Xesús González Gómez:

Fin das baduadas: a modo de manifesto que non o é

Versos Fatídicos, por Alfredo Ferreiro (Positivas, 2011)XGG: «André Breton, como Benjamin Péret, Aragon e outros, mesmo algún Paul Éluard, foi na súa mocidade contaminado polo proxecto mallarmeano do libro total: do Libro. De aí que o surrealismo, aínda que no momento da súa aparición dea as costas ao simbolismo, as súas raíces simbolistas, nunca rompeu, todo o contrario, co pensamento do Libro, cun proxecto do libro total que compromete tamén todo o seu destino comunitario e que o constitúe fundamentalmente nun proxecto comunitario. Porque o Libro de Mallarmé é tamén isto, ou sobre todo isto: o nome da esixencia comunitaria que atravesa, que marca a ferro a literatura moderna, dos románticos alemáns a algúns grupos denominados de vangarda, ante todo o surrealismo, a pasar precisamente por Mallarmé.

O surrealismo é, xa que logo, unha esixencia comunitaria, como ben percibiu Jules Monnerot en La poésie moderne et le sacré. (Non imos enguedellarnos, mais, talvez, esa esixencia comunitaria –nada a ver co comunitarismo– do surrealismo estea atravesada, ou alicerzada, no Contrato social roussoniano). Como esixencia comunitaria é tamén, sempre falamos do surrealismo, unha esixencia poética: a poética da existencia, que é a poética última e verdadeira do surrealismo. Estas esixencias, comunitaria e poética, conducen a que, aínda que diferentes entre si, os poemas, os textos surrealistas gocen dunhas constantes (constantes que chegan a dominalos?). Constantes, que non tópicos, tanto no sentido retórico como no cotián. Constantes que, dunha ou outra maneira, se manifestan nos poemas dos poetas surrealistas1. Isto pode comprobalo doadamente un lector interesado folleando con certa atención calquera antoloxía de poesía surrealista, francesa ou non.

Nós, neste artiguiño a modo de manifesto que non o é, non imos facer tal cousa. Si algo semellante, con dous poetas surrealistas e galegos, con dous libros de poemas surrealistas: Versos Fatídicos (1994-2010), de Alfredo Ferreiro (Edicións Positivas, 2011), e Esplendor arcano, de Ramiro Torres (Edición do autor, 2012)).

Versos fatídicos e Esplendor arcano son dous poemarios ben diferentes entre si, aínda que estean atravesados (alicerzados) por unha mesma poética literaria e –avanzámolo – pola esixencia poética surrealista: a poética da existencia. Afirmamos que son dous poemarios diferentes entre si, o que, a pesar do que levamos dito e afirmado, é certo. Aínda que teñan temas comúns, visados, en certa maneira, desde unha mesma óptica, mais, por exemplo, a evidencia irónica está máis presente en Ferreiro que en Torres. Ou, por exemplo, a presenza da morte –a contrario– é máis nítida en Torres que en Ferreiro. Neste último a morte, máis por ausencia que por presenza, inscríbese na continuidade das metamorfoses surreais. Torres, pola súa parte, procura un equilibrio entre o enigma que é a morte e as liñas de forza que son amor, liberdade e poesía. Etcétera.

Non imos continuar –talvez outro día– desvelando diferenzas entre os dous poemarios (diferenzas, maticemos, non xerárquicas), xa que o que nos trouxo aquí foron precisamente as coincidencias profundas entre un e outro libro, entre un e outro poeta.

Cando o lector, un lector, inicia a lectura destes dous poemarios, Versos fatídicos co poema ‘Visión do médium’ Esplendor arcano con ‘Amor esplendendo no…’, e continúa, o primeiro que percibe é a fonda implicación en ambos poetas do eu. Tanto do eu persoal como do eu poético, que chegan a se confundiren, a se fundiren. E tanto nun como noutro poeta, nun como noutro libro, aínda que non estea fondamente atento, o lector percibirá fortemente, mesmo como se se producise un choque físico entre a vista e o papel, entre a vista e as letras, a aparición dunha nova persoa poética: a primeira do plural.

O nós non maiestático, senón o nós comunitario. Na páxina 23, en Esplendor arcano

Somos espuma de
uma idade vindoura,
afastando-nos do medível,
abstraídos perseguidores
de uma língua arrincada
aos sentidos, aquecendo-se
na contraluz do universo à
espera do seu percurso
enigmático dentro de nós.

Inmediatamente, na páxina 18, en Versos fatídicos:

Figura do tempo
Camiñamos
para unha especie de esencia
continuamente. Somos,
errantes na planicie,
vítimas do vento astral.
Na demora da vida
devoramos o traxe salgado da alma.
Só entón permanecemos fieis
á esfera celeste.
Escravos do sopro que nos arrastra.

 A noite é un niño invertido.
Presentimos o tempo
no puro ritmo do latexo.
Resucita unha estrela
cando o sol
no péndulo se enforca.

Se o lector le con atención os dous libros, axiña percibirá, malia as diferenzas entre un e outro poeta –diferenzas de son, de ton, de ritmo, se se quere; mais diferenzas debidas sobre todo á forte voz persoal de cada un dos poetas, de Torres como de Ferreiro–, unha corrente subterránea, que aflora no conxunto de cada un dos poemarios: a esixencia comunitario-poética do surrealismo. Por que, por fin!, estamos perante dous libros de poemas surrealistas, perante dous poetas surrealistas, os primeiros –xa non os únicos– da literatura galega, da poesía galega. O surrealismo en Galicia, até hoxe mesmo, era unha influencia retórica (tanto en pintores como en poetas), ben ou mal peneirada, segundo o poeta ou o pintor; mesmo en algún poeta chegou a ser unha influencia poética-ideolóxica, mais sen chegar ao final, é dicir, sen asumir as esixencias comunitarias, éticas, políticas, poéticas do surrealismo.

Hoxe podemos dicir que o surrealismo xa existe na poesía galega mercé a dous poetas: Alfredo Ferreiro e Ramiro Torres, e a dous libros: Versos fatídicos e Esplendor arcano. Poetas surrealistas non só porque se reclamen do surrealismo, porque fagan poemas surrealistas, porque se ateñan ás esixencias do surrealismo, senón porque mediante unha dupla modalidade da consciencia –ver Signe ascendent, de André Breton– , poética e prosaica, son quen de disipar a ambigüidade que pesa a noción de surreal.

O termo, malia a quen lle pese, non designa unha realidade ontolóxica diferente. O surreal non é o sobrenatural. O surreal, ontoloxicamente, non é outra cousa que o real, mais fenomenoloxicamente transfigurado por esa especie de superconsciencia que só a poesía é quen de darnos. É entón, como nos demostran estes dous poetas, estes dous poemarios, que o mundo aparece con ese rostro conmovedor, exaltante, convulsivo que responde soamente ao desexo dos que o habitan.

O home, en tanto que animal e como o animal, procura o equilibrio mediante a redución das tensións; como espírito, pola contra, procura o desequilibrio, de aí esa necesidade de intensidade, de risco e de drama, de tensión e de paixón en que se sitúa o camiño a cuxo final, quizais, podería cambiarse a vida. Polo que sei, polo que vento, novos poetas surrealistas están a aparecer: é un gran día para todos nós.

Acabáronse as baduadas, de agora en adiante, cando se fale de surrealismo en Galicia, na literatura galega falarase con propiedade, que se di popularmente, sen necesidade de contarmos historias non verdadeiras e de inventarmos o que nunca existira até hoxe.» {Publicado en Fin das baduadas: a modo de manifesto que non o é – Praza Pública}

Share

Comments are closed.