A castelanización da lingua literaria

Hai tempo que veño observando preocupado a castelanización da lingua literaria no que respecta aos obxectos directos de persoa. Erros gramaticais como “Sen avisar á súa nai, marchou da casa”, “Unha roupa axeitada para axudarlle a pasar desapercibido” ou “Só pretendía axudarche, non facer mal” poden ser observados en obras de principiantes así como nas principais plumas da nosa literatura, e até nas edicións máis primorosas. Son influencias dunha lingua na que os falantes se comportan cos complementos, se me permiten a licenza, dun xeito moito “menos directo” que os galegos, contravindo algún dos tópicos psicosociais máis arraigados.

E sucede isto porque o castelán todo o inunda, mesmo as lecturas internacionais das nosas escritoras, desde que restituímos a nosa literatura na contemporaneidade. Penetra así a lingua allea nas nosas mentes creativas con todos os seus vocabulario, prosodia e sintaxe tanto cando lemos a Cernuda e a Martín Gaite como cando lemos a Safo e a Hesse, na inmensa maioría dos casos.

Como evitarmos isto? É fácil: sempre que non consideremos o castelán o referente culto e serio do galego, poderemos aprovisionarnos de lecturas referenciais noutra lingua. Unha que, por exemplo, non use a preposición ‘a’ para os obxectos directos de persoa. {Publicado en Praza Pública}

Share

11 comments to A castelanización da lingua literaria

  • De acordo, Eanes, non presentei o exemplo con toda a información necesaria. O erro entenderíase mellor se tivese ofrecido o seguinte enunciado: “Sen avisar á súa nai, el marchou da casa”. Acontece que o exemplo está recollido nunha obra real, mais como foi lixeiramente variado por min só eu coñezo o contexto e por tanto o sentido pretendido. As miñas desculpas para todos.

  • Eanes

    Ferreiro, o que quería dicir coa miña pregunta é que, a pesar de que “a nai” é OD e polo tanto non debería levar preposición, hai dúas formas de entender a frase: a primeira é que alguén marchou da casa sen darlle aviso á nai, e a segunda é que alguén marchou da casa sen que a nai dese aviso. Velaí a anfiboloxía de que falaba, o que permite o uso da preposición para rompela (sempre que se trate do primeiro destes meus dous exemplos, que parece o máis lóxico ao verse o segundo un tanto forzado aínda que correcto).

  • Eanes, non estou certo de comprender a túa pregunta sobre o primeiro dos exemplos. O meu argumento é precisamente que si pode “avisar a nai”, mais non “avisar á nai”. Sosteño que “a nai” é OD e non debe levar preposición ‘a’.

    Dedoscomovermes: Cónstame que as grandes editoras teñen correctoras, e partillo a opinión de que os erros ortográficos e as grallas son responsabilidade da empresa. Ora ben, ser grande editora non implica, infelizmente, ter recursos sobrados en todo momento, e por veces é mais fácil decicarse a un produto artesanal que verse na obriga de suster un negocio que edite un libro por día, por dicir algo.

    De calquera modo, que as editoras independentes fagan traballos tan dignos é algo que nunca agradeceremos suficientemente. E que un libro saia con erros patentes é un facto que debería facer corar os produtores.

  • eanes, eu também suponho que há por trás questons económicas. porém, eu na livraria estou a pagar entre 20 e 30 euros por livros que nom estám o cuidados que deveram; ninguém me faz desconto nos produtos que esquivam parte do trabalho prévio.
    passa-me sobretodo com algumas obras ensaísticas que pedem a berros uma revisom já nom de interferências ou gralhas mas de simples redacçom: repetiçons contínuas de palavras, concordâncias mal feitas, erros de puntuaçom, falta de coesom… suponho que passa isso porque as persoas que as escrevem som primeiro especialistas do que sejam e só de maneira secundária escritoras.
    eu, em tanto leitora, nom mereço esse calote, pois pago um produto que devera estar bem feito. e as autoras nom merecem que todos os seus esforços criativos e/ou de pesquisa fiquem ensombrados por uma editora poupar a revisom do texto. parece-me mui injusto. e mui irresponsável: dada a situaçom da língua e da cultura, som estes pequenos pormenores os que deveram ser tratados com muito mimo.

  • Eanes

    En xeral, estou de acordo cos comentarios, pero tamén vexo complexidade nos exemplos do artigo. Os tres presentan dúbida. No primeiro vexo unha anfiboloxía, e máis se temos en conta que é opcional e cuestión de uso a utilización de artigo. Por que non pode avisar a nai? En canto á pregunta que fai dedoscomovermes no seu primeiro comentario, ou en moitos casos as editoriais hexemónicas non botan man de correctores profesionais ou estes non son moi solventes. Digo eu que será unha simple cuestión económica. Do contrario, non se entende como nun libro revisado pode aparecer un “Había que telo visto!” ou un “Tiña sido asasinado”.

  • é mais, levo desde que publicaches este artigo, pensando se escrever ou nom a nota anterior…

  • comparto a preocupaçom e, desde a minha experiência gostaria de acrescentar uma reflexom: as editoras hegemónicas galegas contam com revisoras dos textos que publicam?
    os meus dous últimos livros forom publicados por estaleiro e através, e nos dous casos contei, por parte das editoras, com duas (duas!) pessoas que revisárom os textos e figérom sugerências de melhora (que eu aceitei ou nom, polo que a responsabilidade final é minha).
    e cansa estou de ler obras inçadas nom só de interferências do castelhano, mas de simples gralhas e erros de transcriçom. e aí perdo-me, incomodo-me e entra-me vontade de ponher a pampedir ediçons tam pouco profissionais (e insisto, a reponsabilidade é das editoras)… porém, acaba vencendo o pudor de nom fazer lenha da árvore caída. e calo. neste verám de leituras, podo dizer que calei em mais de três ocasions. e numa delas houvem de afogar um berro seco.

  • Exacto, é unha pademia morfosintáctica!
    Eu neste caso quixen falar de lingua literaria sen criticar libros, porque non quixen mesturar un erro de ferramenta con todo o valor literario dunha obra. De feito, os exemplos que usei pertencen a unha obra de grande valor, e que sería inxusto que por uns poucos erros lingüísticos fose escarnecida publicamente.
    Ademais, teño que falar con moita prudencia toda vez que as miñas propias escollas lingüísticas son sen dúbida criticábeis desde outros puntos de vista. Sen medo a falar do propio e o do alleo, debemos mostrarnos conscientes do moito traballo que hai detrás dunha obra digna do adxectivo literario.

  • Totalmente de acordo. Mesmo hai un abuso da preposición A con OD cando se emprega con obxectos e animais, o cal xa é o máximo!
    Eu non comento no blog libros que leo en galego porque me enferman moitos erros que son incapaz de non ver; erro meu é a dificultade que sinto á hora de criticar libros escritos en galego, non sei por que estraño pudor ou… (pon a palabra que queiras). Terei que facelo mirar? 😉

  • Non digo que non, Peke, mais ten en conta que os tres exemplos aparecen (non literalmente) nas primeiras páxinas dunha mesma obra. Ademais, creo que: o enunciado primeiro non ofrece dúbida (sobra o ‘a’); no caso segundo, o enclítico é OD, polo cal non cabería máis que ‘te’, salvo en caso nun caso de dialectalismo que non está apoiado no resto da obra; no terceiro, é tamén claramente OD. En calquera caso o que pretendo é resaltar o uso de estruturas morfosintácticas castelás no galego, feitos que son máis abundantes nos textos dos xornais. E o caso do OD de persoa con preposición actualmente é para min un andazo preocupante.

  • Escolles exemplos un tanto complexos, porque o verbo axudar rexe dativo e acusativo dependendo do contexto e doutros factores que agora non veñen a conto. Pero si, hai erros bastante penosos incluso en autores consagrados. É o que hai.

Deixar uma resposta