Club de Lectura de Arteixo

Club lectura Arteixo 2017 (El Ideal Gallego)

Club lectura de Arteixo, 2017 (Fonte: El Ideal Gallego)

Desde hai uns anos veño colaborando con algunhas institucións na coordinación de clubs de lectura. Coordinar, neste caso, significa tentar cubrir a falta de aparato teórico cando é necesario, dun modo intuitivo e sen entorpecer o natural percurso reflexivo sobre as obras literarias. Porque, en casos como o Club de Lectura de Arteixo, nacido ao abeiro da Biblioteca Henrique Rabuñal, xa partían dun procedemento de participación moi claro; só precisaban, e así mo fixeron saber, “aprender algo”. Eu inmediatamente comprendín: só desexan coñecer algunha ferramenta teórica para poderen debullar mellor o valor estético e humano do que len.

As boas obras literarias propóñennos uma particular interpretación do mundo, e como foron escritas para nós só coa experiencia que teñamos da vida debemos poder facer unha interpretación proveitosa. Proveitosa para nós, pois non hai outro obxectivo maior. Porén, é común mostrar certas inseguridades, como a necesidade de consultar a crítica antes atrevérmonos a falar, ou non saber a onde poden chegar as interpretacións dunha pasaxe determinada. Chegados aquí, eu sempre argumento que a cousa é máis sinxela do que parece: os límites dun discurso interpretativo están no propio texto, na prudencia de argumentar apoiándonos no que figura literalmente nel. Todas as interpretacións son válidas, por tanto, se ben argumentadas e apoiadas no que foi escrito.

O feito de que varias interpretacións sexan igualmente aceptables, lonxe de facer o proceso hermenéutico máis complicado, abre un abano de posibilidades que nos libera da verdade monolítica e nos fai encontrarnos coa auténtica verdade, é dicir, algo que poderíamos definir como unha visión poética da vida. Se lembramos que ‘poesía’ significa “creación”, entenderemos mellor que tamén cada interpretación é unha creación, mesmo a interpretación da propia autora, e que unha nova non contradí as anteriores senón que enriquece a súa gama de cores. Porque a verdade é única e ao mesmo tempo diversa, de tal modo que só mediante unha imaxe poética pode ser expresada. Isto podería explicarse mediante a alegoría dunha árbore que, tendo un tronco único e afondando as súas raíces na terra da experiencia vulgar, ergue as súas ramas en múltiplas direccións o ofrece ao observador unha combinación case infinita de follas e froitos que muda dependendo do ángulo con que se observe.

Toda esta riqueza interpretativa, a da autora e a das lectoras, por tanto, libéranos porque nos abre a unha nova e sempre posible interpretación da vida. E isto ten máis valor do que por regra recoñecemos, xa que a vida que merece a pena vivir é unha continua transformación do de dentro e do de fóra, algo ao que sen dúbida nos poderemos adaptar mellor se a través da literatura e a arte practicamos unha visión poética da vida.

{Galicia Confidencial}

P.S: Cfr. versão em português na Palavra Comum.

*

Noelia Díaz (El Ideal Gallego): «La lectura es un hobby que apasiona a millones de personas en el mundo, aunque en Arteixo tiene especialmente enganchadas a las mujeres. Los tres clubs de lectura que existen el municipio –Arteixo, Meicende y Pastoriza– están compuestos exclusivamente por féminas y en auge. […] Ler mais

O teatro medieval, galego

Un dos maiores misterios relativos á literatura medieval é a suposta ausencia de xéneros teatrais. Nunha época en que todo, absolutamente todo o acto literario era esencialmente un acto de fala ou de canto habitualmente acompañado de música e danza, é incomprensíbel que a crítica maioritaria teña negado a existencia dun teatro medieval. Sobre todas as razoábeis intuicións que esta situación de oralidade comporta, nos meus anos na Universidade da Coruña tiven a posibilidade de coñecer a teoría de Francisco Nodar Manso quen, co aplauso de personalidades como Rodrigues Lapa, defende desde os oitenta a existencia dun teatro galego-portugués no século XIII. A súa tese doutoral, defendida na Universidade de Mcgill no Canadá e publicada en 1990 grazas á sensibilidade do editor alemán Reichenberger, apóiase no seguinte:

  1. Os medievalistas hispánicos son demasiado restritivos á hora de admitir a existencia de xéneros dramáticos. Consideran paradramáticos todos os xéneros que non sigan os patróns da comedia e a traxedia clásicas, e nese burato negro afogan todas as hipóteses de auténtica dramaticidade. Os investigadores franceses, entre os máis abertos, aceptan a teatralidade de xéneros como os xogos, os diálogos e monólogos dramáticos e os diceres.
  2. Os testemuños conservados sobre a actividade dos xograis indican unha patente actividade teatral. O problema reside en que a crítica non recoñece a alma dramática da canción medieval. Así as cousas, o que hoxe chamamos poesía medieval son cancións ou textos mélicos que eran representados perante un público através do canto, a declamación, a música, a danza, a caracterización de personaxes e diversos códigos escénicos de época que deben ser tamén investigados.
  3. O estudo dos cancioneiros medievais galegos desde a perspectiva de Nodar permite observar que os textos dos cancioneiros son organizábeis en liñas narrativas con principio e fin, e abre a posibilidade da reconstrución de pezas recoñecíbeis de teatro menor; unha vez se contemplan os textos ligados como elos dunha mesma cadea anteriormente esparexidos, todas as potencialidades até o momento ocultas resaltan cun brillo extraordinariamente dramático.

Francisco Nodar é un galego que voltou da diáspora co tesouro que a distancia da Terra lle inspirou. Traballou duro até logar o máximo recoñecemento nunha prestixiosa universidade estranxeira e tropezou á volta co desinterese dos seus paisanos sobre unha cuestión que non só revoluciona os estudos medievais, senón que sitúa a literatura galega medieval no foco do presente e do máis dourado pasado. Ese que, segundo defendo nesta tribuna, restablece con xustiza a heranza dos antergos así como constrúe un futuro digno para os que nos suceden.

Mais aquí topamos co segundo grande misterio da nosa literatura medieval: por que os medievalistas galegos non asumiron o interese por discutir unha tese potencialmente tan valiosa? Por que ollaron para o lado até o momento en lugar de desenvolver uns argumentos válidos ou, o que tamén sería posíbel, descubrir as eivas desta tese, para maior avance dos nosos estudos medievais? Non é certo que ás veces a crítica dun camiño errado ilumina sendeiros insospeitados? Varios son os motivos que acho para tal feito, e gustaba que alguén, para me ilustrar nun punto que considero fulcral, me discutise:

1. A crítica medieval galega é herdeira da edición de textos convencional, en que os textos dos cancioneiros son interpretados isoladamente, como poemas breves de autor. Isto impide combinalos seguindo unha mesma liña narrativa para atopar unha unidade argumental sen afociñar con graves problemas de autoría, nos termos de todo o publicado até o momento.

2. Os especialistas en literatura medieval galega non desexan contestar as perspectivas dos medievalistas hispánicos máis recoñecidos, senón conseguir que a crítica galega sexa recoñecida co máximo prestixio no cadro internacional.

Teño para min que entre os eruditos galegos que eluden a cuestión do teatro galego medieval hai grandes investigadores que merecen o aplauso, entre eles algúns dos que me orgullo de coñecer persoalmente. No entanto, esta pasividade nun asunto de tal calibre sempre foi incomprensíbel para min; se fose noutro país, nun deses en que o idioma propio se pon en valor, así como a cultura tradicional, a fauna autóctona e todos os tesouros que a nación conserva, transforma e aproveita por xeracións, outro eco tería unha teoría como esta. Mais confiemos en que os nosos estudos críticos medievais acorden do seu sono do mesmo modo que a historiografía se vai liberando do tinte obscurecedor con que os estudos españoleiros e mesmo internacionais ocultan a nosa Historia. {20/08/2012, en Praza Pública}

NOTA: Unha referencia xeral ao estado da cuestión pode lerse en “Juglares y trovadores”, de Julio I. González Montañés.

Grupo Alea de Análise Poética (GAAP)

«[…] O Grupo Alea de Análise Poética (GAAP) formalizou a súa constitución no mes de xaneiro de 2009. Fixa como obxectivo a dinamización da investigación sobre materia poética e sobre os propios procedementos de análise metodolóxica e de decisión sobre de qué hai que falar cando se fala de poesía. Trátase dunha tarefa entendida na súa dimensión participativa no campo literario-cultural. O GAAP aspira a intervir nese campo achegando un discurso teórico e crítico plurívoco, non cinguido a coordenadas apriorísticas e acompañado dun esforzo por documentar da mellor maneira posíbel o curso da poesía contemporánea, a que está viva e ten algunha clase de cometido e presenza na esfera pública.

Forman o GAAP dez investigadoras e investigadores que comparten o interese polo debate metodolóxico na esfera teórico-crítica e comparada pero que no marco das análises que se comprometen a activar como colectivo orientarán o labor con determinación e claridade á produción poética galega, sobre todo á propia dos séculos XX e XXI. […]» (Ler máis en Lándoas)

Moito teño escoitado no Blogomillo e fóra del que a análise da poesía non admitía sistematizacións, nin había metodoloxía que lle fose propia salvo a interpretación inspirada e continxente do crítico definitivamente afectado pola era e Acuario. Eu considero que sempre souben falar sobre algunhas cuestións pertinentes dun poema calquera que fose, de calquera época e estilo, sempre que escrito nunha lingua na que tivese unha alta competencia. E falar de modo pertinente significa o contrario que de modo aleatorio, é dicir, significa falar coherentemente de arte escrita apoiándose en cuestións que obxectivamente se observan no texto. Non significa agotar o sentido do poema nin achar a fórmula exacta que fai  o poema ser o que é. Significa simplemente mostrar unha verdade asumíbel, a que o crítico conseguiu ver através dun criterio que fica á vista como as ferramentas de precisión do cirurxán.

Unha novela escrita por unha modelo?

«Una novela escrita por la modelo Katie Price se convierte en un superventas en el Reino Unido: Una novela escrita con ayuda ajena por la modelo británica Katie Price, también conocida como Jordan, ha vendido más ejemplares que los seis finalistas juntos del Booker, el premio literario más prestigioso del Reino Unido. De Crystal , novela que trata de los esfuerzos de una muchacha por ganar fama como cantante gracias a un concurso de telerrealidad, se llevan vendidos, desde que salió en junio, 159.407 ejemplares. Por el contrario, las ventas de las seis novelas finalistas del Booker suman 120.770 ejemplares, pese a la campaña de publicidad de que han estado rodeadas. Crystal es la segunda novela de Price. De la primera, Angel , vendió 300.000 copias.» (La voz de Galicia)

Dicía eu hai uns días que non era un canibal, e iso era porque entendía o lector actual a ser tratado como un animal de consumo literario, estimulado tan só por emocións primarias elevadas á enésima potencia. Esas obras que son creadas para “ofrecer circo” a domicilio, unha maneira de atordar o povo similar ao cinema “de medo”. Algo equivalente a substituír o deporte verdadeiro, que tanto contribúe á boa conexión de corpo e mente, por unha sesión de “puenting”. Trátase de non suar, e sen esforzo físico subir as pulsacións cen puntos. A felicidade consiste no sentimento posterior a salvarse dunha morte inminente?

Algo similar acontece con estes produtos, froitos da enxenaría literaria máis comercial, auténtica aliaxe entre a psicosocioloxía e o márqueting. […] Ler mais

Eu non son un canibal!

Prisión para o escritor que cometeu asasinato e levou o seu crime a unha novela: prescindamos por un momento do argumento desa novela. Sexamos capaces de esquecer o tema sanguinario que se nos presenta, e pensemos por un momento que pode ser substituído na nosa cabeza por un argumento de novela rosa, de fábula ou de familia azucarada e feliz que no final atopa o canciño perdido. O caso é que a novela usa un argumento copiado da realidade, transcrito de tal modo en palabras que sobresae fundamentalmente polo seu realismo debido á profusión de detalles nos motivos máis inesperados. É iso o que o lector valora, —e agora voltemos ao tema da noticia— xunto coas historias escabrosas, é claro.

[…] Ler mais