Manifestação Atlântica no dia dedicado a Urbano Lugris

Promovido pelo colectivo In Nave Civitas Lugris, o 7º dia Lugris decorreu nas ruas da Corunha com orgulho surrealista, afã vanguardista e amor pela tradição. Houve música, arte plástica, intervenção urbana, canção popular, cita erudita, atrevimento corunhento, orgulho marinho e inspiração atlântica. A cidade ficava absorta ao nosso passo, e muitas pessoas aplaudiam enquanto outras, a causa do espartilho de um decoro imposto e falsário, saiam espavoridas ou arreganhavam os dentes. Foi sem dúvida uma actividade catártica, e quero pensar que não só para @s participantes, mas para essas ruas pisadas cada dia por todo o espírito artístico, e aqui são mais dos que parece, mesmo mais dos el@s própri@s chegam a saber. Ao deitar-me aquela noite, uma máxima ficou para sempre instalada no meu íntimo: “Menos derrotismo e mais surrealismo!”.

A Manifestação Atlântica foi convocada do seguinte modo:

cartaz dia lugris 2016«17 DE NADAL DE 2016

O vindeiro sábado, 17 de nadal, o colectivo In nave civitas e a asociación cultural O Mural organizan o VII Día Lugrís, data dedicada a lembrar a vida e obra do artista coruñés Urbano Lugrís González.

Os actos comezarán as 18:00 horas na praza de Pontevedra ao pé da estatua de Eusebio da Guarda coa inauguración dun grafiti no que vaise reproducir unha serigrafía do pintor titulada Marineda Soñada. O mural estáse a realizar nun lugar habilitado  para a ocasión no Instituto de Ensinanza Secundaria Eusebio da Garda.

A continuación dedicaremos un tempo para o tradicional obradoiro de paraugas no que decoraremos os nosos “parachuvias” con motivos marítimos e da obra de Lugrís.

A iso das 19:00 horas comezará a Manifestación Atlántica polas rúas da Pescaría con paradas para lembrar a vida e obra do escritor e pintor coruñés. A manifestación rematará na Coiraza onde realizaremos, se Poseidón nolo  permite, un avistamento de baleas e homes mariños.

O colectivo In nave civitas convida a toda a cidadanía a participar neste acto atavíado coas súas mellores galas mariñeiras e que porten, se as teñen, as súas buguinas, para acompañar a ruta.

Este ano acompañarán a marcha un cortexo de 6 bucios ataviados co uniforme de gala da Unión de Conserveiros de Galicia.  Algúns dos escafandros (elaborados pola artista Viki Rivadulla) pódense admirar na Libraría Sisargas (r/ San Roque, 7) até o propio 17/12/2016.
Dentro dos actos do día Lugrís a fotógrafa Pilar Silva, membro do colectivo In nave civitas, presenta a súa exposición Cosendo as ondas do mar. A exposición poderá desfrutarse na Buserana bar, praza de José Sellier, dende o venres 16 de decembro até o remate de xaneiro.»

{Palavra Comum}

Share

“Metal central”: versão plástica de Pepe Cáccamo

pepe caccamo e baldo ramos expo libros conversos“Metal central” é um poema pertencente ao meu livro Metal Central publicado na Espiral Maior em 2009, que mereceu uma menção de honra no Premio Nacional de Poesía Xosemaria Pérez Parallé. Na expo “Librosconversos”, em colaboração com Baldo Ramos, Pepe Cáccamo realizou a versão plástica do poema que aqui se reproduz. Sempre agradecerei a honra que o poeta e artista me fez assim como a vontade interdisciplinar que habitualmente rege o seu trabalho.

O catálogo da exposição, para além de mostrar a magnífica obra dos dous artistas, funciona como publicação em papel de duas seleções pessoais da poesia galega de ontem e hoje.

«Este proxecto que acolle O Museo do Pobo Galego xorde como un diálogo entre creación literaria e creación plástica. Escollendo poemas da nosa tradición poética clásica e contemporánea, ou ben encargándolle a algúns autores textos que dialogaran coas súas pezas plásticas, van fiando estes dous poetas e artistas plásticos un diálogo entre a literatura como contido e o libro como continente. Libros de artista, libros-obxecto, libros intervidos, libros-escultura entran na poesía, reescríbena, amplifícana, agóchana, establecen puntos de contacto que propician unha dialéctica de ida e volta: desde o poema ao libro e desde o libro ao poema. Mestizaxe de voces, de olladas, de libros que se abren para convidar ao lector a que entre nese diálogo que nunca remata». [Cfr. Exposição de Pepe Cáccamo e Baldo Ramos: “librosconversos”]

Metal central por Pepe Caccamo nota expo

Share

“odesexo” coletivo

odesexo B

odesexo é um volume de obra plástica e poética galegas. Fazem parte os artistas: Maside, Pardiñas, Riveiro. Os poemas são de Ramón Neto, Verónica Martínez, Lino Braxe, Emma Pedreira, Eli Ríos, Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, Alberte Momán, Antonio G. Teijeiro, Miguel Mato, Paco de Tano, Xosé Iglesias, Paco Souto. Edita Caldeirón (Malpica, Galiza-Espanha).

Concello de Carballo: «Poesía e arte van da man na exposición “oDesexo” que poderá visitarse até o 8 de maio no Pazo da Cultura de Carballo. A Asociación Cultural Caldeirón e o Concello organizan esta cita que, segundo explica Paco Souto […] “é o froito de tres obras absolutamente diferentes, cada unha moi persoal”, creadas polos artistas Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro. Non obstante, Souto aclara que á vez “teñen moitas referencias comúns porque hai moita vida entre estes tres pintores”. Pero ademais de ser produto do maxín destes tres creadores, “oDesexo” tamén é un catálogo no que está presente a obra de trece dos quince poetas que até o momento teñen publicado na Asociación Cultural Caldeirón, porque a exposición estaba pensada para conmemorar os dez anos do Premio de Poesía erótica Illas Sisargas que se selebrou o pasado novembro. Ao final non pudo ser nesa data, pero a mostra segue “a celebrar oDesexo”, subliña Souto, que engade que “o importante é que a xente de Carballo poda gozar con esta obra fantástica […]”.

Share

Exposição de Pepe Cáccamo e Baldo Ramos: “librosconversos”

pepe caccamo e baldo ramos expo libros conversos«Este proxecto que acolle O Museo do Pobo Galego xorde como un diálogo entre creación literaria e creación plástica. Escollendo poemas da nosa tradición poética clásica e contemporánea, ou ben encargándolle a algúns autores textos que dialogaran coas súas pezas plásticas, van fiando estes dous poetas e artistas plásticos un diálogo entre a literatura como contido e o libro como continente. Libros de artista, libros-obxecto, libros intervidos, libros-escultura entran na poesía, reescríbena, amplifícana, agóchana, establecen puntos de contacto que propician unha dialéctica de ida e volta: desde o poema ao libro e desde o libro ao poema. Mestizaxe de voces, de olladas, de libros que se abren para convidar ao lector a que entre nese diálogo que nunca remata. A finais dos anos 80, Pepe Cáccamo comezou a ensamblar obxectos a partir de refugallo de ferro, madeira e plástico. Foi inicialmente unha ocupación que non procuraba comunicación pública e que dialogaba coas procuras de cerna surrealista actuantes no substrato da súa poética discursiva. No seu primeiro ciclo de obxectos ensamblados –expostos, entre outras, nas galerías Ad Hoc de Vigo e Citania de Santiago– pode percibirse unha liña expresiva que combina as poéticas do surrealismo e a arte povera coas do kitsch de intención crítica e irónica. Unha pausa creativa de sete anos a partir de 1995 serviulle para ir preparando unha mudanza de rumbo cara aos territorios da Poesía obxectual. Desde o ano 2006, coa serie titulada Underwood, comezou a amosar os seus libros abertos e un conxunto de máquinas de escribir deconstruídas, intervidas. Ao longo desta segunda etapa, amosou o resultado do seu labor en diversas galerías de Galiza e de España: A carón do mar, de Cangas do Morrazo (2006), Sargadelos de A Coruña (2007), Auditorio Municipal de Vilagarcía (2007), Ponte de Rosas de Gondomar (2010), Trisquel e Medulio de Tui (2010), Sala Provincia do Instituto Leonés de Cultura (2013) Centro de Poesía Visual de Peñarroya (2014) ou Fundación Luís Seoane de A Coruña (2015). Participou tamén en diversas exposicións colectivas e, desde o ano 2014, mantén un intenso diálogo reflexivo e creativo con Baldo Ramos. librosconversos é a cuarta mostra dese labor de dobre autoría en proceso aberto. Poesía e plástica conviven no seu traballo como unha invitación ao diálogo, á mestizaxe, á fusión. Autor de trece libros de poesía, será Raizames (2001) o que abra un ciclo que se pecha con Cartografía do exilio (2014). Nos últimos anos ten propiciado colaboracións con outros artistas e escritores que teñen dado como froito diferentes proxectos expositivos e literarios: Muere el pájaro en el aire (2010) con Mónica Doldán, Os ollos das palabras (2012) con Caxigueiro, Onde beben os cervos que amansou o calígrafo (2014) e As raiceiras do frío (2016) con Carlos González Villar, CaRa inversa (2014) e VisualconVersa (2016) con Pepe Cáccamo e 1+1=3 (2015) con Franck Meyer. Os seus libros de artista teñen sido expostos nas galerías Borrón 4, Isadora, Citania, AC ArteContemporáneo, Rodrigo Juarranz, Clérigos, Bus Station, Marisa Marimón, Metro ou Galería Circular e en feiras de arte como Espacio Atlántico, DEARTE Contemporáneo, Art Madrid ou Arteando. Algúns destes libros de artista de exemplar único levan por título: Ut pictura poesis (2002), Signos de cinza (2003), Homenaxe a Lorca (2005), Na fronteira do dicir (2008), Túneles no espello (2010), As nogueiras do insomnio (2011), Monólogo do calígrafo (2013) ou Homenaxe a José Ángel Valente (2015). NO ACTO DE INAUGURACIÓN 2naFronteira interpretará tres pezas musicais: unha baseada nun poema de Xosé Mª Álvarez Cáccamo, outra nun de Baldo Ramos e outra nun texto do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Manuel María, a quen os autores da mostra fan unha homenaxe cun libro de grandes dimensión que tamén pode verse nesta mostra que acolle o Museo do Pobo Galego. Participarán no RECITAL POÉTICO, lendo os textos incluídos no libro-catálogo editado por LibrosGalegos.gal que complementa esta mostra, os seguintes poetas: Salvador García-Bodaño | Xulio L. Valcárcel | Marga do Val | Gonzalo Navaza | Carlos Negro Celso Fernández Sanmartín | Ana Romaní | Vítor Vaqueiro | Román Raña |Mariña Pérez Rei Xurxo Alonso | Carlos Fontes | Olalla Cociña | Eduardo Estévez |Alfredo Ferreiro | Xerardo Quintiá Alba Cid | Luís Valle | Eva Veiga».

{Museo do Pobo Galego}

Share

Visita ao “Taller de Polo”

O “Taller de Polo” é uma oficina de artes plásticas comandada por Polo, artista e pedagoga por mais de 10 anos no bairro dos Castros da Corunha. No Natal de 2015 fizemos uma visita ao seu espaço de convívio artístico e gravamos estes minutos no contexto de uma primeira exposição de artistas da cidade.

Share

A «História de um guarda-chuva vermelho» chega à Bulgária

Façade Video Festival 2015O vídeo-artista Xacobe Meléndrez Fassbender participa no Façade Video Festival, em Plovdiv (Bulgária), de 18 a 20 de novembro de 2015. O júri selecionou a sua obra áudio-visual História de um guarda-chuva vermelho (The story of a red umbrela), peça em que tivemos a honra de colaborar vários artistas. Nas palavras do autor: «A música de Karlheinz Stockhausen, pertencente à obra Tierkreis, da qual se extrai este Gemini (1975), foi interpretada na XLI Semana de Música do Corpus de Lugo, pelo Black Cage Ensemble (com Antonio Badenas, oboé, e Alejandro Troya, saxo tenor) com vídeo-projeções de Xacobe Meléndrez. Do mesmo jeito em que se estabelece um diálogo entre música e imagem produz-se a conexão do vídeo com o poema de Alfredo Ferreiro, e o resultado é uma peça artística multidisciplinar sugestiva e ambígua, que aprofunda na identidade e a experiência, aberta a múltiplas interpretações. A tradução ao inglês é de Táti Mancebo

FAÇADE VIDEO FESTIVAL 2015 PARTICIPANTS

FAÇADE VIDEO FESTIVAL 2015 no FB

Eis a peça selecionada:

História de um guarda-chuva vermelho from NoTobo do Raposo on Vimeo.

Share

Dende o azul 24

Dende o azul 24_InmaDovalO melhor de convidar a jantar boas e agradecidas artistas como Inma Doval é a sensação de ter feito, nestes tempos tão miseráveis, um bom negócio. O da quinta passada já tem marco, um muito antigo feito pelo meu avô, um homem que partiu das terras de Trás-Deça nos anos quarenta para trabalhar como carpinteiro na Corunha; participou na construção do Hotel Embajador, hoje Deputación da Coruña, e afinal remorfou-se como trabalhador da fábrica de armas da cidade.

A obra intitula-se Dende o azul 24. É um óleo de motivos vegetais com um cromatismo sóbrio mas muito contrastado. Gosto dessa floresta sanguina que se confunde na névoa.

Share

Mural Urbano Lugris

Share