Erotismo e lectura

Lembro con ardente emoción as aulas de literatura española do instituto. Con quince anos e unha admiración pola beleza feminina que levaba tempo desatada, tocoume en sorte ter como profesora de literatura española unha adorábel poetisa sudamericana. Era loira, o que supuña un plus desde as máis temperás fantasías, posuía uns labios moi sensuais e o que o seu desenfado docente lle indicaba era sentar sobre a súa mesa colocando os pés na dos alumnos da fileira de diante. O panorama era do máis inspirador: unha loira subida nunha mesa a falarnos de estética literaria encanto nos mostraba unhas medias con motivos florais axustadas sobre unhas coxas redondas, maduras e experimentadas. É escusado contar que aquel ano logrei un sobresaliente en todas as avaliacións, e que nunca me vin máis incentivado para preparar exames con voluntarias lecturas extra. Entendo que naquel curso naceu en min unha duradoira afección pola literatura, que se mantén firme como poucas desde hai trinta anos.

Nunha ocasión explicounos a diferenza entre pornografía e erotismo. Na pornografía, argumentaba ela, o sexo é explícito e móstrase abertamente, encanto no erotismo a excitación sexual é provocada pola suxestión. E poñía como exemplo o final dunha novela en que os amantes, despois dunha triste separación, se reencontraban nas rúas de París; o galán, antes de pechar a porta e correr as cortinas do coche, daba a seguinte indicación ao cocheiro: “Por favor, non pare de conducir pola cidade até que o avise”. Agora vexo, teoricamente, a escena en toda a súa profundidade: a tracción animal fóra e a atracción animal, non menos poderosa, dentro da carruaxe.

Un xogo erótico con algunhas diferenzas é o que propón Clayton Cubitt nun traballo intitulado Hysterical literature: “O proxecto, que esperta opinións ben encontradas, consiste en gravar a mulleres lendo un fragmento dun libro mentres na entreperna teñen un vibrador, escena que non se mostra no plano. As protagonistas len ata que xa non poden aturar máis a tensión sexual. Segundo Cubitt, o que lle interesa é “a batalla do individuo entre mente e corpo. Ademais estou interesado en como as culturas trazan unha liña divisoria entre o aceptable e o prohibido(cfr. Letra en obras). A proposta consiste, ao meu ver, no contraste entre unha situación tan pública como a lectura e a experiencia dun orgasmo que acontece á vista de todos; nun segundo plano funciona, ademais, a dúbida de se a experiencia sexual é simulada ou se realmente existe un aparello oculto de probada eficacia. De calquera modo, teño para min que o autor é ben consciente de que non provoca indiferenza, e que esta desinhibición é se cadra proveitosa nesta nosa sociedade aínda lastrada por unha moralidade católica que estigmatiza o pracer sexual. Non menos interesante resultan, por outra parte, as parodias que están a xurdir. {Publicado en Praza Pública}

Share

Comments are closed.