Ramiro Torres: “A poesía é como a tónica, cando a probas non te convence, logo volves a ela e descobres novas texturas”


montaxe 1«A Coruña viu nacer ao poeta Ramiro Torres Maceiras un 15 de decembro de 1973, membro de Xalundes (Grupo Surrealista Galego) e colaborador en diversas xanelas comunicativas,  fainos nesta entrevista un convite a mirar desprexuizadamente o que temos ao redor, liberándonos da negatividade  e da tensión para descubrirmos a creatividade das xentes deste país.

“Hai unha néboa comunicativa por saturación que non nos deixa aproveitar a forza que temos e que está aí”…por nós non ha quedar.

Compartimos con Ramiro a nosa sección Conversas con lembrando a necesidade de resgar o bloqueo da xente con respecto aos espazos de cultura e na procura da desacralización poética. Conseguirémolo? Unha tónica Schweppes, por favor…


montaxe 3Antes de comezar, moitas grazas por achegarte e compartir con nós  este lugar de visibilidade dos veciños e veciñas do barrio que son mentes creativas e creadoras. Sabemos que naciches no barrio da Agra, como percibes hoxe o teu barrio -que tamén é o noso-?

A Biblioteca é un espazo moi acolledor, que chama moito, ten a grande virtualidade de que podes tocar os libros, podes velos, estar nun espazo que está moi cercano ao que puidera ser o espazo da casa lendo, consultando. Eu tiraría por facer máis actos dentro dela”

– Si, nacín e vivín aquí até o 2002, era dos poucos sitios onde podías xogar libremente. Foi un barrio creado en aluvión nos anos 60-70 pola xeración dos nosos pais, despois houbo unha fuxida dos fillos desa xeración cara fóra da Agra. Nos anos 90 comezou unha chegada de xente emigrante que permitiu compensar certo decaemento cultural que podía haber pola marcha de moita xente da miña xeración.  Agora, xa visto desde fóra, é un barrio moi plural, moi aberto, con bastante xente maior e ao tempo cun aporte moi creativo; probablemente é do máis interesante  de todos os barrios de Coruña. Nese contexto, o Ágora foi como un foco que serviu de catalizador para todas as persoas con inquietudes culturais que vivían pola Agra do Orzán. Este espazo posibilita creatividades culturais diversas e tamén serve de foco de atención para o resto da Coruña. Por exemplo, eu habitualmente veño aquí –aínda que non vivo nesta zona desde hai anos- porque o espazo en si e as actividades culturais que se desenvolven nel fan que moita xente dos meus anos recupere o interese polo barrio.

Cando comezas a escribir? Cando se define o Ramiro creador?

montaxe 4Dunha maneira seria e profunda a finais dos noventa, a miña formación non ten que ver con carreiras artísticas, fixen a diplomatura en Graduado Social, pero sempre tiven moita voracidade lectora e sempre me interesou. Mais non foi até finais dos noventa que iso comezou a concentrarse nunha necesidade de escrita poética. Por un lado paréceche acelerado, pero por outra parte a creatividade ten unha especie de lentitude, de sedimentación de moitas experiencias que van caendo como folerpas de neve, creando unha situación na que non podes evitar escribir.

As túas primeiras colaboracións foron nas revistas Agalia e Poseidonia…

agaliaSi, foron as primeiras veces que publiquei poemas soltos nos 90. A revista Poseidonia é unha revista que se facía nos 90 na Coruña e en Agalia, que está vinculada á asociación AGAL, tamén escribín uns cantos poemas no 2003-2004. Ao mesmo tempo, coa eclosión dos blogues e dos espazos de creación cultural, algunhas persoas tiñamos blogues colectivos como “A fábrica”, “A fábrica da preguiza”, que eran espazos na rede.

levantadorDespois Alfredo Ferreiro abriu “O levantador de minas” e dentro dese blogue tamén temos espazo para enviar poemas e participar nel. No fondo, é unha mecánica parecida a unha perspectiva comunal de buscar máis o traballo de enriquecérmonos uns a outros, de aprender e de aprehender do que hai aí e de ter espazos que sirvan de almacén permanente dunha creatividade que sempre hai no mundo da cultura, porque é unha necesidade do ser humano.

A poesía propiamente en moitos casos non ten un significado último, ten un efecto de enerxía que se manifesta de diversas maneiras e cada palabra ten varios significados. Recoñecer esa complexidade supón desfacerse dunha couraza. Tanto para a poesía, como para a música ou como cando amas a alguén, non sabes exactamente explicalo, pero é preciso retirar esas courazas

montaxe ramiro

A definición de Ramiro como poeta surrealista…

As lecturas sobre autores surrealistas como André Breton sempre me interesaron. Había algo que me chamaba a atención, non sei exactamente o porqué, non sei por que escribo nin en que consiste exactamente, é unha especie de necesidade, como un fogo que está ardendo permanentemente. O surrealismo para min non foi tanto unha corrente artística ou literaria á cal adherirme, senón máis ben unha especie de espazo de liberdade creativa absoluta.

andre_breton_surrealisme (1)-vertIdentifícome con el porque  hai algo que permite desembarazarse de moitos corsés que levas acumulando na túa formación e na propia vida. Esa especie de necesidade última de non estar atado a ningunha norma, a ningunha forza que te obrigue a seguir unha serie de camiños como algo opresivo. Tamén me identifico con outra parte que está vinculada ao propio nome francés que significa estar por riba da realidade. Estamos habituados a entender a realidade dunha maneira determinada e o surrealismo é un dos ismos, das escolas literarias que che permite percibir que hai algo máis, obrígache a desmontar todos os mitos, os preconceitos que poidas ter sobre o literario, ou sobre a propia vida. Realmente é como adentrarse nun bosque onde non sabes moi ben o que vai pasar, pode haber perigos pero hai algo aí que che obriga a ir cara aí, como unha especie de lado que ten algo de sombra, pero tamén algo luminoso.

xalundes E como nace Xalundes, o Grupo Surrealista Galego?

Pois o grupo naceu sobre o 2011 por iniciativa fundamentalmente de dúas-tres persoas:  Xoán Abeleira (escritor, tradutor e poeta que reside na Coruña), Tono Galán (artista renacentista capaz de tocar moitas pólas) e François Davo (poeta francés residente na Coruña desde o 2000). Comentáronme que se estaba a facer este grupo e se me apetecía vincularme porque había aspectos da miña creatividade que podían encaixar no surrealismo. Así é que acabamos confluíndo nel porque sentiamos que no surrealismo había esa necesidade de indagación. É un grupo aberto a persoas que queiran participar e aberto equilibradamente tamén para que cada un de nós sigamos os impulsos que vexamos necesarios.

montaxe 2E aparece Esplendor Arcano, o teu primeiro poemario, alentado polo grupo surrealista.  Que supuxo para ti a súa publicación e como definirías a obra?

Hai un traballo que facer pola nosa parte e tamén un certo medo por ser libres, quitar a armadura e lanzarse, aproveitarse diso e recibir cousas de fóra para retroalimentar os propios procesos”

Foi a primeira vez que tiven que traballar conscientemente para crear un poemario. Até o 2012 nunca escribira nada desde unha perspectiva unitaria, de libro. No grupo surrealista estaban interesados en publicar e eu era da xente que escribía dentro, o único que non tiña era un libro publicado. Así que me animaron a crealo e supuxo unha aventura importante.

Foi como meterse noutro bosque, o bosque de intentar facer un libro. E fíxeno dunha maneira relativamente rápida, catro meses onde practicamente todos os días me puña a escribir algo. Non foi un libro que tivese unha estrutura previa, os poemas foron saíndo e despois peneirei neles até conformar a obra final. Nese momento chegou o título e a portada, que é da miña filla, que dalgunha maneira tamén está vinculada ao grupo surrealista.

montaxe 63

Co poemario Esplendor Arcano, obra que poderedes atopar na Biblioteca Ágora

Visto a posteriori a experiencia é interesante. Canto ao libro en si antes de escribilo tiña unha sensación que despois de escribilo ratifiquei: a creatividade, os froitos da creatividade, neste caso un libro, teñen unha concepción bastante parecida a un fillo, no sentido que saen de ti, están vinculados a ti, pero unha vez que comezan a relacionarse co mundo, coas persoas que se achegan a el, comezan a ter a súa propia vida e andar por si, e a partir dun certo momento observas que a perspectiva que ti tes como autor dese libro non ten por que coincidir co que moita xente percibe deles. Despois tamén descobres que iso tampouco é algo negativo nin ten porque ser malo. Realmente cando traballas coa linguaxe, coas palabras e coa lingua, tomas consciencia de estar traballando con fogo, creas algo e a partir do momento en que se converte nun poema ten vida propia, comeza a andar por si propio e aí créase algo que ti xa non controlas e  non debes controlar. Aprendes que debes desprenderte dese libro e ser un lector máis.

Este libro está escrito na norma reintegracionista. É unha cuestión ideolóxica?

Desde sempre considerei que o que se chama galego e portugués é basicamente o mesmo. No caso da poesía máis ou menos seguín unha normativa chamada de mínimos e, a partir dun certo momento, percibín que a cuestión da escrita nunha norma ou noutra ten a súa importancia mais non é fundamental.  Simultaneamente a iso cheguei ao convencemento de que toda a escrita no fondo é unha convención, un acordo que se toma sobre como escribir unha lingua nun momento determinado. Por tanto, rompín unha barreira. Eu non concibo que sexan dúas linguas diferentes, mais ao tempo con consciente desa especie de guerra que houbo entre as  diferentes perspectivas sobre as relacións de galego e portugués. Para min agora mesmo é complicado desligar a miña escrita poética desta norma.

Estás traballando nalgún outro título? Podes adiantarnos algo? Estou nun proceso de escrita, vai ser de poesía, pero non teño título. Prefiro non ter un plan preconcebido, senón deixar que vaian xurdindo os poemas.

56b808f324c29d26a29791f5d9897dc2-783x450-vertCales son os teus referentes?

Herberto Helder de Oliveira (Funchal, Madeira, 23 de novembro de 1930 – Cascaes, 23 de marzo de 2015) foi un poeta, xornalista, bibliotecario, tradutor e escritor portugués.

Todo o que levas lido, visto e escoitado inflúe en ti, hai un poeta que para min é potente e moi interesante que é Herberto Helder; é un poeta moi denso, moi hermético. A miña experiencia coa poesía é que de neno parecíame unha cousa rarísima porque estamos programados a utilizar a linguaxe nun sentido concreto, lineal. A maior parte das narracións seguen unha conexión lóxica e a linguaxe está nun nivel determinado onde as palabras teñen unha unidimensionalidade. Entón cando comezas a ler poesía no instituto hai algo que te atrae pero non sabes moi ben que é, sentes que te das contra un muro, como coa música clásica, ou se queres menos poéticamente como coa tónica: cando a probas non te convence, pero logo volves e vas descubrindo novas texturas. Na lingua do que se trata é de aprender a ler dunha maneira máis ampla e máis completa. Trátase de saír da perspectiva máis unidimensional da linguaxe, ao igual que coa música. Cando escoitas un tema que non ten letra non tes unha barreira mental que te limita, que che di: non desfrutes tanto e entende o que significa.

montaxe 72Que obras recomendarías para que o noso público xuvenil se achegase ao surrealismo e en xeral ao mundo da poesía?

Como explicarías a un adolescente que é a música? Pois é unha manifestación enerxética, unha forma de condensación da propia realidade que se manifesta desa maneira e até que non o probas non sabes se te vas sentir cómodo ou non, nin sabes se iso ten un significado ou se o que ten é o exacto.

“Na poesía é conveniente, como grande truco, pasar da percepción narrativa a unha percepción musical, deixarse levar, envolver e que as palabras se vaian manifestando en diversos sentidos e que lle vaias encontrando cousas”

Que lle recomendaría? Que lean calquera libro que lles caia nas mans de poesía. A miña recomendación é que calquera libro que collan que o deixen fluír, que o lean como se estivesen escoitando música e que vaian experimentando se iso lles di algo ou non. Se non lles di nada non pasa nada, cada un ten o seu propio percurso e a súa propia flexibilidade perceptiva, a súa propia capacidade -innata ou traballada- para unha serie de cousas. Se non a tes non es mellor nin peor persoa, simplemente hai que deixar que flúa e se hai algo que te atrapa, que te chama e non sabes o que é, volves lelo, ou colles outro libro. Aparte diso, hai antoloxías como a de Poetízate de Fran Alonso que están pensados para ese público, para que vaian entrando en poemas que teñen menos complexidade perceptiva ou que non esixen tanto esforzo inicial. O truco está en non estresarse cun mesmo, é unha aprendizaxe.

Colaboras  en varios blogs. Cal é a túa labor neste campo?

palabra comunProfesionalmente formo parte dunha empresa que se chama Algueirada, con outras dúas persoas que tamén participamos do grupo surrealista. Traballo cun blogue e coas redes sociais dunha entidade galega. Nesta cooperativa chamada Algueirada temos unha revista dixital,  Palavra Comum, que botou a andar coa primeira lúa nova do 2014. É unha revista dixital aberta á lusofonía, mais non ten un enfoque exclusivamente reintegracionista, senón que pode publicar alí xente coa que nós contactamos. Ten vontade de ser como un espazo de visibilización das moitas montaxe 123creatividades e ideas que temos ao redor, non só en Galiza senón tamén no mundo lusófono.

“Moitas veces a propia sociedade encerra a cultura nun xeito de reactualización da torre de marfil, pero non tanto por vontade dun autor/a que se queira quedar no seu limbo, senón porque ese autor emite un discurso que se difumina como unha especie de morcego que fala cunha parede”

Unha das cousas que pedimos a todos os colaboradores é que aporten cousas inéditas, textos, ensaios, ilustracións…Facemos entrevistas un pouco diferentes do habitual non tanto sobre un libro, sobre un disco, por unha cousa en concreto, senón que queren ser entrevistas que se mergullen no proceso creador, pois como facedes aquí en Suma Agora con xente que vive ou que está vinculada ao barrio, a Agra. Hai un enriquecemento colectivo que che permite de primeira man saber por exemplo que pensa sobre a pintura un pintor. Como se vinculan as artes entre si e tamén coa propia vida. Vas descubrindo que todo é un pouco como o surrealismo, onde todo son vasos comunicantes, o que leva a un músico a facer música ou a un artista calquera tipo de arte, basicamente é un impulso que ve a arte como unha ferramenta, permíteche enriquecer moito máis a mirada sobre a realidade.


FICHA EXPRESficha

Un FILME– Lembro un filme que vin cando era máis novo que tiña que ver con temas literarios, Remando al viento”, que é unha obra do ano 1988 de Gonzalo Suárez. Os seus protagonistas son Lord Byron, Mary Shelley e Percy Bysshe Shelley, estes tres personaxes, xunto con Polidori, deciden escribir unha historia de terror e parece que está baseado en algo certo que de aí  naceu o Frankenstein de Mary Shelley. Tamén gostei moito das películas de “O Padriño, especialmente a última, porque falaba dunha maneira descarnada de cousas que me chamaban a atención.

UN DISCO– Eu sempre fun moito de Berrogüetto, polo concepto de crear un estilo e unha maneira de tocar que ao mesmo tempo é unha especie de espiral. Pasaron por unha serie de momentos creativos diferentes vinculando as artes, a poesía, a fotografía, a pintura… esa forma renacentista de vincular as artes paréceme interesante.

UN LUGAR– Case toda a xente da Agra do Orzán nacemos aquí pero as nosas raíces estaban nas aldeas. Eu falaría da aldea de miña nai, Bandoxa, en Oza dos Ríos. Un lugar moi fermoso co que tes un vínculo sentimental e familiar e ao mesmo tempo esa especie de compensación que equilibra na Agra do Orzán a falta de espazos verdes e de comunicación coa natureza dunha maneira máis profunda.

UN SOÑO– O meu soño é un soño colectivo: camiñar cara un espazo dentro do barrio, mesmo de Galiza ou do planeta, máis vivible. Onde os seres humanos, ligando iso co surrealismo, sexan máis libres para quitar toda a carga de tensión e medo que nos inoculan a cotío.

UN LIBRO– Hai un poeta do século XIII que se chama Rumi (Jalal ad-Din Muhammad Rumi), que ten unha potencia tremenda. É un poeta bastante diferente ao que se soe entender habitualmente como surrealista, os seus textos son unha especie de lóstrego no medio da existencia.

NO VIRTUAL

A páxina web da asociación de escritores/as en lingua galega

http://www.aelg.org/

Armando Requeixo (Criticalia)

http://armandorequeixo.blogaliza.org/

Ramón Nicolás (Caderno da Crítica)

https://cadernodacritica.wordpress.com/

Axóuxere

http://arquivo.axouxerestream.com/home/

O que pasa na costa

http://quepasanacosta.gal/

Alfredo Ferreiro (O levantador de minas)

http://olevantadordeminas.blogaliza.org/sobre-quen-escribe/alfredo-ferreiro/ »

[Biblioteca Ágora da Corunha]

Share

Deixar uma resposta