Letras Galegas 2017 (1)

Começa uma rica semana em eventos culturais em volta da celebração das Letras Galegas 2017. Hoje e amanhã andaremos polo meu antigo bairro corunhês, a Cubela (entre a Gaiteira e a Estação de Autocarros). Colaboraremos com o nosso querido livreiro Suso da livraria Azeta e andaremos a falar de literatura e a recitar poesia acompanhados dalguns dos maiores vultos da literatura actual, também vizinhos muito prezados. Este é o programa:

Azeta Letras Galegas 2017 B

Azeta Letras Galegas 2017 A
A inciativa do Concelho da Corunha, tão louvável (cfr. Programa Dia das Letras 2017 A Corunha) divulgou-se com este vídeo:

Share

Día Mundial da Poesía en Arteixo

Recital Dia Mundial da Poesia en Arteixo

Día Mundial da Poesía

Recital poético conmemorativo

Auditorio do Centro Cívico e Cultural de Arteixo

Venres, 17 de marzo de 2017, ás 20:30 hs

Con motivo da celebración do Día Mundial da Poesía, proposto pola UNESCO para cada 21 de marzo, o escritor Alfredo Ferreiro organiza e presenta un recital poético-musical que contará cun nutrido elenco elenco de artistas nacidos ou residentes en Arteixo:

Poetas (recitarán obra propia):

Lucía Alvedro (1º E.S.O. do IES Manuel Murguía de Arteixo)

Lara Boedo (1º E.S.O. do IES Manuel Murguía de Arteixo)

Rocío Blanco (Cee, 1977. Formadora e escritora)

Alba Figueroa (2º Bacharelato do IES Manuel Murguía de Arteixo)

Xosé Iglesias (Cee, 1974. Patrón de pesca, armador e escritor)

Tati Mancebo (A Coruña, 1969. Xestora cultural, formadora TIC e escritora)

Henrique Rabuñal (Pastoriza (Arteixo), 1962. Profesor, crítico literario e escritor)

David Rodríguez (2º Bacharelato do IES Manuel Murguía de Arteixo)

Roque Ruiz (2º Bacharelato do IES Manuel Murguía de Arteixo)

Gloria Sánchez (2º Bacharelato do IES Manuel Murguía de Arteixo)

Intérpretes musicais:

Ainhoa Carnota, saxofón (1º E.S.O. do IES Manuel Murguía de Arteixo)

Minerva Vázquez, acordeón (6º E.P. do CEIP de Arteixo)

Organiza e presenta:

Alfredo Ferreiro (A Coruña, 1969. Xestor cultural, escritor e coordinador literario do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo)

Este acto conta co apoio das Concellerías de Cultura e Festas (Biblioteca e S. M.) e de Relacións coa Comunidade Educativa de Arteixo, ademais de coa inestimábel axuda do profesor Víctor Iglesias e da profesora Isabel Maturana, da Escola Municipal de Música e do Instituto de Educación Secundaria Manuel Murguía de Arteixo, respectivamente.

Share

"Cultura que une" no Culturgal

Logo de Cultura que uneO projeto Cultura que une divulgou suas atividades transraianas na sequência da maior feira cultural da Galiza, o Culturgal, desenvolvido em Ponte Vedra de 4 a 6 de Dezembro. Este vídeo de Alfredo Ferreiro inclui uma entrevista a Luís Martínez-Risco, presidente da Fundación Vicente Risco e um dos principais promotores, assim como as intervenções de alguns de seus colaboradores principais.

Na sequência da aprovação a 11 de Março de 2014 pelo Parlamento Galego da Lei Valentim Paz-Andrade, o projeto nasceu, em primeiro lugar, a partir do diálogo entre a Fundación Vicente Risco e Norberto Cunha, responsável pelo Museu Bernardino Machado de Vila Nova de Famalicão.

O programa do «Cultura que une» integra diversas manifestações artísticas e culturais (exposições de pintura, fotografia e escultura; recitais de poesia e concertos), a serem realizadas em duas cidades, uma da Galiza e outra de Portugal, assim como ciclos de conferências relacionados ao tema das relações intelectuais entre Galiza e Norte de Portugal.

{Palavra Comum}

Share

Culturgal 2012

Tati Mancebo no Foro Culturgal 2012Onte visitamos o Culturgal 2012. A oportunidade veu dada pola participación de Tati Mancebo no Foro Culturgal no cadro dunha “xornada de difusión e formación FERRAMENTAS TIC E MULTIMEDIA NAS AULAS”, na que presentou en dúas sesións un bon lote de “ferramentas TIC e contidos multimedia pensados para as aulas”: 60 aplicacións en 60 minutos. O traballo ficou disponíbel no seu blogue, para quen se interese por el.

Mais a ocasión, como estaba previsto, facilitou unha visita demorada pola miña parte no recinto da feira, que este ano semellaba gozar dunha disposición espacial máis axeitada: existía unha avenida principal desde onde se podía acceder á inmensa maioría dos stands, case todos eles a unha simple vista de ollos. Polo contrario, a localización dos espazos destinados aos eventos foi para min máis difícil de atopar, mais isto puido ser debido á premura con que me movía aquela tarde no medio do grande fluxo de público que, hai que celebralo, enchía os camiños principais xa desde a mañá.

Foron moitos os amigos e coñecidos con que puidemos falar, entre os moitos que desexábamos ver. Os amigos de Sacaúntos e Urco Editora, a quen mercamos o segundo volume de Contos Estraños (unha sorte de revista literaria con formato de libro) e O xogo de Ender, un romance fantástico que predixo, á súa maneira, tanto os avances sobre o control mental da infancia canto Xulio Verne vaticinou o progreso posterior da ciencia.

Paramos un bon pedazo tamén con Moisés Barcia para que nos comentase as novidades de Rinoceronte, que non pára de dinamizar o seu catálogo; coñecemos a nova oferta en novela gráfica e aprovisionámonos de nomes da actual narrativa anglófona: Cotzee e Barnes. De paso, puidemos saborear o Superdicionario de Edicións Morgante, e agradecer o regalo das que van ser as nosas canecas máis literarias. Debido, supoño, a unha vaidade incontrolada teño que dicir que me fai graza pensar que, cunha demora de varias horas, Julian Barnes estará a tomar un café nun recipiente idéntico ao meu, pois segundo Moisés me contou desde que lla enviaron ao inglés esta pasou a ser a súa caneca preferida.

Tivemos tamén ocasión de sumarnos á presentación de Prestige (2.0 Editora), o último traballo publicado de Xosé Manuel Pereiro sobre o catastrófico naufraxio e a non menos desafortunada xestión política do accidente marítimo, o que deparou nesa triste ocasión en que tanto o pobo como os gobernantes que temos, en medidas opostas, demostraron o talle que realmente teñen. A conversa foi dinamizada por Manuel Jabois, con Pereiro na foto.

Outra das presentacións que non esquecimos foi a do Proxecto Cárcere da Coruña, que consiste nin máis nin menos no esforzo hercúleo que un florido grupo de artistas e veciños fan desde hai anos para converter un ámbito estatal de represión e castigo nun espazo para a arte e a convivencia, cunha perspectiva que resultaba aceptábel e necesaria para os políticos de onte e que é raposeiramente desatendida polos de hoxe. Na foto o artista Tono Galán está a preparar un vídeo sobre a presentación dos seus compañeiros do ProxectoProxecto Cárcere no Culturgal.

No eido musical, tivemos a grata experiencia de escoitar Os Irmandiños de Vincios, un grupo que nos ofreceu delicadas pezas propias e ademais doutras do repertorio tradicional. O resultado foi unha interpretación moi emotiva que me fixo imaxinar a banda sonora dun filme actual salpicado de toques costumistas e tradicionais, ao estilo de Despertando a Ned ou algunhas obras de Fellini. Perdoade a atrevida comparación de quen nada entende de música e moi pouco de cinema, mais cando a febra do peito resoa a imaxinación comeza a cabalgar… Aquí deixo o vídeo que a Tati realizou co teléfono. Integra este grupo un blogueiro moi querido por nós: Félix “Miriño”, de que escoitamos todas as entregas musicais que publica en O curioso impertinente.

E foron moitas máis as persoas que puidemos saudar, máis con certeza das que agora lembro: Germám Ermida (con quen puidemos desfrutar in situ da súa exposición As Cantigas de Santa María. Arte BDieval); Francisco Castro, de Galaxia (que veu presentar o novo proxecto Galaxia Tales); Celia e Bragado, de Xerais (presentando Os fillos de mar, de Pedro Feijoo); Fran Zabaleta e Xosé de Redelibros; as mozas de Elefante Elegante; Uxía Senlle; Gracia Santorum… e como non, o noso veciño de Arteixo Sergio Lago, a quen felicitamos pola organización dun evento que semella gañar en pragmatismo espacial e que se vai consolidando, coas dificultades de sempre máis as de agora, perante un público que debe comezar a descubrir toda a profesionalidade que a súa terra pode ofrecerlle no ámbito da cultura.

Share

Blogaliza na Normal

Share

Dez anos de culturagalega.org: entrevista a Tati Mancebo

Tati Mancebo

«Desde o seu traballo en Algueirada S.L., Tati Mancebo fíxose nos últimos anos un nome por dereito propio no campo da xestión cultural. Para alén de coordinar diversas actividades e eventos, está a ser recoñecida como unha das grandes especialistas no libro electrónico no noso país e na aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación á cultura.

¿Cando coñeciches o portal?

Non me lembro, preo tranquilamente na altura de 2003, eu creo, cando puxemos itnernet na casa.

¿Como o ves na actualidade?

Véxoo moi ben. É un sitio onde sabes que non se van pasar por alto un monte de cousas. Que vas atopar a maior parte da oferta da vida cultural. Nese sentido é un sitio de referencia.

¿Que pensas que lle falta?

Falta a posibilidade de que os lectores poidan subir contidos. Sería importante que puiden participar de xeito activo e achegar eventos ou semellantes.

¿Hai algún servizo que empregues habitualmente ou algún contido que lembres de xeito especial?

Sempre o leo por feeds, e hai bastantes meses que non entro directamente na páxina. En particular emprégoo para seguir a programación cultural. E logo moitas veces, entérome de cousas que non teño nin idea, moitas veces polas reportaxes sei de proxectos, actividades e grupos que fan cousas e que non coñecía.»

Vía Dez anos de culturagalega.org: Cos ollos dos usuarios | culturagalega.org | O portal da cultura galega.

Share

Os mellores de 2009 segundo Fervenzas Literarias

A páxina Fervenzas literarias continúa a súa louvábel actividade de divulgar a literatura cun novo recoñecemento aos mellores traballos do ano anterior. Nesta ocasión, o noso Metal central recibiu o terceiro premio “Mellor libro de poesía para adultos”, e AchegArte, a feira que cubriu tan honorabelmente a ausencia do Culturgal 2009 e na que tantas horas horas investimos en mancomún cultural, o premio “Mellor iniciativa literaria”.

Agradecemos a Fervenzas literarias o seu esforzo e aos lectores a súa atención.

Share

AchegArte, unha vacina contra o pesimismo

AchegArte, a feira que en pouco máis dun mes entre moitos improvisamos na Coruña para salvarlle a vida simbolicamente ao Culturgal que a Xunta da Galiza pretendía afogar, foi un éxito rotundo. E non o foi simplemente polo aspecto cuantitativo, que nos permite concluír que tivo na fin de semana tantas visitas canto o Culturgal de 2008 en catro días, senón tamén no cualitativo.

Blogaliza e amigos en AchegArte 2009

Que o Culturgal de 2007 fose responsabilidade da Asociación Galega de Editores e que cunhas axudas modestas encetase o camiño da creación dunha grande feira da industria cultural nacional semella meritorio. Que o número de visitas daquel ano fose humilde, paréceme natural para unha primeira convocatoria e non por iso falto de mérito.

Que o Culturgal de 2008 fose responsabilidade da Consellaría de Cultura non me estrañou en absoluto, e mesmo na altura louvei o apoio decidido dos políticos que a promovían, os cales por suposto pretendían demostrar que o apoio á cultura que sempre os caracterizou se tiña materializado nun acto de grande proxección. A verdade é que as críticas ao seu goberno caían con certa frecuencia mesmo desde sectores intelectuais supostamente afíns, e isto puido ter a ver cunha demostración de forza económica que chegou perto dos 600.000 euros. Mais a cobertura económica non foi satisfactoria para algúns polo que puido implicar de dirixismo institucional.

Este ano non tivo lugar o Culturgal 2009 por falta de apoio da Consellaría de Cultura da Xunta da Galiza, segundo estimaron os editores en primeiro lugar. Moito apoio semella non ser apropiado, como xa se dixo acima, e a falta del resulta ser un obstáculo imposíbel de salvar. No punto medio, estou de acordo con eles, está o lugar ideal.

PedroBlogaliza2

Porque do que se trata é de construír unha rede industrial en que cada cordame salve os outros de caer no abismo das continxencias económicas, sexan estas bancarias, políticas ou tecnolóxicas. Porque do que se trataba era de axudar a industria a crecer, apoiándoa mais deixándoa traballar e investigar  naquilo que precisaba, non de emprestarlle un traxe para unha festa de presentación na sociedade internacional. Porén, haberá que recoñecer que durante o goberno cultural nacionalista moitas parcelas creativas foron amorosamente alimentadas, e isto favoreceu o florecemento que sen dúbida estamos a desfrutar.

Se ben o terreo galego é tan fértil e húmido que en calquera lugar nacen herbas, arbustos, flores e árbores desde que deixes que traballen polo seu, no ámbito das artes acontece o mesmo. Iso foi o que se pasou os días 28 e 29 na Coruña coa xeración espontánea da feira cultural AchegArte. Mais para que a flor da creatividade nacese varios factores influíron, a modo de matrimonio futurista entre moitos máis que dous:

a) A creatividade galega silenciada durante ducias de anos e que despois de que varias xeracións foron escolarizadas en galego e tiveron por fin a oportunidade de medrar en paz rente a escritoras e artistas que desde os anos 80 viñan ampliando despois un legado cultural que desexaba abrirse ao mundo. A partir desta situación creo que unha nova fase creativa ten lugar, e da cal o mellor está por chegar.

AlfredoBlogaliza2

b) Un público amante da cultura que estaba disposto a contribuír co seu esforzo particular ao nacemento dun evento do que non se sentía suxeito pasivo. A cultura reclama a interacción continua, e o público galego é agradecido, valora o esforzo artístico e séntese habitualmente moi próximo del. Despois algúns critican que calquera publica un libro, desde logo, mais iso poderiamos velo como un luxo e non como un defecto. Se acordásemos por fin do noso sono diriámoslle ao mundo que todos somos poetas, actores e gaiteiros, como mínimo.

c) A iniciativa cidadá que motivou as primeiras adhesións comeza xa a ser unha constante durante este ano de despropósitos Xunteiros. Plataformas, manifestos e protestas públicas agroman porque non é menos importante o patrimonio cultural que o forestal e o mariño, e a defensa dun evento como o Culturgal é totalmente xustificado aínda que for a Asociación Galega de Editores a titular da marca. Por que? Porque moitos vivimos o Culturgal pasado como unha das palestras realmente modernas que a cultura actual precisa, e este sentimento levounos moito alén do que a industria do libro e algunhas máis son capaces elas soas de significar. Acreditamos nun país con futuro, e confiamos na colleita que haberá de chegar.

d) O apoio dunhas institucións (Concellaría de Cultura da Coruña e Deputación da Coruña) que souberon cumprir co seu cometido como poucas veces antes se vira en ningunha institución. Porque os políticos culturais só cumpren co seu mandato se serven as necesidades culturais reais da sociedade. Dubidaron de partida, como é lóxico, antes de embarcarse nun apoio a unha iniciativa popular que a priori podía ter riscos, económicos e políticos, mais lanzáronse finalmente cos recursos disponíbeis conscientes de que as oportunidades hai que aproveitalas aceptando o reto. Conscientes quixeron, e cumpriron, e xuntos remendamos o pantalón con que a Xunta pretendía que mostrásemos o cu.

Ante todo isto, declaro que me sinto orgulloso de pertencer a unha sociedade que é capaz de crear un universo de arte, xogo, amizade e cultura nunha fin de semana. E creo que un feito deste calibre merece un lugar máis destacado na miña memoria que calquera desas sanguinarias batallas celebradas cunha estatua no interior dun xardín.

Revisión 5/12/2009: Cultura en rexeneración permanente, por Marcelino Fernández Mallo.

Share