<em>Esplendor arcano</em>: Licuacións na materia

Lino García Salgadoesplendorarcano_ramirotorres: «Por veces falar de poesía leva consigo determinados riscos, afortunadamente nada dramáticos, sobre todo á hora de enfocar a súa lectura ou no xeito no que determinados autores e autoras quedan encadrados en adxectivos tan esplendorosos dos que é difícil fuxir. Ramiro Torres escribe poesía surrealista, tal e como se desprende da súa propia definición ao formar parte do colectivo de escritores surrealistas galegos, mais… quizais isto non sexa o importante, non para el senón para quen tivemos a oportunidade de gozar dos seus poemas dende un punto de vista máis aséptico e acabamos descubrindo un mundo líquido que navega polos nosos interiores a pouco que nos deixemos.

Fóra dos retrousos típicos e tópicos teremos que devolver as formas aos seus comezos, tal e como sinala Ramiro en parte dun poema de Esplendor Arcano. E como de xerme vivimos tamén dos seus versos podemos respirar en plenitude unha chuvia variada de vocabulario tan diverso como ben empregado dando apertura, en case todo o libro, a historias paralelas que semellan competir nunha carreira de fondo para ver quen chega antes ao padal do/a lector/a. Pero non soamente somos illas senón fontes bravas de materia configurando esa materia do universo que é a nosa medula sen dividir a parte máis vexetal da ósea. Perpetuar os hábitos encol da imaxinación nutre o perfil arcano que temos e no que Ramiro incide dun xeito valente e decidido, onde se recobra a efervescencia natural que nos fai sacudir de frío as arterias obstruídas dando paso á beleza desa ascendencia solar da que nos fala.

En Esplendor Arcano hai universo, galaxias arrítmicas, amores líquidos e sólidos, gases fulgurantes e labios ebrios. Hai mestura e dignidade pero sobre todo hai fantasía endóxena vísceras entregadas dende o principio, expostas ao sabor da luz, respiracións ardidas no coito das palabras e dualidade. Se algo se pode repetir é a dualidade que da unha firmeza inusitada ao libro, esas mareas alegres que acumulan argazos e secuestran a paisaxe son o camiño que se nos ofrece no mellor dos praceres escapando da desarraigada paixón do sacrificio.

Vertixe, esa que sentimos na ocultación da reiteración das nosas vidas, é o outro pé desta locomotora ardente, vertixe e devastación plena das sombras innecesarias dando un paso á fusión, onde se constata a presenza, a querenza última da alquimia núa. As aliteracións como comburentes da alegría ou o lado salvaxe ( como Lou Reed ) para traspasarnos en vez e aloumiñar a lentitude das vibracións que nos fixeron ser, existir entre as desabrigadas flores.

Ramiro levantou este fermoso templo de púrpura densa que habita en todos os mundos posibles e navega, por si, nas noites e días das constelacións, nos bosques arrebatados ao mundo agnóstico en toda definición, na indefinida neve que fai vértice co sol da tarde.

Moi, pero que moi recomendada esta lectura que temos o pracer de visualizar grazas á entrega de Ramiro Torres. Agardo que vos atrape na mutación das horas.

Esplendor Arcano de Ramiro Torres foi publicado polo selo editorial Xalundes, correspondente ao Grupo Surrealista Galego.»

{Terra e tempo}

Share

Deixar uma resposta