Alfredo Ferreiro, História, Vídeos

Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira

Resulta este libro máis unha entrega de Camilo Nogueira para todos os que vemos imprescindíbel unha revisión da Historia á hora de emprendermos o reto do futuro. Do mesmo modo que na sanidade rusa o doente é por regra xeral sometido a un lavado intestinal, para enfrontar a nosa identidade cultural debemos antes librarnos de todos os tóxicos que o Estado español depositou no aparato dixestivo da nosa Historia. Moitos destes venenos están rigorosamente descritos e catalogados aquí, nunha vontade que ademais mostra a pasividade dunha parte importante dos nosos intelectuais co que realmente importa. Porque, que pode haber de máis atractivo que atopar unha nova liña de investigación coincidente co descubrimento das verdades intereseiramente ocultadas da propia nación? Somos tan poucos a investigar, e os que o fan están tan encadeados academicamente ás versións oficialistas da Historia de España?

Este foi o vídeo de campaña que lle gravamos na presentación no Circo de Artesáns da Coruña, este verán:

Edicións Xerais: “O primeiro ensaio, «O marco europeo da cuestión nacional», trata do proceso de estruturación dos estados e da emerxencia das nacións de Europa, procurando evidenciar que os estados e as fronteiras establecidas son consecuencia de causas históricas e condicionamentos materiais e culturais concretos. O segundo, «O reino de Galiza e as orixes do castelanismo», cuestiona a idea de España atribuída ás virtudes e á superioridade de Castela. O terceiro, «O tempo político dos trobadores», aborda o marco político de consolidación do galego como lingua de cultura e administración entre os século XII e XIV. O cuarto, «Sobre a Historia General de España de Modesto Lafuente», critica a interpretación que inspira as ideas tópicas sobre o carácter do Estado español como nación. O quinto, «O españolismo historiográfico no tempo constitucional», examina o estado desa ideoloxía no tempo posterior a 1978. O derradeiro, «O intérprete supremo», analiza a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o novo Estatuto de Autonomía de Cataluña, que fecha as vías de recoñecemento da diversidade nacional abertas nas pasadas décadas. Unha posición que contrasta coas decisións tomadas polas institucións do Estado español ante o ingreso na Comunidade Europea e o desenvolvemento da Unión Europea, cando decidiron a transferencia de competencias en materias expresamente definitorias de carácter e da soberanía estatal.”

Share
Standard

One thought on “Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira

  1. Pingback: Crónica e vídeo da presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira | ::Axenda cultural AELG::

Comments are closed.