Amigos e sodomitas, de Carlos Callón

Amigosesodomitas_CCallonA lectura de Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media (Sotelo Blanco), de Carlos Callón, foi dobremente reconfortante. En primeiro, resulta ideoloxicamente oportuno visibilizar como se merece unha realidade social que as novas políticas reaccionarias do nacionalcatolicismo español pretenden manter oculta, para que non se produza de novo un enquistamento moral moi pernicioso para a cidadanía. En segundo, celebro que máis un traballo intelixente e rigoroso veña dar luz sobre a nosa literatura medieval, probablemente a máis rica de toda a cristandade hispánica no medievo.

Que os preconceitos en épocas pasadas non foron tan rixos na cuestión sexual como nos tentaron asegurar, é algo ao que xa nos imos acostumando. Mais que a Idade Media non foi unha época de escurantismo, miseria, abuso e enfermidade debemos repetir con voz alta. Ao revés, nesta época o esplendor da Galiza era observado desde toda Europa: a poboación era abondosa, a construción era constante, a comunicación co norte europeo así como co sul arabizado era constante, as mercadorías por terra e mar eran habituais e, en fin, o predominio político da dinastía galaica facíase notar pola cristiandade e o Al Andalus, o que facía de Galiza unha referencia política en toda Europa; Compostela debeu ser no seu tempo, no terreno cultural, como o París do século XX.

Na Idade Media, agora ben se sabe, Compostela converteuse ademais en case unha segunda Roma, o que vai en consonancia co carácter imperial da dinastía galega. Nunha altura, esta liña familiar non só ostentaba os reinos de Galiza, León e Castela, senón que algún dos seus membros era nomeado emperador, facto que o situaba por cima de todos os reis, inclusive dos musulmanos, herdeiros dunha fraccionada Spania tomada polos seus ancestros aos visigodos cando a conquista de capital toledana.

Ora ben, a Igrexa Católica intransixente e castigadora de práticas moralmente pedadentas non aparece até finais da Idade Media. Moito polo contrario, na época en que Compostela florece como centro económico, político e cultural en Roma os papas con frecuencia pasaban o tempo rodeados de riquezas incontábeis e nas máis desenfreadas orxías, nunha superficial imitación do colosal poder da Roma clásica. Os costumes, neste sentido, eran como ben nos lembra Callón moito máis laxos do que se pensa actualmente, ademais de seren probabelmente influídos pola constante interrelación cultural entre o Atlántico e o Mediterráneo.

Neste contexto, que as naturais inclinacións homosexuais non estivesen reprimidas como algúns queren sempre ver, non debe estrañarnos, e isto ben se reflicte na nosa literatura medieval. Callón estuda multitude de textos con referencias patentes ao asunto da homosexualidade, tanto na poesía canto na narrativa, sen deixar de ofrecer paralelamente un cadro histórico, xurídico e consuetudinario que nos regala non menos sorpresas sobre a visión que da homosexualidade tiñan os nosos antepasados.

A obra de Callón descobre máis un filón para recuperarmos algo tan importante como a nosa Historia sexual, que tanto ten a ver co que hoxe socialmente somos e aínda co que desexamos ser. É unha obra profunda mais fácil de ler, que se centra na análise textual. Neste sentido, se recoñecese a lírica medieval como teatro, tal como defendemos noutras ocasións, outras pontencialidades xurdirían. Efectivamente, o teatro permite estudar ademais do texto literario o texto espectacular, é dicir, aquel que se escenifica realmente e que pode ser visualizado como diverso do que literalmente foi escrito polo autor, nomeadamente cando non existen acotacións. Un exemplo ben pode ser a recreación da pequena peza titulada por Nodar Manso Donzela, onde as cantigas de dous trovadores son representadas como unha única peza en que ambos, con referencias xestuais explícitas sobre a sodomía, satirizan unha doncela mediante un diálogo que usa termos faciais e non xenitais. Podedes ver ilustrada esta peza no seguinte vídeo, nunha interpretación de Tati Mancebo, Carlos Sante e miña, se tedes paciencia para atopala da metade para o final e perdoades as miñas limitacións como actor.

Share

Comments are closed.