Alfredo Ferreiro, Jornalismo, Sistema literário

Das críticas vas á boa crítica

Con demasiada frecuencia escóitanse críticas persistentes sobre varios sectores do sistema literario, como se quen falase descubrise un mal conxénito, unha pesada cruz coa que a súa sensíbel mente ou o seu sufrido talento tivesen que cargar desde a orixe dun seu magmático patriotismo. “Neste país só hai cinco verdadeiros poetas, como moito”, teño ouvido de veteranas plumas; “Os premios literarios están amañados, pois non pode ser que gañen sempre aquelas que gañan”, teño escoitado xa nin sei se en soños ou entre murmurios de última hora; “As editoras publican sempre os mesmos” ou “As institucións pagan as viaxes aos de sempre”, e afirmacións deste teor aparecen e desaparecen continuamente como aquelas variedades de nubes que estudamos na primaria, e que mostran a insatisfacción permanente daqueles que non toleran a sombra cando outros apañan un sol supostamente cegador.

Evidentemente, a crítica literaria non se salva da queima que promoven estas sulfúricas linguas: “Os críticos sempre eloxian as obras dos amigos”, ou “De min falou mal porque non me trata, e con alguén ten que xustificar a cota de críticas negativas do ano”, por exemplo. Non é fácil, como xa teño defendido, escribir libros nunha lingua con tan poucos lectores, vender libros en tan exiguo mercado e facer crítica sen medios de suficiente divulgación. Estamos a falar, amigos e amigas, de traballos que esixen unha entrega tamaña e que logo non dispoñen de boa pista para despegar. E mentres tanto esforzámonos, algúns que moito menos fornecen botan a lingua a pacer e sen contemplacións desprezan traballos que eles propios non son quen de facer nin dispondo de varias reencarnacións.

No entanto, temos que recoñecer que en ocasións os argumentos á hora de valorarmos as obras non son da altura que se require. Os parámetros deberían ser técnicos, e non basearse fundamentalmente en criterios de gusto persoal, ideoloxía, suposta caducidade dos xéneros ou irrenunciábel modernidade. Si é certo que estas cuestións poden aparecer nunha argumentación, mais debería ser, creo eu, en segundo plano e xustificando estratexias de maior calado que os meros caprichos do crítico. Porque se non non existirá un criterio digno de tal nome, e nada salvo o criterio propio constitúe a xustificación dunha crítica literaria. Ao mesmo tempo, por exemplo, pouco ou nada se valora a lingua literaria, e discursos por veces ben pobres, quer por falta de matices quer por apoiarse demasiado en referencias castelás, chegan a coroarse con premios que, nacendo para normalizar, converten en habitual unha temeraria desviación cultural.

Para finalizar, vouvos pór un exemplo do que é ter criterio, se me permitides a vaidade de contar unha anécdota da casa. Recentemente G. F., de doce anos, leu esta obra por prescrición docente: Chamádeme Simbad, de Francisco Castro. Despois de terlle dedicado á lectura tan só unha tarde, a súa concisa valoración foi a seguinte: “Gustoume moito, moito. Porque habendo tan poucos personaxes como hai, e tan poucos escenarios, mantivo a acción dunha maneira que non era capaz de parar de ler, nin sequera para ir ao baño. E iso paréceme un mérito moi grande”. Como vedes, aquí hai criterio, pois este lector sabe moi ben que as súas preferencias tenden á variedade de personaxes e escenarios; e ademais hai fundamentación técnica, pois explica claramente en que consiste a fórmula do autor e que tipo de éxito logra con esas ferramentas narrativas.

{Publicado en Praza Pública}

Share
Standard

Deixar uma resposta