Solidariedade da AELG com a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, controlada polo Estado Espanhol

AELG logo«A AELG solidarízase coa Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e esixe que remate a vixilancia especial contra as institucións literarias catalás.

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, AELG, manifesta publicamente a súa solidariedade coa Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, AELC, na denuncia do sometemento a «vixilancia especial» da Institució de les Lletres Catalanes e o Servei de Biblioteques de la Generalitat. Isto significa que teñen intervidas as contas e as partidas reservadas para as actividades, é dicir, dun golpe o goberno central vén de pór a 0€ estas institucións, impedindo a realización das actividades culturais que lles corresponden.

No caso concreto do Servei de Biblioteques suspéndense, segundo afirmou o propio servizo, actividades de fomento da lectura, xornadas profesionais, traballos do catálogo e do carné único ou a compra de libros.

Desde a AELG expresamos o noso apoio e a nosa solidariedade cos escritores e escritoras catalás e denunciamos esta persecución sen límites contra a cultura catalá. Non existe ningún motivo, ningunha razón, ningún argumento legal nin paralegal, que xustifique unha actuación que é contraria a un sistema que se autoproclama democrático.

A AELG esixe que se poña fin á vixilancia especial contra estas institucións e o que é, de feito, unha persecución contra a cultura e a lingua catalás.

A AELG envía unha fraternal aperta ás e aos colegas da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e exprésalles o seu apoio na súa denuncia desta intervención inxustificábel.

23 de setembro de 2017

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)»

{mais informação na Associació d’Escriptors en Llengua Catalana}

Share

1 comment to Solidariedade da AELG com a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, controlada polo Estado Espanhol

Deixar uma resposta