Exposição de Pepe Cáccamo e Baldo Ramos: “librosconversos”

pepe caccamo e baldo ramos expo libros conversos«Este proxecto que acolle O Museo do Pobo Galego xorde como un diálogo entre creación literaria e creación plástica. Escollendo poemas da nosa tradición poética clásica e contemporánea, ou ben encargándolle a algúns autores textos que dialogaran coas súas pezas plásticas, van fiando estes dous poetas e artistas plásticos un diálogo entre a literatura como contido e o libro como continente. Libros de artista, libros-obxecto, libros intervidos, libros-escultura entran na poesía, reescríbena, amplifícana, agóchana, establecen puntos de contacto que propician unha dialéctica de ida e volta: desde o poema ao libro e desde o libro ao poema. Mestizaxe de voces, de olladas, de libros que se abren para convidar ao lector a que entre nese diálogo que nunca remata. A finais dos anos 80, Pepe Cáccamo comezou a ensamblar obxectos a partir de refugallo de ferro, madeira e plástico. Foi inicialmente unha ocupación que non procuraba comunicación pública e que dialogaba coas procuras de cerna surrealista actuantes no substrato da súa poética discursiva. No seu primeiro ciclo de obxectos ensamblados –expostos, entre outras, nas galerías Ad Hoc de Vigo e Citania de Santiago– pode percibirse unha liña expresiva que combina as poéticas do surrealismo e a arte povera coas do kitsch de intención crítica e irónica. Unha pausa creativa de sete anos a partir de 1995 serviulle para ir preparando unha mudanza de rumbo cara aos territorios da Poesía obxectual. Desde o ano 2006, coa serie titulada Underwood, comezou a amosar os seus libros abertos e un conxunto de máquinas de escribir deconstruídas, intervidas. Ao longo desta segunda etapa, amosou o resultado do seu labor en diversas galerías de Galiza e de España: A carón do mar, de Cangas do Morrazo (2006), Sargadelos de A Coruña (2007), Auditorio Municipal de Vilagarcía (2007), Ponte de Rosas de Gondomar (2010), Trisquel e Medulio de Tui (2010), Sala Provincia do Instituto Leonés de Cultura (2013) Centro de Poesía Visual de Peñarroya (2014) ou Fundación Luís Seoane de A Coruña (2015). Participou tamén en diversas exposicións colectivas e, desde o ano 2014, mantén un intenso diálogo reflexivo e creativo con Baldo Ramos. librosconversos é a cuarta mostra dese labor de dobre autoría en proceso aberto. Poesía e plástica conviven no seu traballo como unha invitación ao diálogo, á mestizaxe, á fusión. Autor de trece libros de poesía, será Raizames (2001) o que abra un ciclo que se pecha con Cartografía do exilio (2014). Nos últimos anos ten propiciado colaboracións con outros artistas e escritores que teñen dado como froito diferentes proxectos expositivos e literarios: Muere el pájaro en el aire (2010) con Mónica Doldán, Os ollos das palabras (2012) con Caxigueiro, Onde beben os cervos que amansou o calígrafo (2014) e As raiceiras do frío (2016) con Carlos González Villar, CaRa inversa (2014) e VisualconVersa (2016) con Pepe Cáccamo e 1+1=3 (2015) con Franck Meyer. Os seus libros de artista teñen sido expostos nas galerías Borrón 4, Isadora, Citania, AC ArteContemporáneo, Rodrigo Juarranz, Clérigos, Bus Station, Marisa Marimón, Metro ou Galería Circular e en feiras de arte como Espacio Atlántico, DEARTE Contemporáneo, Art Madrid ou Arteando. Algúns destes libros de artista de exemplar único levan por título: Ut pictura poesis (2002), Signos de cinza (2003), Homenaxe a Lorca (2005), Na fronteira do dicir (2008), Túneles no espello (2010), As nogueiras do insomnio (2011), Monólogo do calígrafo (2013) ou Homenaxe a José Ángel Valente (2015). NO ACTO DE INAUGURACIÓN 2naFronteira interpretará tres pezas musicais: unha baseada nun poema de Xosé Mª Álvarez Cáccamo, outra nun de Baldo Ramos e outra nun texto do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Manuel María, a quen os autores da mostra fan unha homenaxe cun libro de grandes dimensión que tamén pode verse nesta mostra que acolle o Museo do Pobo Galego. Participarán no RECITAL POÉTICO, lendo os textos incluídos no libro-catálogo editado por LibrosGalegos.gal que complementa esta mostra, os seguintes poetas: Salvador García-Bodaño | Xulio L. Valcárcel | Marga do Val | Gonzalo Navaza | Carlos Negro Celso Fernández Sanmartín | Ana Romaní | Vítor Vaqueiro | Román Raña |Mariña Pérez Rei Xurxo Alonso | Carlos Fontes | Olalla Cociña | Eduardo Estévez |Alfredo Ferreiro | Xerardo Quintiá Alba Cid | Luís Valle | Eva Veiga».

{Museo do Pobo Galego}

Share

Deixar uma resposta