Para o 'Proxecto Cárcere' da Coruña no seu 2º aniversario

Texto de apoio do Grupo Surrealista Galego ao Proxecto Cárcere da Coruña, con motivo do seu 2º aniversario.

E 76 anos despois o cárcere volta pecharse, esmagando desa vez o traballo e a arela dun voluntariado impecábel.

Nós amamos a liberdade, como tolas e tolos da liberdade que somos. Acaso é amar de máis? Nous n’avons rien à nous reprocher. Non temos nada que reprocharnos.

Nós sabemos que son a pobreza e a exclusión as que edifican cárceres, como a miseria intelectual tamén nos encerra e non nos deixa amar, nin amarnos, nin sermos nós os faros da nosa emancipación.

Desde que comezamos a desaprender somos quen de reinventar a realidade, no noso devir superreal.

Somos alquimistas, somos ferreiros; andamos a fundir barrotes, cadeas e ferrollos, e no crisol onde nacermos xorde o lóstrego dunha chave universal, a que abre tamén os cárceres do espírito.

Non falamos en futuro, nós non sabemos agardar, queremos toda a liberdade agora, e mesmo denantes. Ao non sabermos pedir, non nos queda outra que apropiarnos. Nacemos -xalundes! Vemos – alén! Respiramos – aquí mesmo!

Desmilitaricemos as mentes.
Deixade as covas do ser.
Abride o cárcere!
Adiante compañeiras, compañeiros do Proxecto Cárcere! Parabéns!

25 de novembro de 2012. G.S.G.
Panfleto en apoio ao Proxecto Cárcere. II aniversario.

{Vía Grupo Surrealista Galego}

Share

Comments are closed.