Breves, Ensino, O levantador de minas

“A Cultura Galega contra a LOMCE”

«O sistema educativo que impón a LOMCE é un sistema afastado do noso país, da nosa cultura, da nosa historia e da nosa lingua, é dicir, de todo aquilo que nos conforma como pobo. Un sistema que pretende formar persoas desarraigadas que non se recoñezan no contexto que as rodea, converténdoas en analfabetas na cultura e mesmo na lingua que este país creou ao longo dos séculos.
Un sistema educativo público debe estar ao servizo das necesidades do país ao que pertence, vehiculizado na lingua propia para formar na súa cultura e para a súa cultura. A LOMCE pretende alienar e uniformar o alumnado galego cun traxe españolizador que lle impida recoñecerse como galego e coñecer a obra dos seu propio pobo e das e dos que singularmente destacan nel como creadores excepcionais.
Rexeitamos un sistema educativo que educa as persoas para ser emigrantes e que desvaloriza o propio como inservíbel e desapropiado. Non é posíbel respectar a diversidade, avanzar e mesmo construír outro mundo se non se fai desde o coñecemento e a estima do propio.
O sistema educativo debe ter como obxectivo prioritario o de dotar as xeracións futuras das ferramentas necesarias para se educaren na capacidade de análise crítica, no razoamento científico e desprexuizado, no laicismo, na solidariedade, na igualdade, na xustiza social, na equidade, no exercicio da democracia e da liberdade de expresión para así contribuír á transformación social, necesaria para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Por iso, as e os que a seguir asinamos, persoas ligadas á cultura galega reclamamos a retirada da LOMCE.»

Para mostrar o teu apoio ao acude ao web da Plataforma Galega en defensa do ensino público.

Share
Standard