Manifesto III Enarborar o bosque: pola defensa de Corcoesto

Manifesto
“Creadoras e creadores galegos- músicos, poetas, artistas plásticos e e visuais, actrices e actores, magos… co apoio de colaboracións internacionais, xuntámonos o día 1 de xuño , data próxima ao día mundial do medio ambiente, na Carballeira de Santa Mariña – Corcoesto, Cabana de Bergantiños, para amosar un ano máis o noso compromiso coa conservación da Natureza, e neste 2013 fixamos a nosa mirada no forte impacto das explotacións mineiras en Galicia, especialmente as que se realizan a ceo aberto.
O proxecto de Edgewater Exploration Ltd de explotar unha mina de ouro a ceo aberto en Bergantiños representa o máximo expoñente desta ameaza no noso territorio. Pero non hai que esquecer  as explotacións xa en desuso  como as de lignitos en Meirama e As Pontes de García Rodriguez, rexeneradas con proxectos sinxelos e baratos para as empresas pero ambientalmente incorrectos, xa que se optou por enchelas de auga. Lembramos tamén as máis activas neste momento, as de rochas ornamentais, nomeadamente granito e lousa, nos lindes de espazos de grande valor ambiental que no segundo dos casos mesmo sepultan vales enteiros das serras do Courel e Pena Trevinca, provocando unha situación de deterioro irreversible, que chegou a condicionar a delimitación destes Espazos da rede Natura 2000.

O proxecto para a mina de ouro de Corcoesto é unha mostra máis da insostenibilidade do sistema mineiro, deséñase dende o mercado, para dar satisfacción a un consumo por riba das nosas posibilidades ambientais. Na península temos un exemplo tráxico no accidente de Alnazcollar, a rotura da súa balsa provocou o vertido de 2 millóns de m3 de lodos e 4 millóns de m3 de augas ácidas transportadas por unha onda de case que 4 metros de altura.  O dique meirande das balsas de Corcoesto sería 3 veces maior e en caso de accidente o volume de lodos e augas contaminadas que podería liberar duplicaría con creces o de Rio Tinto. O desnivel e a escasa distancia ao esteiro do Anllóns faría, en caso de accidente, que as poboacións de Anllóns Grande e Ponteceso ficaran dramáticamente afectadas por unha avenida que multiplicaría por catro a máxima rexistrada nos dous últimos séculos, cubrindo cunha capa de lodos de casi 3 metros as 400 Ha. do esteiro do Anllóns, dende a ponte de Ponteceso ate a súa desembocadura na illa da Tiñosa, e con caseque 50 cm de lodo tóxico a ría entre os faros de Punta Roncudo e Laxe. Lodos que conterían 8,5 Tn de arsénico. Ese é o perigo latente pero hai outros, hai máis, a mobilización do arsénico presente no solo -aos que se suman sustancias como o cianuro, sosa caustica ou ácido clorhídrico- a súa incorporación á capa freática e á rede hídrica, coa ameaza subxacente sobre as empresas de produccion gandeira e agrícola e as labores acuícolas e pesqueiras, produciría un claro empobrecemento da zona e a súa hipoteca unha vez rematada a explotación mineira, non compensada por un puñado de postos de traballo durante unha década. A máis hai que poñer en relevo a importancia paisaxística e de biodiversidade do Esteiro do Anllóns,  especialmente a nivel ornitolóxico.
Pero non esquecemos as necesidades e a dependencia mineira da nosa sociedade, sabemos do impacto local e coñecemos o que xenera o noso consumo noutros paises , como exemplo bastaría falar da guerra na República Democrática do Congo (Uganda e Ruanda) xerado a partir do coltán, preciso para fabricar os móbiles ou a guerra financiada pola venda de diamantes na mesma zona e Angola, Serra Leoa… ou as condicións de explotación humana para a extracción de ouro e outros metais preciosos en Sudamérica. Sabemos o custe do ouro pero tamén do petróleo, do carbón,  dos metais… en outros países, o custe social e ambiental, polo que facemos un chamamento para deixar de identificar consumo con prosperidade.
Non queremos este proxecto de mina de ouro en Corcoesto e nos comprometemos, e facemos un chamamento á sociedade para que faga seu o compromiso,  cun decrecemento do consumo de recursos que nos faga avanzar cara a unha relación sustentable coa natureza.

Este é un acto simbólico promovido polos artístas  Deli Sánchez de Factoría Delideas e os compoñentes do colectivo arTeu, Inma Doval e Xacobe Meléndrez. Coa colaboración da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños e o apoio da Federación Ecoloxista Galega (FEG).” {III Enarborar o bosque}

Share

Deixar uma resposta