<em>Verde oliva</em>, de Xavier Alcalá

Non porque Xavier Alcalá sexa un bo amigo, que o é, senón porque tiven o pracer de ser unha das primeiras lectoras desta novela, quero recomendar Verde oliva a todas as persoas que desexen experimentar unha historia ben contada, un deses libros que non damos soltado nin de pensamento, sobre uns acontecementos que nunca acabaremos de coñecer ao 100%, porque así é a Historia.

Verde Oliva relata os primeiros anos da Revolución de Cuba a través dos ollos de Mariana, galega emigrada que acaba desempeñando un papel activo no Movemento 26J. Unha historia real e veraz narrada pola man experiente de Alcalá a partir do rexistro vital de Juana Maseda, quen lle confiou o seu pasado para que fose coñecido por propios e estraños. Unha gran oportunidade de vermos con lupa un período escuro dese pequeno gran pais que temos tan cerca e tan lonxe.

Aínda que escrita en galego, é a primeira novela de Alcalá que sae á venda antes en castelán, na editorial Nowtilus, mais en poucos días poderase mercar tamén en galego, editada por Galaxia.

Na páxina de Nowtilus podemos acceder ademais a contidos extras da novela, como a Carta de Mariana a Fidel.

Share

1 comment to Verde oliva, de Xavier Alcalá

  • […] Para hoxe luns imos recomendarvos a lectura dunha trepidante novela de Xavier Alcalá, «Verde Oliva», baseada na historia real de Mariana, unha espía galega do Movemento 26 J, e que transcorre nos primeiros anos da Revolución cubana. Como é sabido, a principios de marzo de 1952 o ditador Fulxencio Batista dá un golpe de estado na illa caribeña de Cuba instaurando un rexime político autoritario e absolutamente inhumano. Mariana, filla dun galego “habanero” e dunha creoula, decide integrarse nunha rede secreta de axentes encargados de destruir a ditadura de Batista e, para logralo, intervén en perigosas misións que a levan mesmo a arriscar a súa vida. A modo de adianto, deixámosvos este artigo de Tati Mancebo publicado no blogue «O levantador de Minas».http://olevantadordeminas.blogaliza.org/2012/05/25/verde-oliva-de-xavier-alcala/ […]

Deixar uma resposta