutiérrez Izquierdo presenta esta versión exemplar dos Shakespeare´s Sonnets acompañada de comentarios e notas sobre todos e cada un destes poemas, máscaras diversas do home das mil caras que foi William Shakespeare.» {Edicións Xerais}

Share

Comments are closed.