Breves, O levantador de minas, Poesia

Silencio habitado, de Olga Patiño

Olga Patiño: «En Silencio habitado está a idealización do amor. A ensoñación dese espazo inmaterial onde un é autor/a do que acontece. É entón cando a voz lírica decide fabular partindo dunha base real ou non e chegar á carnalidade do espírito. Tamén está a respiración do “outro” (real ou imaxinario), o hálito do ti que pasa a través do eu e fala en primeira persoa. Cando hai poder no verdadeiro amor, este convértese nun estado de graza (“ferida” luminosa). Neste poemario tamén está a Patria da nenez, ese espazo onde todo estaba por chegar; onde a ollada tiña esa inocencia que embelecía ao mundo, polo que transitabas sobre unha corda de cristal irrompibel. Reivindica, por suposto, o latexar daquelas mulleres a quen a prepotencia dos covardes lles arrebatou a voz. Silencio habitado pretende ser conciencia e mirada ao mundo nun dobre plano: interno e externo. Para min este poemario( como os anteriores) é unha sorte de refuxio ante as inclemencias do mundo, un xeito de busca do instintivo, do orixinario e telúrico… É ese lugar sagrado no que te sentes a salvo neste asteroide á deriva onde reside un mundo disparatado. Silencio habitado é un tempo de encontros luminosos (reais ou fabulados)en círculos concéntricos, é un conxuro contra os espazos conxelados. Nesta percepción vital, nesta inflexión cara adentro está o tentar reafirmar a propia identidade para máis adiante rachar a conciencia pechada do eu individual e levar a cabo a aventura existencial da escrita coa fin de que a luz se adelgace para tentar que se expanda no oráculo dun océano podereoso: espazo de revelación-redención

Jose Carpenter (Epílogo): «Este poemario é un luminoso canto contra o desalentó, unha bandada de paxaros fosforescentes que sobrevoa o ocaso e que verte as súas esperanzas imprescindibeis por riba dos xardíns do medo.»

Share
Standard