Para unha biografía de Ramiro Torres, auténtica

Ramiro Torres por Gabriel Ferreiro (2013)Probabelmente algúns de vostedes non o saberán, mais o autor de Esplendor arcano, Ramiro Torres, é unha persoa singular desde o día en que chegou ao mundo.

O día que Ramiro naceu a súa nai estaba calma, tan asombrosamente calma que parecía querer parir como quen se dedica a unha actividade plácida, como quen non ten présa por acabar o choio e prefire andarse polas ramas. Tanta fama atinxiu esta actitude natalicia, que desde ese día o “estilo ramírico de nacer” figurou nos anais da Obstetricia.

No entanto, os prodixios non se cinguiron aquel día á área da ciencia médica, senón que algúns sucesos milagrosos houberon de colorir o seu nacemento co tinte dos elixidos: a matrona que o atendeu, nai confesa de tres cachorros, recuperou no acto a súa virxindade; e o xinecólogo que apañou o corpo de Ramiro para que non se magoase cando tombou no frío e luminoso mundo, nunca máis precisou de facer a manicura pois os seus dedos permaneceron delicados e suaves por sempre, para delicia de familiares e pacientes.

Ramiro Torres por Gabriel Ferreiro (2013_2)Si, señoras e señores, a abrupta experiencia do nacemento humano foi para Ramiro Torres unha doce caída polo tobogán da vida, e esta sabedoría, como os seus amigos sabemos, tamén afecta aos que rimos con el, aos que traballamos con el e aos que lemos os seus versos. Por iso a publicación de Esplendor arcano nos produce tanta emoción, porque recoñecemos un estilo propio, o ramírico, co que este libro foi parido, e mercé ao cal semella ter saído do prelo como por elevada e arcana predestinación, como un deses acontecementos que mudan o rumbo da Historia e que, se coñecésemos as antigas artes, saberíamos ver escritos no firmamento.

Hoxe é un día histórico porque podemos comprobar coas nosas mans e cos nosos ollos, en negro sobre branco, que acaba de nacer unha das potencias poéticas da época.

Deamos grazas á musa, e que a todos nós inspire. Amén.

Nota: Este texto foi lido na presentación de Esplendor arcano en Portas Ártabras, en 25 de xaneiro de 2013. As fotos son de Gabriel Ferreiro.

Share

3 comments to Para unha biografía de Ramiro Torres, auténtica

Deixar uma resposta