Xavier Alcalá:

Xavier Alcalá na Praia da Magdalena (Cabanas)

Xavier Alcalá na Praia da Magdalena (Cabanas)

JUAN OLIVER: «-[…] Pero seica anda agora a teimar contra un poeta que se di moi internacional.

– Insinuación cabrona, pero non vou deixar de entrar a ela […]. Falando de pailáns, ou máis precisamente de pailáns poetastros, eu non ando a putear ningún poeta. Coido que te referías ao do Centro Pen de Galicia, ¿non?

– A iso mesmo. Anda por aí a especie de que quere cargar o seu presidente, poeta.

– Nego a maior. E non admito emisarios con ameazas nin rogos. Non é unha cuestión de persoas senón de diñeiro.

– ¿Como? ¿Como?

– O que escoita: diñeiro. Diñeiro público. Mira. o Centro Pen de Galicia é coma a Irreal Academia do Impaís

– ¿A que?

– A Academia das Tabernas… Ou sexa, a Academia da Rúa das Tabernas, chamada polas vacas sagradas Real Academia Galega, presidida polo incoherente profesor Alonso Montero, que se debería apelidar Afonso Monteiro: se a tal Irreal Academia edita a listaxe dos apelidos galegos correctamente escritos, o seu presidente non debería seguir escribíndoos pola vella… Pero iamos a outra cousa: o Centro Pen e a Academia son clubs de pouca xente. Non se poden comparar por tamaño nin por actividade á Asociación de Escritores en Lingua Galega. Por iso non se entende que o Centro Pen reciba da Xunta de Galicia 21.000 euros ao ano e que o manexe de maneira alegre un señor con axuda do seu compañeiro sentimental, a quen nomeou director. Se o caso fose de parella entre home e muller, seguro que a cousa xa andaba polos xornais.

-A ver, ¿de que se queixa? ¿Do uso dos cartos públicos ou das relacións das persoas?

– Das dúas cousas, que carallo: como din os propios membros do Pen Club International, un Pen Club débese caracterizar pola súa independencia e, insisto, é o que eles me din, aquí en Galicia hai un Centro Pen que non cobra cota de pertenza, que depende totalmente do Goberno e que está gobernado pola mesma persoa desde hai 21 anos. Para máis tolería, esa persoa coloca na administración do centro o seu compañeiro sentimental… ¡Hostias!

– Pero hai pouco houbo eleccións no Centro Pen

– Que foron unha trapallada, e iso é público. Fale se quere co presidente da Asociación de Escritores en Língua Galega, o Cesáreo Sánchez, que é membro do Centro Pen e seguiu de preto as vicisitudes desas eleccións, e que representa o colectivo agraviado da asociación, que recibe menos subvención da Xunta que o Centro Pen. Fala coa Helena Villar, que se foi de secretaria do Centro Pen porque non vía xeito nin maneira de que o club funcionase regularmente. Ou pregúntalles ao Suso de Toro, á Fina Casalderrey ou ao Xesús Fraga como lles quedou a cara cando se viron eleitos nunha directiva na que non entraran por vontade propia… Xa queda menos.

-¿Para que?

– Menos para que fagamos a lista dos membros verdadeiros do Centro Pen Galicia, reunamos asemblea e determinemos se a actual directiva é unha impostura. Vostede repare no detalle de que o Centro Pen Galicia non ten listaxe pública de membros. A nosa idea é que desde a actual directiva se foi dicindo a moita xente: “Ti es membro do club”. E iso é mentira porque, como en todos os clubs, os membros entran porque son presentados e despois aceptados… Ou non. A nosa idea é que o secretario e o presidente actuais non se atreven a aclarar este punto. Eu teño en marcha un proceso que levará, se nada se torce, á asemblea e, se fixer falta, aos tribunais. No entanto, vanme mandando emisarios.

– Emisarios, ¿para que?

– Un díxome: “Non che beneficia nada o que estás facendo”, e tamén “non lle rompas o xoguete a ese home, que é un poeta moi sensible”… O que máis me amolou foi que se me dixese algo en Buenos Aires cunha frase crioula: “Desensillá y esperá a que aclare”. Segundo entendín, Londres, é decir o Pen Club Inernacional, anda moi preocupado co congreso que quere realizar en Ourense, que xa o anda anunciando para o 26 de setembro. Máis ou menos viñéronme solicitar que parase coa esixencia de coñecer a listaxe de membros do Centro Pen Galicia, a legalidade da elección da última directiva e demais, porque teñen medo de que un escándalo dane o congreso.

– Iso é certo: se se arma un escándalo, ese congreso sae danado, e sería unha pena que non se aproveitase para dar visión de Galicia no mundo, e de promocionar a Atenas do Miño… ¿Non sería mellor que lle sacase a sela ao cabalo e esperase a que pase o congreso de Ourense?

[…] Non so non me opoño a que se realice senón que o apoio, como apoiei o congreso do 93. Claro que non é o mesmo verse acompañado por don Manuel Fraga (que chamou ao Fidel para que nos viñese o Gabo) que verse en compañía dun “varón provincial” que apenas fala castelán e galego… Son cousas diferentes, unha é que os socios verdadeiros do Centro Pen de Galicia esixamos que se nos aclare se a directiva actual é legal e cal é a lista verdadeira de socios, e outra que nos vaiamos opor a que veña para Galicia o congreso internacional do Pen.

– Ben, clarificado.

– Clarificadísimo: xa llelo dixen, e llelo escribín, aos de Londres. Xa o falei á fartura cos de Buenos Aires. A insinuación de que van intervir o Centro Pen de Galicia logo que pase o congreso paréceme algo moi pouco serio […]».

[Ler mais em laduda.net]

Share

Deixar uma resposta