Alfredo Ferreiro, Breves, Sistema literário

E o mercado, Xavier?

Xavier Queipo: «Coido que o galego é unha lingua tan semellante ao portugués como o sueco éo do danés, e a ningún escritor sueco se lle ocorre escribir en danés nin viceversa. Pódeno ler, falar e mesmo poden autotraducirse, mais a ninguén (supoño que haberá excepcións) se lle ocorre mudar de sistema literario. Se cadra é porque teñen un estado propio…» [Sermos Galiza]

Podemos discutir as semellanzas lingüísticas, falarmos de sensibilidades particulares e de escollas persoais, mais o sector editorial galego, non só humilde senón emerxente desde hai unhas poucas ducias de anos, esmorece pola falta de mercado: «O sector editorial en Galicia, dende o 2008, ano no que acadou as súas maiores marcas de edición e facturación, sofre un retroceso no mercado interior» (Manuel Bragado en Miss Ideaspropias). Esta situación, que fai dubidar de se algunha editorial de libro galego ficará en pé dentro de tres anos, lévanos directamente a imaxinar un país en que importantísimos referentes culturais que pensabamos inmutábeis deixarán de existir. Será o mesmo o noso querido e humilde sistema literario cando os libros en galego de autores actuais realmente sexan difíciles de atopar? Que exemplo seguirán os alumnos con pruridos de escritor cando o galego sexa unha lingua rara para eles desde o ensino pre-escolar inencontrábel nas librarías dos centros comerciais? Importarán algo as escollas persoais daqueles que viviron a xuventude no século pasado, serán exemplo de algo para aquelas lectoras que consideran tan distante o franquismo como o romantismo? Teño moi claro que o castelán será a lingua principal, e que se converterá na lingua única se non aproveitamos o que resta de cultura galega como unha porta para o mundo lusófono. Seguindo esta última alternativa, que pasa agora perante a nosa casa como o derradeiro tren da xornada, unha nova oportunidade podería surxir para cultura galega, un marco de internacionalización que daría lustro aos milenarios tesouros que aínda o país conserva. Un contexto, en definitiva, onde a galeguice non resultase un estorbo, senón unha reconfortante viaxe ás orixes certas da lusofonía.

Share
Standard

4 thoughts on “E o mercado, Xavier?

  1. vidal says:

    Non, ho, non pasa nada. Non sei se non será un defecto de Blogaliza; deime conta de que, cando un enche as caixas, só debe encher dúas, a do nome e a do correo electrónico. Se tamén pon páxina web, o sistema considérao spam. Non podo dicirlle se tamén pasa no meu blog, porque ten moi pouco tempo de existencia. Un saúdo.

    ===
    apequenanovelagalega.blogspot.com.es

  2. Vidal says:

    Ven o comentario anterior a conto do enderezo do meu blog, parece ser. Mire que o nome non vai mal escollido, apequenanovelagalega.blogspot.com.es … Un saúdo.

Comments are closed.