Narrativa, Sociedade, Tati Mancebo

O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz

Varias son as lecturas de O rastro que deixamos. Ao testemuño directo de tempos que xa non existen máis que na memoria, podemos interpretar entre liñas os cambios no discurso e admirar o compromiso de Agustín Fernández Paz coa nosa cultura no seu empeño por relatar o universal desde a súa experiencia máis individual. Anos de amigos, de afeccións, de preocupacións e teimas mais, sobre todo, de esperanza e confianza nun mundo mellor. Para a miña xeración, dos anos sesenta, supón un privilexio contar co relato da nosa prehistoria máis recente escrita por un mestre da xeración intermedia entre a nosa e a dos nosos pais, presentado como un prato de pementos de Padrón coa súa síntese de sensacións encontradas. Moito temos que agradecer ao colectivo Avante que, a forza de vontade común, fixo realidade os libros de texto con que comezamos a estudar galego por primeira vez en moitos séculos, aos movementos de renovación pedagóxica e a tantas persoas que, nunca suficientemente recoñecidas, conseguiron facernos acreditar na nosa lingua e sabermos transmitir aos nosos fillos eses mesmos valores como señas imprescindíbeis da nosa identidade.

Tati Mancebo

Share
Standard