Os poemas-tótem de Ted Hughes

El azor en el páramo - Ted HughesNunca tiña lido a poesía de Ted Hudhes até agora, non me importa recoñecer unha ignorancia que me acompañará sempre. Non o digo coa fachenda de quen sabe que le moito e só quere sinalar que sabe moitísimo máis do que aparenta, até o punto en que a limitada humanidade impide cultivarse máis intensamente. Non teño, é a realidade, a satisfacción de ler tanto como quixese, no entanto as miñas tristes carencias literarias marcan outras alegrías valiosas para min, dispersas nas praias de inverno, nos montes ao entardecer, na bicicleta acarón do río, na chuvia que cae polo parabrisas do carro mentres tomo notas para un proxecto que se malogrará, nas compras de hortalizas na feira de Arteixo… Que algúns produtores locais deitan nas patacas pós brancos para que non xorumelen é algo que se aprende despois de converterse nun cliente habitual, se se é tan ignorante coma min.

Digo que a miña ignorancia me acompañará sempre, para logo advertir que batallar contra ela será sen remedio o sentido intelectual da miña vida. Saber que máis outro día atoparei un bon poeta que non coñecía, por exemplo, é en si mesmo un facto que me axuda a ter esperanza permanente. Foi o caso deste que recentemente traduciu o amigo Xoán Abeleira para Bartleby, e que chega a min nunha edición de bolso de gabán: máis de 400 páxinas en bilíngüe inglés-castelán, cunha documentadísima introdución de 60 páxinas onde o Xoán nos conta o constrastado périplo de Hudges polo sistema literario e 40 páxinas máis de imprescindíbeis explicacións dos poemas. Semella ter sido un poeta mensaxeiro, un hermíneo escritor que utilizou a súa poesía como ponte entre a tradición ancestral e a moderna poesía do século XX, chegando a constituírse nunha arteria principal que rega con glóbulos poéticos o corpo literario da modernidade. Nos seus poemas, en que semella vestirse (non disfrazarse) ritualmente como un xamán, invoca os espíritos naturais; estes, rendidos perante un verdadeiro vidente, acoden mansos a el e ofrécenlle os seus espíritos para encarnaren os poemas. Son poemas-tótem, erguidos e sólidos, esculpidos sobre o papel do libro con materia viva:

“Cuervo vio las montañas amajadadas, resollando al amanecer.
Y vio el mar
De oscuro espinazo, apresando con sus anillos toda la tierra.
Vio los astros lejanos, humeando en lo oscuro, setas del bosque de la nada, condensando sus esporas, el virus de Dios.
Y el horror de la Creación lo estremeció. […]”

Non podo valorar a tradución de Abeleira, pois tamén descoñezo os segredos da lingua inglesa. Do que podo dar noticia sincera é de que os poemas en castelán son traballos sen tacha, obras de ourive que sabe harmonizar a imaxe complexa de Hudges coa lingua diamantina dun poema disparado ao corazón.

Share

Deixar uma resposta