«O ansiado retorno de Luís Vaz de Torres»

Grial revista de galega de cultura 210No último número da Grial – Revista Galega de Cultura – 2010 (cfr. índice em PDF) tive a honra de publicar um artigo (“O ansiado retorno de Luís Vaz de Torres”) sobre a minha descoberta pessoal em volta de mais um dos factos históricos que permanecem ocultos na História da Galiza a causa do manto obscurantista da historiografia espanhola, quando não da portuguesa. Trata-se do périplo de Luís Vaz de Torres, um marinho que possivelmente tenha descoberto a Austrália e que a cineasta dos antípodas Frances Calvert nos quer ressaltar com o projeto de fazer um documentário para assombrar o mundo. Como nós não podíamos deixar de atender a proposta, eis o relato do encontro em Ferrol em 2015:

«Para algúns de nós nada pode haber mais interesante que atopar un novo episodio da Historia do país que, como acontece en tantas ocasións, permanece esquecido ou insuficientemente atendido polo sempre excesivo centralismo da academia española, consecuencia da habitual política cultural do Estado. Hai ocasións, demasiadas creo eu, en que, ao cuestionarme o discurso oficial da historiografía española que transcende a escolas e institutos, teño pensado: “Castela naceu das premeditadas ruínas da Galiza”. É triste que para que un país naza sexa necesario arruinar o pasado de outro e até impedir que respire. E o feito por veces é tan evidente que, se ben o profesor Claudio Sánchez Albornoz cualificou España de “enigma histórico”, ben poderíamos dicir que a Galiza constitúe, polo seu aínda oculto pasado, o auténtico enigma de España.

torresstraitislandsmap_wikipediaCon esta perspectiva permanentemente acomodada na cabeza, na primavera de 2015 recibín das nosas amigas Abo e Olga unha noticia insólita. Gema de la Cruz, unha amiga común, foi contactada por unha directora australiana que tentaba conseguir apoios para a elaboración dun documental que narraría o periplo dun navegante galego polas antípodas a principios do século XVII. A noticia non podía ter sido orixinada mais lonxe nin podía ter impactado máis fondo, e o noso interese inmediatamente orientou as antenas para a recepción de máis información. O protagonista da historia era Luís Vaz de Torres, galego que tiña navegado polos millares de illas espalladas de Oceanía e que pro babelmente tiña descuberto Australia, en contra do común discurso da historiografía mundial.

Coa sensación de ter nas mans un novo caso que probablemente precisase ser desenterrado, como os milleiros de antas e castros que aínda no país agardan a que a nosa Historia reciba a atención que merece, procuramos a información inicial. Luís Vaz de Torres, que por apelido podía ben ser galego ou portugués, é tratado como español ao tempo que é denominado “bretón”, algo ao que parece común para referirse a galegos na altura, segundo a narrativa das viaxes que naceu da pluma de Don Diego de Prado e Tovar, compañeiro de singradura, de quen coñecemos os escritos desde 1930 grazas a que viñeron á luz nunha poxa en Londres. Xunto con estes documentos, Prado mandara catro mapas e catro estraños retratos dos moradores de Papúa para o rei Filipe III, quen misteriosamente tería agachado toda a documentación no arquivo da Coroa en Simancas.

rota_de_torres_wikipediaNa fin de 1605, os rexistros históricos indican que Torres foi nomeado segundo nunha expedición ao Pacífico comandada polo portugués Pedro Fernandes de Queirós, por conta da Coroa Española. En decembro a expedición zarpou de El Callao, no Perú, con Torres ao mando do San Pedro. En maio de 1606 alcanzaron as illas que Queirós chamou Austrialia do Espírito Santo (mesturando as palabras «Austral», en alusión á mítica Terra Australis e «Austria», na honra da Casa de Austria, á que o rei de España pertencía), hoxe en día Vanuatu. Ao tempo que exploraban as illas, o barco de Queirós tivo problemas e perdeu o rumbo, hipoteticamente retornando a México. No relato de Prado, que é moi crítico con Queirós, as razóns da desaparición deste atribúense a un motín e á súa falta de liderado. Sobre Torres nada indica a este respecto salvo que «a súa condición era diferente da do capitán de Queirós».

Imaxinando que Queirós permanecía perdido no mar, Torres resolveu completar a expedición como tiña sido programado, continuando para Manila polas Molucas. En xuño de 1606, atopa ventos contrarios ao longo da costa norte da Nova Guinea e entón vai polo sur, pasando polo estreito de 150 km de largura, salpicado de illas, que hoxe leva o seu nome. Moi probablemente avistou a costa australiana, mais non deixou ningún rexistro diso, aínda que consta que explorou varias illas do estreito para repor alimentos e auga para os barcos e tomar posesión desas terras para España, e que mantivo contacto, por veces violento, cos pobos indíxenas locais (Prado e Torres informan ambos da captura de vinte persoas, entre elas unha muller grávida que deu a luz varias semanas máis tarde). En 27 de outubro, finalmente chega ao extremo de Nova Guinea, tomando o rumbo de Manila, onde chega a 22 de maio de 1607, non sen parar nalgunhas illas do camiño. Aparentemente pasou o resto de seus días nas Filipinas.

Galeão na WikipediaTorres pretendía presentar persoalmente os cativos, as armas e un informe pormenorizado ao rei cando o seu regreso a España. No entanto, parece que non había interese en Manila en equipar a súa viaxe de regreso a España, e díxoselle que as súas naves e homes eran necesarios localmente para prestar servizos ao rei. O 1 de xuño de 1607 arribaron a Manila dous barcos procedentes de América do Sur, sendo un deles o antigo barco de Queirós, o San Pedro y San Pablo, agora baixo outro nome, mais con algúns dos seus anteriores tripulantes aínda a bordo. Ao coñecer que tiña sobrevivido Queirós, Torres de inmediato manda un informe da súa viaxe. A pesar de que ese informe desapareceu, Queirós mesmo se referiu a el nalgúns dos seus moitos memoriais ao rei, esgrimíndoo en favor doutra viaxe.

Torres, a súa tripulación e os seus cativos desaparecen por completo dos rexistros históricos neste punto, polo que descoñecemos a súa sorte posterior. Prado retornou a España, posiblemente levando un dos cativos de Nova Guinea con el. A maioría dos documentos dos descubrimentos de Torres non foron publicados mais, ao chegar a España, foron gardados nos arquivos españois, incluído o longo relato de Prado e as cartas que o acompañaban. Nalgún momento entre 1762 e 1765, as narracións escritas da expedición de Torres foron vistas polo hidrógrafo do Almirantado Británico Alexander Dalrymple. Dalrymple proporcionou un mapa esquemático que incluía as viaxes de Queirós-Torres a Joseph Banks, quen sen dúbida tería proporcionado esa información a James Cook. Non tería sido até 1788, cando gradualmente a colonización británica do conxunto da Australia comezou, que o Rei español protestou perante o Tribunal da Europa coa ansia de preservar os territorios do Imperio. Mais o poder da mariña británica non encontrou oposición nun imperio español en declive a causa das súas grandes débedas cos banqueiros europeos.

Chegados a este punto, a cousa estaba clara: cun tema tan interesante habíamos que facilitar a información que estivese na nosa man. Falamos con Gema de la Cruz e contounos que Frances Calvert, a directora australiana estaba xa no país e se tiña manifestado interesada en visitar Ferrol, cidade de referencia para a Armada e albergue dalgúns dos mellores museos navais. Só nos faltaba contar co alguén que coñecese o terreo e tivese algúns contactos relevantes, e o seu nome veu á nosa mente de inmediato: Xavier Alcalá, ferrolán de crianza, escritor de aventuras marítimas e auténtico factotum no que relacións se refire. Deste modo, o equipo para o día do encontro Galiza-Australia estaba completo.

Abo Gema Frances e Tati por Alfredo FerreiroNo día acordado, Abo, Tati Mancebo e mais eu encontrámonos no centro da cidade con Gema de la Cruz, quen nos contou algúns dos pormenores do proxecto. A cineasta que logo habiamos coñecer tiña realizado xa varias pezas de contido histórico e antropolóxico (Talking Broken, de 1990; Cracks in the Mask, de 1997) e agora pretendía lanzar nova luz sobre Torres e os descubrimentos de mariños ibéricos, todo desde a perspectiva dos ollos dunha insular do Estreito de Torres. En canto recollemos a simpática australiana no hotel, andando polas rúas de Ferrol inmediatamente nos sentimos cómodos co seu trato directo e afable, así como co seu sincero interese pola terra do mariño que a privaba do sono. O noso intenso paseo levounos como nunha nube até o Museo Naval de Ferrol, onde especulamos sobre as embarcacións de principios do século XVII, sendo conscientes de que as nosas referencias viaxaban máis polo imaxinario do cinema que por un coñecemento mínimo da materia. E entre o interese e a fascinación fomos chegando á da hora de xantar, na que contariamos coa presenza de Xavier Alcalá.

Frances e Xavier por Alfredo FerreiroFrances Calvert, como esperabamos, resultou ser unha muller fascinante. Partindo do interese por estudar a historia esquecida das culturas autóctonas do Estreito de Torres reparou na historia esquecida da Galiza, de modo que no seu xa para min imprescindible proxecto dúas culturas minorizadas se reflicten mutuamente como dous espellos que, nunha xenerosidade cómplice, cada un venera a imaxe do outro. E todo isto fronte á historia oficial da Oceanía, protagonizada, como sempre, non só pola sombra alargada do Imperio Británico senón por unha Historia de España que, dalgún modo, minte até cando cala.

En definitiva, a nosa nova amiga entrou nas nosa vida cultural para abraiarnos. O seu novo filme “Buena Vista Australia” lanzará nova luz sobre Torres, un navegante galego-portugués (se cadra a mellor denominación para que na actualidade percibamos adecuadamente o contexto cultural) que foi piloto nunha xesta imperdoablemente esquecida, a través dos ollos de unha insular do Estreito de Torres, Leah Lui. Ela é a carismática e experimentada presentadora do filme, a quen veremos viaxar á Galiza coa misión de dilucidar algúns grandes enigmas: Por que España non mantivo un baluarte nas novas illas e territorios que descubriu e nomeou? Por que a descuberta de Torres foi ocultada polo rei Felipe III, no Arquivo do Reino de Simancas? Como era a vida deses navegantes cos limitados métodos de navegación da época, con racións decrecentes de alimentos, auga salobre, condicións meteorolóxicas descoñecidas, nativos hostís e as propias querelas intestinas das tripulacións? Descoñecen os galegos, ao igual que os australianos, os logros de Luís Vaz de Torres? Leah viaxará á Galiza, no noroeste de España e na fronteira con Portugal, para coñecer as raíces do mariño e preguntarse por que algunhas persoas deixan a súa terra para penetrar nos confíns do mundo. De pé sobre un cantil que case paira sobre o Atlántico, a presentadora comparará o escenario marítimo da Galiza co tropical Estreito de Torres, e atopará se cadra moitas máis similitudes do que cabe esperar entre o espitualidade das dogai e as mouras galaicas. De volta á casa no Estreito de Torres, Leah procurará entre a miríade de illas que o galego sorteou e preguntarase se chegou a vislumbrar Cape York no continente real da Australia, un feito histórico que os australianos e os galegos xa nunca poderán deixar de atender.

Frances Tati Abo e Xavier por Alfredo FerreiroAgasallados cos pratos típicos do país na Casa Rivera da Rúa Galiano, a conversa focou o encontro entre Calvert e Alcalá. A primeira contounos que vive e traballa en Berlín e que fixo varios filmes sobre o Estreito radicado no extremo norte de Australia; como até o momento ten xa concluídas pesquisas en Simancas, no Museo Naval de Madrid, no Museo Nacional, na Biblioteca Nacional, na National Portrait Gallery e nos Museos Marítimos da Australia; como os directores das institucións australianas manifestaron o seu interese no filme sobre Torres e Prado e a navegación das augas traizoeiras do Estreito en 1606. E como a maioría dos australianos, no entanto, recoñecen non saber nada sobre a historia do seu país anterior a Cook.

Xavier Alcalá interesouse inmediatamente pola narrativa de Don Diego de Prado, o que, temos que recoñecer, non nos sorprendeu, tanto pola substancia do relato como porque o escritor é un apaixonado da literatura baseada nas xestas marítimas históricas. Para procurar grandes capitáns de mar, argumentou naquel xantar, é preciso acudir aos vellos e principais portos da Galiza: Viveiro, Coruña, Muros, Pontevedra, Marín… e iso até o século XVIII. A partir de aí tornouse Ferrol un referente da construción naval, e constituíuse en escola de navegación e arsenal do Imperio. Lembrou como a súa obra Alén da desventura comportou anos de pesquisa antes de el ousar comezar a escribir ese romance localizado na “Australia Ocidental” (a Patagonia e todos os seus mitos, que inclúen o Río Desexado, por medio do cal españois e británicos pensaron que poderían evitar o non menos traizoeiro Estreito de Magalhães). Por que o imperio español non reivindicou a Australia? Simplemente, respondeu o noso amigo, porque el ficara exhausto. Filipe III dixo ao seu fillo Filipe IV: “Con todos guerra e paz con Inglaterra”… E por que até hoxe a Patagonia inmensa e rica está baleira? Por que a derrota de Trafalgar? Por que os dinamarqueses, os suecos e os holandeses perderon forza nas ondas? Porque para un navío de guerra eran necesarios 800 homes, dos cales a metade habitualmente morrían de escorbuto, de accidentes (o máis comum era que caesen dos aparellos) e por liortas durante as expedicións ás Américas ou ao Extremo Oriente.

Juan Xavier e Frances por Alfredo FerreiroE se a conversa do xantar foi fascinante, non menos impactante foi a sobremesa no Parador de Ferrol, rigorosamente ben fornecida polo amigo do Alcalá Juan Antonio Rodríguez Villasante, coronel de intendencia da Armada retirado e historiador. A conversa, como é lóxico, puxo o foco nas correntes e os ventos propicios para navegar de América do Sur a Oceanía, así como sobre os tipos de navíos habituais na época para estas travesías, a saber: a nao, a carabela e o galeón. Daquela conversa concluímos que Torres, ao mando dun galeón, non só debeu ter sido abenzoado pola sorte senón que debeu ter sido moi espelido á hora de navegar no arrecife, pois require moita paciencia nalgúns momentos e unha técnica moi depurada noutros, e máis tratándose de augas completamente descoñecidas. A súa formación como mariño galego puido ter incluído unha pericia imprescindible, pois superou até mesmo James Cook no bon senso da navegación: Cozinhe atinxiu un arrecife cando navegaba nunha noite de luar e case perdeu o “Endeavour” em 1770; Torres, ao contrario, sempre permaneceu ancorado durante noite. E con este último encontro a tarde concluíu e o grupo houbo de despedirse. Mais coa indeleble sensación de que unha semente de gran potencial xerminador tiña arribado ao noso corazón, unha semente que perdura ao longo dos séculos e que contén no seu adn algún elemento exótico concibido nas antípodas.

Creo poder ter demostrado, con estas humildes liñas, que o tema é fascinante e que o seu interese excede a dun achado común. A xesta de Luís Vaz de Torres que Frances Calvert pretende contar merece toda a nosa atención e sen dúbida toda a axuda que as nosas institucións públicas e privadas lle podan prestar. Porque, se ben desde a Xeración Nós a preservación da nosa identidade se entendeu como algo imprescindible para a supervivencia da nosa cultura, na actualidade a divulgación e o intercambio internacional de contidos culturais é sen dúbida unha tarefa ineludible.»

Share

Deixar uma resposta