Alfredo Ferreiro, Criação, Poesia

MEDRE O MAR! – Homenaxe a Bernardino Graña

Ao Bernardino Graña

Se o poeta cando dorme, soña,
cando acorda navega
polo mundo que soñou.
O poeta é un capitán
que como mariñeiro traballa
arriando os versos,
izando as metáforas
fregando a cuberta
do poema,
suxeitando o leme
da inspiración.
O poeta é uma garrafa
que contén o soño
fraterno do mar,
un mariño amotinado
contra a armada
da sen razón,
un pirata encendido
contra a marea negra
do autoritarismo.

Oh, Bernardino,
que che hei contar
do episodio das mareas
e a súa influencia no sistema
circulatorio do poema?
Sístole e diástole,
amor que vai e vén
como os barcos na faena
guiados por un faro invisíbel,
torre vertebral do poeta.
Saes de madrugada
co teu corazón fóra-borda,
o ollar no horizonte
e por aparello unha rede
urdida con palabras.
Á fin da xornada
a pesca florece
no que pasas a limpo
como a area peneirada
entre os dedos da man:
as algas de que nacemos
e o sal que nos fai medrar.

Oh, Bernardino,
ti es vello e sabio
e eu estou perdido
nesta lobeira do mar.
Gustaba que me acompañases
na procura das correntes
que aquecen o mar,
na singradura en que o océano
se torna poesía
e as mans do poeta
mans de pescador.
Habiamos de bogar unxidos
reis poetas do mar maior,
erquidos pola onda sublime
que a verdadeira poesía funda.
Á noite, cantariamos xuntos
como alegres mendigos
do altar secreto
dunha tasca inmunda.

Ribeira, 31 de agosto de 2012

Share
Standard