17 de maio: reivindicar as Letras non é suficiente

Son as 10:25 hs. da mañá neste venres chuvioso en que tantas amigas e amigos estarán a saír das súas casas para unirse á manifestación de Compostela, máis unha reivindicación popular para que obtuso Goberno do PP subministre a medicación imprescindíbel á lingua propia da Galiza e que esta non morra no pendello miserábel da política lingüística actual, van ornamento dese decorado de spaguetti western que é a democracia española. A min hoxe, despois de varios anos, tócame ficar en casa, aínda que o meu corazón viaxe á vella capital do Reino que un día iluminou coa súa cultura o occidente europeo.

Se o pasado foi esplendoroso, o presente é deplorábel, sobre todo cando constatamos que a situación que persoas como Rosalía de Castro denunciaban hai cento cincuenta anos foi perpetuada até o momento presente. Para confirmar isto non temos máis que reparar na descrición que neste vídeo se fai da sociedade rural da Galiza dos anos 70.

Unha profesora afirma: “Ocurre que muchos de los niños que asisten a este colegio son de la zona rural, entonces tienen un grave problema con el bilingüísmo. Ellos están acostumbrados a hablar en gallego casi siempre; les queda el castellano para contadas ocasiones. Entonces, a la hora de expresarse lo hacen con dificultad por la falta de vocabulario y también por la poca expresión. Así, prefieren a veces callarse o contestar con monosílabos”. Como se comproba, “expresarse” significa “falar en castelán”, porque o galego non é considerado unha lingua. Vemos a continuación como todas as alumnas traballan ao chegar á casa: andan coas ovellas, dan de comer aos porcos, fan queixo, dan a cea aos irmáns e déitanos, e só despois de limpar a cociña poden dedicarlle un tempo aos deberes. Probabelmente con ruído e pouca luz, no único lugar quente da casa. O vídeo termina cunha estampa paradigmática: unha avoa moi vella, con certeza posuidora dunha cultura secular, canta á súa neta unha canción de berce nun recoñecíbel castelán, alimento cultural asumido como imprescindíbel para as novas xeracións. A boa mantenza e os traballos dignos habían de vir mediante o coñecemento de unha única lingua de cultura e instrución, diversa da dos alumnos. En que mudou para o galego a situación, por tanto, desde a publicación de Cantares Galegos?

Describamos agora a actualidade. Coñezo un matrimonio que é practicamente monolingüe en galego; por moito que comprendan o castelán, é probábel que non sexan quen de dicir dúas frases seguidas sen apoiarse no galego. Unha competencia, evidentemente, moi común debida a unha escola escasa e a que non se precisa máis para vivir nunha vila galega. A súa filla falou na casa en galego, aínda que aprendeu unha profesión fundamentalmente en castelán, como é tan común. Mais agora que é adulta e mora cun compañeiro a cousa mudou. Por moito que o galego é a lingua común das familias de ambos e a deles propios, como os seus falares inmediatamente delatan, o castelán comeza a instalarse nas súas conversas diarias, mormente naquelas que acontecen en público. É por un desprezo da lingua galega, da cultura tradicional ou debido a unha irredutíbel bacteria galeguicida? Non, é simplemente que os pombos están a facer o niño, e que cando pensan nos seus fillos constrúen a vida cos mellores materiais, ofrecen con cariño os recursos máis útiles e procuran a mellor protección para o futuro dos seus. Como os nenos e as nenas do vídeo precedente, ninguén desexa un traballo miserábel, e así todo se resume a unha cuestión xeo-económica: a aldea é foco de miseria, e o galego representa a aldea.

Noutros ámbitos recentemente tiven mostras dunha desafección con consecuencias similares. Un compañeiro de actividades deportivas, nacido e criado na cidade, considera que o galego nos últimos foi erroneamente imposto, e que isto provocou o rexeitamento de moita xente. Entende que o galego debía de ser promovido con políticas que o fixesen atractivo e cálido, e non en situándoo en posición de conflito: para el que na escola lle expliquen ao alumnado os mesmos conceptos en dúas linguas diferentes é un motivo de confusión inxustificábel. O galego, na súa opinión, non debe ser imposto, por moito que asuma leis en todos os ámbitos da vida para protexer un número vastísimo de asuntos. Non comprende, por moito que é unha persoa perspicaz e xusta, que as decisións lingüísticas, e sociais en xeral, deben ser analizadas con criterios profesionais, tal e como el aplica rigorosamente ao seu oficio.

Outro compañeiro do mesmo ámbito, este funcionario, non comprende que teña que sentirse obrigado a aprender catalán se o destinasen a Cataluña. Non comprende a obriga simplemente porque estamos en España, e iso demostra que a democracia española nada educou os españois nos últimos corenta anos de posfranquismo. Que democracia non é o esmagamento da minoría pola maioría, que democracia é o respecto das liberdades lícitas de todas, que democracia é un pacto revisábel a cada momento conforme a unha realidade en permanente mudanza non foi un obxectivo da “transición democrática”, unha transición inconclusa que agora transixe co autoritarismo. É este un compañeiro sensato que comprende que cando me paso ao castelán puntualmente porque alguén non me entende son educado, mais que se o fago por sistema cada vez que alguén non me fala galego non podería falar a miña lingua en case ningunha ocasión. É tamén unha persoa sensíbel que comprende que o desprezo do galego transcende o uso da lingua e que implica no fondo unha actitude que rexeita o propio, e que iso é algo manifestamente contrario ao progreso social.

Concluímos, por tanto, algo a todas luces evidente: que se en galego non se pode facer vida, ninguén quere vivir en galego. E digo eu, en que sentido é convincente reivindicarmos unhas Letras que transcriben unha lingua inútil? Non serei eu quen cuestione a importancia do Día das Letras, unha das poucas institucións que se cadra terá sempre sentido defender. O que cuestiono son as Letras que hoxe defendemos, porque son con certeza a transliteración dunha lingua que non resulta útil aos galegos. Non discuto que moitos conseguisen presidencias, prazas de profesorado, premios literarios ou teñan erguido proxectos culturais de incuestionábel envergadura e mérito incontestábel. Só digo que o galego con que foi construído todo isto é unha ferramenta obsoleta, como o pobo leva tempo a nos mostrar.

Son as 14:00 e probabelmente a manifestación en Compostela estea a rematar. Aínda que o artigo de hoxe teña un certo sabor amargo, poño por diante que debemos apoiar sempre todos os esforzos que se fixeron e fan pola defensa da lingua galega, se estes son sinceros. Analizar o presente con rigor, se o que pretendemos é ter un futuro colectivo, é preciso. É tempo de enfrontar decisións transcendentais, aínda que os incómodos persoais sexan inevitábeis.

Share

Comments are closed.