'El Cantar de Mío Cid: génesis y autoría árabe', de Dolores Oliver, por Catherine François e Santiago Auserón

Os amigos Catherine François e Santiago Auserón publicaron hoxe no suplemento cultural Babelia unha lúcida recensión sobre o libro El Cantar de Mío Cid: génesis y autoría árabe, obra que pola amabilidade deles e a xenerosidade de Jorge Lirola, da Fundación Ibn Tufayl de Estudios Árabes, chegou á nosas mans hai unhas semanas. Neste libro, segundo a opinión de François e Auserón, a profesora Dolores Oliver sostén moi fundamentadamente que o Cantar “puido ter sido escrito polo poeta e xurista árabe Al Waqqasi, orixinario de Toledo, que axudou  Rodrigo Díaz de Vivar a gobernar a cidade de Valencia despois da súa conquista”. Recomendamos a recensión completa e prometemos unhas notas propias sobre o particular cando unha lectura atenta, fortalecida por un repaso histórico-literario da época, nos sexa posíbel.

Share

Impresións do verán de Suso Pensado

Provenza, xullo

No verán pleno andamos ás escuras pola casa. É tanto o calor, que ocultamos a luz para sentir os derradeiros restos de frescura cubertos con persianas e cortinas. A escuridade cega. Non sei onde están as paredes. Non sei por onde camiñan os meus pés. Xa non procuro referencias. Camiño na profunda escuridade morna. Os instintos esquecen a razón, que xa adormece, para cruzar as portas invisibles. Fóra, o sol abrasador podería matarnos.

Saint-Malo, agosto

Naquel verán cruel como un outono a xente paseaba pola praia que nacía dalgún mar feito de frio. Algúns xogaban case espidos, preparaban os barcos naquel día nacido para as velas, apuntando no oeste, estremecendo a auga case negra. Outros durmían envoltos en chaquetas e toallas. De súbito, empezou a chover. Algúns correron para atopar abrigo. Outros deixáronse empapar pola auga doce que arrastraba o salitre do corpo. A praia terminou abandonada, cada vez máis escura baixo a chuvia. Pero os barcos seguían entre o vento, navegando. O mar seguía erizado de velas.

Baño matinal

Para Gaëlle

Erguíanse da area os troncos case minerais, en formación cerrada, como un bosque espantado por un mar sempre presente. As velas fluorescentes inflamaban a auga con inconscientes brillos. Era a marea viva que baixaba. Eu ía atrás perseguindo os reflexos do cuarzo, como ouro. Cando mirei a praia, tan lonxe estaba a area, os troncos minerais, que xa non tiven ansias de volver.

Miraxe

Polo camiño escuro xurdían luces. Eu cría que era o día polo camiño escuro.

S. P.

Share

Encontro de tradutores en Mariñán

Entre o 30 de novembro e o 2 de decembro participei no intenso V Encontro de Escritores Galegos que se celebrou no pazo de Mariñán e que tivo como título “Os Ámbitos da Tradución”. Todo estivo organizado por Luciano Rodríguez a quen quero lembrar agarimosamente, pois no último momento non puido presidir as comunicacións por certos problemas de saúde. De tódolos xeitos o seu discípulo e amigo Xosé Manuel Fernández Castro, Pepes para os amigos, supliuno con toda dignidade. Os invitados presentes eran María Xosé Queizán, Tareixa Roca, Valentín Arias López, Henrique Harguindey Banet, Manuel Bragado, Manuel Cartea Gómez, Xulián Maure, Luís García Soto, Miguel Anxo Fernán-Vello, Miguel Pérez Romero, Gonzalo Navaza, Darío Xohán Cabana, Antonio Raúl de Toro Santos, Johanna Vocht, Marie-Line Heslon e eu mesmo. Escusaron a súa presenza Xulio López Valcárcel, de viaxe na feira do libro de Guadalajara, en México, e Francisco Pillado, tamén por un pequeno impedimento de saúde. O outono sempre fai estas falcatruadas. A conferencia inaugural e os primeiros temas de debate foron servidos por Valentín Arias López, secretario da Asociación de Tradutores Galegos, tradutor de Camus, de Verne, de Rodari, de Saint-Exupéry entre moitos outros, premio nacional de tradución e lenda vivinte da nosa terra. Falou da súa experiencia desde o inicio da democracia e da autonomía galega, da importancia da tradución e da existencia de obras de autores estranxeiros verquidos ó galego como elemento esencial para crear e afondar na nosa tradición literaria.

Share