Teoría das ruínas, adiantamento editorial

AlfredoFerreiro_Grial204

Foto: Táti Mancebo

No número 204 da Grial – Revista galega de cultura publica-se um avanço do que será o meu próximo livro de poemas, a sair na chancela Edicións Positivas de novo com ilustrações de Alberto Esperante. Estes são alguns dos poemas:

Un poema é unha ruína
construída no futuro.
Un pasado que alguén desexa
albergado en corpo de poema.
Un corpo para a alma perscrutar
a verdade entre as pedras.
A verdade que se esculpe
en pedra de poema.
E se a Venus de Milo naceu así,
como a ruína que coñecemos,
para que a interpretación do invisíbel
converta en arte un fragmento?

AlfredoFerreiro_poemasGrial204

Grial 204

*

AS RATAS
As ratas que comen o fígado deste prometeu
nada teñen a ver coas tripas dun mito.
Elas son así, comelloas, as ratas.
Viven á sombra da aguia imperial
que ten xustificado o seu labor
como sol negro dun grave destino.
Porque as ratas do caos son as fallas
que o deus preguizoso das cousas pequenas
deixou sen ordenar.
Son escuros animais que roen
a madeira en que tallamos a consciencia,
perciben as fendas da soidade,
entran polos buratos da confianza
e envenenan os pozos do amor.
Bichos cun corazón sen sangue,
aliméntanse da carne
de homes encadeados.

*

RECONSTRUCIÓN
Camiña a alma cos pés nus
e o corpo é só un caxato
que a axuda a viaxar.
Elevamos a vista e os paxaros
anuncian un vago destino
nunha misteriosa dirección.
Non é preciso disecar
brutalmente un animal,
nin pór o fillo nun altar
e alzar na man un coitelo
agardando un signo divino.
O noso destino é o Misterio
e a el nos debemos consagrar
iluminados sempre pola luz
dun fósforo oculto á razón.
Camiñamos e non sabemos
onde o carreiro nos levará.
Cremos isto ou aquilo
e pouco ou nada sabemos
do que acharemos no solpor.
Se cadra veremos a Atlántida
ou liberaremos os reféns
que retemos na caves
dun castelo asolagado
por unha antiga dor.
Somos seres nacidos
nas ruínas do mundo,
e pedras que se labran
para a súa reconstrución.

Share

Deixar uma resposta