Pan de ánimas, de Xoán Abeleira

Pan de ánimas é, no panorama poético actual, un libro sorprendentemente profundo. Comeza por un poema que fala da escrita e no que, despois de dúas lecturas (isto para os muito intelixentes, e de ai para abaixo sempre a dobrar, como diría o Almada) se nos ofrece un fermoso xogo de claroscuros de sabor oriental, esa harmonía de contrarios que tan frecuentemente expresa o paradigma ancestral do Universo (“E o que se desprende do meu alumeamento / son estas ascuas negras a se cravar no branco”). Estas referencias de carácter espiritual non son vas palabras de limiar logo esquecidas, senón que anuncian un rico mosaico de símbolos pertencente á milenaria tradición dos procuradores da Verdade. Só nesta liña pode entenderse o poema “Underground”, que semella facer referencia ao dragón interior aínda sen domar, o condicionamento ou clave corpórea do noso ser que é preciso vencer para que o progreso espiritual aconteza; a morte do dragón equivale ao nacemento do heroe, e deste modo a alma experimenta unha nova fase na súa ascensión iluminadora. Este concepto, tan habitual na tradición esotérica universal, aparece en máis ocasións baixo outras formas, como no poema “A sombra”, no que se revela como esa falsa verdade do mundo que nos oculta a verdadeira dimensión da existencia.

Mais a simboloxía esotérica desta obra non se reduce a uns poucos símbolos facilmente recoñecíbeis, senón que avanza ocupando o poemario como gotas de aceite que ambicionan afectar o libro todo e dotalo de coherencia. Deste modo, á par de reflexións poéticas sobre os cinco elementos, outros poemas tratan directamente o proceso da iluminación espiritual, obxectivo esencial de toda relixión antes de ser deturpada polas ambicións materialistas das institucións relixiosas.

Cremos atopar, ademais, referencias á teoría platónica da reminiscencia, ou se cadra mellor a algunha teoría oriental que coincide con esta, pois as transferencias intercontinentais de coñecemento son milenarias, por moito que en Occidente algúns intelectuais non o queiran recoñecer. No poema “Amnesia”, por exemplo, a vida preséntase como o proceso de rememoración en que o ser estaba vencellado ao Uno, aquela Realeza perdida que como a Branca de Neve do conto debemos recuperar; o paraíso perdido que agarda por nós, e que debemos conquistar para asumirmos o verdadeiro reto da existencia.

Nunha esfera máis persoal, a presenza da morte provoca unha reflexión sobre o universal e o particular do individuo, ese que é peza única, por un lado, e por outra derivación de todos os antepasados, orixinal e copia ao mesmo tempo.

Un poemario, en definitiva, que Xoán Abeleira escribiu desde a procura interior así como desde o coñecemento da Tradición, e que está dirixido a aqueles lectores que procuran moito máis que os versos de intimismo superficial que tanto abundan na actualidade.

Share

1 comment to Pan de ánimas, de Xoán Abeleira