O Grupo poético Hedral reencontrouse n’ Á lus do candil

Grupo poético Hedral na libraría Á lus do candil, de Arteixo (7/12/2012)Levaba un tempo camiñando por esta terra, traballando neste país, criando os fillos como xeracións sen termo fixeron antes ca min e, subitamente, reencontreime con aquel eu mesmo que tiña vinte e cinco anos e profesaba a súa fe na poesía, na vangarda, no anarquismo, no lusismo… Os compañeiros daquela guerra en que loitabamos pola modernidade que nos tocaba construír, contra unha incercia cultural que nos parecía pouco seria, pouco sincera, pouco valente, pouco intelectual, pouco tradicional, pouco profunda e, en denitiva, pouco atractiva e deliberadamente pouco fértil, reuníronse de novo. Percibín como o tempo pasou e, aínda que tolerei os erros doutrora como un avó perdoa e xustifica amorosamente as crianzas, gustei de recoñecer os acertos que da intuición xuvenil chegaron a ser alicerces dunha filosofía que acredita no valor do amor e da arte, que acredita nun país tan forte e tan rico que prefere, máis intelixentemente do que algúns pensamos, aparentar que se deixa levar pola maré, como sen vontade, cando o que desexa é nunca camiñar polo carreiro que lle marcan desde afastados despachos.

Vinte anos pasaron, de guerra íntima e de loita social e, vendo de novo recitar os compañeiros do grupo, revelóuseme que a verdade está noutra parte que nos números do día das eleccións, os números da oficina de desemprego, os números da economía estatal, os números do documento de identidade… A poesía apareceu aquel venres n’ Á lus do candil e a luz fíxose palabra á vez que os números caían derretidos no chao. Os números do latrocinio, cifras dunha falsidade roubada, perante a verdade iluminada da poesía.

Todos os días preciso de ler as noticias políticas e económicas, e todos os días me digo que ler isto é unha tentación malévola que o sistema me ofrece para me contaminar, para que pense que podo mudar algo nesta falsa democracia en que o que o pobo di a ninguén importa, en que o pobo é quen menos ordena.

E cada vez que sucumbo, vexo como o meu corazón se torna escuro, a miña vontade amolece e o desánimo crece en proporción inversa á miña vontade de actuar.

Por iso agora quero dicir que renego íntima e publicamente desa realidade falsa que nos describen a maioría dos medios. Eu non recoñezo máis autoridade que a de quen é autor (cf. Mário Cesariny), e os autores que máis me interesan son os meus amigos, os meus familiares, os meus veciños, as miñas compatriotas, os meus artesaos, as miñas labregas, os meus mariñeiros, os meus xornalistas, as meus profesoras, os meus taxistas, as miñas dentistas, os meus artistas, as miñas escritoras, os meus libreiros… porque día a día son autores da miña vida. Non desexo prestar máis atención ao canto das sereas dun mar que nunca hei de navegar. Eu son de aquí, convosco moro e para vós escribo. E acarón de vós hei de morrer.

Nota: na foto de acima, que me manda Ramiro Torres, figuran (de esquerda e en pé): Alfredo Ferreiro, Luís Maçãs, José António Lozano, François Davo, Pedro Casteleiro, Tati Mancebo, Mário Herrero e Dulce Fernández. O vídeo é de Tati Mancebo.

Share

2 comments to O Grupo poético Hedral reencontrouse n’ Á lus do candil

  • antonio

    Un placer leerte y oirte, pedro, saludos de un compañero del Tirso de Molina.
    Recuerdo con gran ternura aquella época de nuestra infancia.
    Supongo que ahora sabrás de quien se trata.
    Ambos viviamos en Canido,
    saludos antonio, mi mail libertap@gmail.com

  • Pedro Casteleiro

    Parabéns polo renovado entusiasmo (tu lembras o que significa entusiasmo…:-)? Aperta.