Alfredo Ferreiro, Colaborações:, Jornalismo, Sistema literário

Carta aberta a Luís González Tosar

centro pen galicia«Diríxome a vostede despois de ter lido os comentarios que fai sobre min nunha entrevista que lle dedica César Lorenzo Gil no blogue Biosbardia. Como observo que semella non ter entendido as miñas pretensións ou non poder evitar tirar conclusións inxustificadas, tentarei explicarlle con máis clareza algúns extremos.

En primeiro lugar, se interpreto que o seu Centro Pen Galicia semella ser unha asociación de funcionamento opaco non é unicamente polas razóns evidentes anteriormente citadas (“[…] non existe un modo claro de chegar a saber quen pertence a el, nin quen forma a súa directiva, nin cando se renova esta, nin que obxectivos ten, nin de que recursos dispón […]”), senón tamén pola información de primeira man que me facilitou un socio do Centro Pen Galicia: Xavier Alcalá. Efectivamente, el me relatou como reclamou sen éxito a lista de socios do Pen antes de que se pechase o tempo estipulado para presentar canditaturas, e como tamén pediu que lle confirmasen documentalmente os cargos das persoas que convocaban as eleccións á presidencia, e mesmo de como solicitou os estatutos do club, todo isto sen ningún éxito a día de hoxe, por moito que o teña solicitado por email primeiro e por burofax despois. Se isto non é ser opaco, señor Tosar, entón até o Monte Pindo é transparente.

Canto ao argumento das subvencións, que vostede declara ser coincidentes entre o Centro Pen e a AELG, é obvio que para vostede hai xustiza onde sen dúbida se dá un agravio comparativo flagrante, dado que a AELG ten moitos máis socios e fai moitísimas máis actividades ao ano, se nos atemos, por exemplo, ao que divulgan ambas polo Facebook. E non é o único agravio comparativo que sofre a AELG desde os gobernos galegos nin probabelmente o máis rechamante, mais é o que agora nos ocupa.

Noutro punto vostede argumenta que Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, lle confirmou que as citadas opinións publicadas por min non eran compartidas pola asociación. Como eu non estaba presente, señor Tosar, na conversa de ambos, non podo dicirlle que mente, mais sempre me constou que a AELG (como se comprobar no comunicado publicado hoxe por esta) ten por sistema non facer valoracións sobre as opinións dos socios. E eu non penso caer na indignidade de citar conversas privadas habidas ou supostas, porque creo que cada un debe falar pola súa boca se temos interese en non estercar fóra da nosa leira.

Insinúa tamén que estou molesto con vostede porque nalgunha ocasión puiden tentar unha aproximación comercial coa intención de venderlle unha web ao Centro Pen. Non lembro, e recoñezo que ben puido ser, mais non debe considerarme tan infantil como para gardar rancor contra un hipotético cliente que non se dignou en responder unha indirecta proposta de servizos. Non sei se vostede funcionará así, señor Tosar, mais eu desde logo non.

Dito todo isto, quixera repetir o que fixen explícito no pequeno artigo que nos trouxo até aquí: “Non teño nada en contra do Centro Pen Galicia, que nunca nada me pediu nin eu a el me presentei, nin contra contra a súa directiva, que nada me debe e ningún mal me fixo”. Só pretendía mover as conciencias d@s nos@s colegas perante evidentes agravios comparativos no contexto das axudas gobernamentais. Mais aquí non se move, cunha honrosa excepción, nin un corpo (falar de almas será demasiada ousadía), salvo que alguén con penas de pavón real o convide a uns viños ou a unhas conferencias ben pagas. Nin vostede sofre pola AELG, que se orgulla de ter fundado, nin a inmensa maioría dos socios do Centro Pen Galicia observan irregularidades ou problemas no seo do mesmo. Polo tanto, eu non teño nada máis que dicir ao respecto unha vez que nin pertenzo nin desexo, coas actitudes de que fai gala, pertencer a tal clube. Fique tranquilo, señor Tosar, que non estou interesado en estragarlle a festa nin en amolar todo ese persoal que está degorado por danzar e brindar con vostede. Eu só lle pido, como cidadán, que traballe polo país de modo que prospere a xustiza, a transparencia e a democracia en todos os actos do Centro Pen Galicia, especialmente se está a gastar diñeiro público.»

{Praza Pública}

Share
Standard

Deixar uma resposta