“Visão do médium” e nova recrudescida visão

7 Poetas por Gabriel Nascente

Visão do médium é um poema de Alfredo Ferreiro publicado em 7 Poetas (1995) e Versos Fatídicos (2011). […]

Share

Xesús González Gómez:

Hoxe podemos dicir que o surrealismo xa existe na poesía galega mercé a dous poetas: Alfredo Ferreiro e Ramiro Torres, e a dous libros: Versos fatídicos e Esplendor arcano. Poetas surrealistas non só porque se reclamen do surrealismo, porque fagan poemas surrealistas, porque se ateñan ás esixencias do surrealismo, senón porque mediante unha dupla modalidade da consciencia –ver Signe ascendent, de André Breton– , poética e prosaica, son quen de disipar a ambigüidade que pesa a noción de surreal. […]

Share

'Versos fatídicos (1994-2010), de Alfredo Ferreiro', por Ramón Nicolás

«Tras Metal central (2009) retorna Alfredo Ferreiro ao primeiro plano da actualidade cos seus Versos fatídicos (1994-2010): unha intensa colectánea que agrupa composicións inéditas e outras que agora se versionan e modifican, dispostas logo dun intelixente limiar subscrito por François Davo e que contan cun monllo de ilustracións da man de Alberto Esperante.

Este volume susténtase na aplicación dunha perspectiva heteroxénea, tanto no que ten que ver cos asuntos tratados como no que se refire a formas e estilos, onde podemos atopar desde composicións máis ortodoxas a aforismos, pasando por prosas poéticas ata reflexións de carácter filoensaístico. Se cadra sexa nesta clave desde a que cómpre achegarse ao que se configura como o espello persoal dunha visión poliédrica e singular do noso propio tempo e do “fatum” que o rodea, inquirindo con teimosía posibles respostas a unha morea de preguntas, articuladas desde un rico universo simbólico, que vai desde o ámbito do automatismo creador ata a presenza do máis cotián, sen esquecer a evocación memorialística nalgún caso e, talvez por riba de todo, o cuestionamento respecto da morte e o seu último sentido.

Un libro que nace desde a instancia das incertidumes e as conxecturas pois “Escribir un poema debe ser un diluvio que agoniza”. Poesía que se espalla en marés de palabras, moitas veces esgazadoras, para seguir camiñando sobre o tempo e a vida.

 

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 24 de decembro de 2011 baixo o título de «Culto ao vario en marés de palabras».»

{Caderno da crítica}

Share

'Versos fatídicos', de Alfredo Ferreiro, na Revista das Letras

Hoxe teño a honra de que a Revista das Letras, o suplemento do Galicia Hoxe, se dedique integramente ao libro que proximamente me publicará Edicións Positivas. Constitúe un conxunto heteroxéneo de textos poéticos inéditos e novas versións de todos os que fun publicando de modo disperso desde 1994 a 2010. Son novas versións porque mudaron os modos gráficos, versos pasaron a prosa, metáforas foron pulidas, algunhas palabras caeron por redundantes e outras permaneceron simplemente porque unha escrita “automática” debe ser respectada. Aquí encontraredes encomendas específicas, poemas nacidos con cesárea e outros provenientes de partos terríbeis, froitos da sede do deserto e dos licores da noite coruñesa dos 90.

Para alén das cuestións estritamente literarias, por estaren escritos os poemas nunha normativa institucional ou oficialmente “non galega”, o destino que o sistema literario galego lles tería reservado sen dúbida sería o de permaneceren para sempre no “gueto do lusismo”, tal como ten acontecido noutras publicacións que con tanto esforzo botamos a andar outrora. Porén, no pretendo acusar ninguén de non ter atendido debidamente a miña obra, moito polo contrario comprendo os esforzos de moitos por tentar normalizar a cultura galega pola vía institucional máis rápida, así como sempre recoñecerei o inadiábel labor dos lusistas galegos por restituír a lingua na dignidade e no ámbito cultural que por dereito lle pertence.

No medio desta complexidade, non facilmente sintetizábel en varias horas de discurso teórico ininterrompido, un poeta decide que o seu traballo ha de ser apresentado aos lectores. Hai que tomar decisións, e ningunha delas satisfai completamente, mais a primeira vontade é a de entregar os poemas á sociedade de que parten, e que os haberá de valorizar. Así é como o explico na advertencia que acompaña o libro:

«Este libro contén textos inéditos e novas versións de poemas publicados desde mediados dos noventa até hoxe en edicións non venais e periódicas, no país e fóra del. Foron todos escritos nunha lingua que moitos denominan portugués, algúns galego, outros galegoportugués e con certeza varios identificarán como produto caprichoso de teimas absurdas. Eu, que outrora pensei ser ortodoxo na heterodoxia dos políticos da grafía, ao final resultei heterodoxo nunha ortodoxia difícil de asumir. Nada satisfai completamente, e no entanto en todo existe un camiño para a perfección. Niso confío. A verdade é que na miña propia orixe se descobre a indeterminación que os amigos con paciencia toleran: nacín o 20 de marzo de 1969 aproximadamente ás 22:00 horas, polo que vin á luz neste mundo ninguén sabe se como tardía flor de inverno ou como albaroque da primavera. Esta que, como adiantei, pode entenderse como inclinación para a incerteza, non é máis que a firme vontade de aproveitar o que de bon ten o mundo, inclusive nos termos que a miúdo resultan opostos. É mellor a luz do sol ou o sosego da sombra? É mellor a calor do lume ou a fresca auga da fonte? Lembro agora Al-Mutasim de Almería, rei que nos tempos das grandes fazañas dos andaluces conquistadores e poetas non destacou nin como estratego nin como creador. Mesmo se di que en ocasións saía co exército para defender unha praza do reino e polo camiño detíñase e recuaba, decidíndose subitamente a practicar outra estratexia. Teño para min que debeu ser un home cativado pola bondade da terra e a maxia do mar, pola utilidade do saber e a necesidade da guerra, e que en todo observaba, nada maniqueo, lícitos camiños para atinxir a harmonía. Rei do porto máis relevante do Mediterráneo occidental, de día debía ficar embriagado polo sol reflectido no mar e de noite adormecido na contemplación do luar sobre as oliveiras. Sendo, por tanto, esta fusión de contradicións asumida por min, e decidido a pagar os tributos a que as eleccións, nunca plenamente satisfactorias, obrigan, optei por facilitar a lectura adaptando a ortografía dos textos á norma maioritariamente asumida na actualidade. Isto fago pola comunicación poética, a primeira que me interesa establecer.»

As ilustracións, de grande densidade poética, teño que agradecerllas de novo a Alberto Esperante López.

Share

Primeira crítica de Metal central

Esta foi a primeira crítica sobre Metal central, publicada por Armando Requeixo no Faro da Cultura do 4 de xuño.

Outras referencias son:

-«Poesía metálica», de Marcelino Fernández Mallo.

-«Visita á república das letras», por Ghanito.

-«Os textos están inspirados na miña experiencia nunha siderurxia», entrevista de Juan Torreiro para La Voz de Galicia o 5 de xuño.

-«O confinamento espiritual dos humanos», por Montse Dopico no Galicia-Hoxe do 6 de xuño.

Share

Metal central, de Alfredo Ferreiro

«Con materias e substancias da condición mineral da existencia e coa mecánica fabril da poesía das profundidades construíu o poeta Alfredo Ferreiro, Alfredo —ferreiro—, un libro de rexistro singular, non asimilábel á norma de ningunha das poéticas vixentes no actual panorama da poesía galega. Metal central contén a experiencia do autor en oficio de condición transitoria —o de obreiro dunha factoría siderúrxica— que, malia o seu efémero carácter, deixou no corpo unha impronta decisiva, de valor iniciático (“aquí gravei no brazo unha espiga / símbolo do clan”), e na memoria varios estratos de fundamental experiencia. A espiga foi cicatriz da ferida azarosa e traidora, amósega durísima do ferro ardente. A lembranza, un pouso magnífico de significación vital resolta en escrita poética de moitos graos de intensidade. Poesía da experiencia trascendida que supera toda incitación de discursividade narrativa e de referente anecdótico e opta polo discurso da indagación simbólica e da ollada de focalización expresionista. […]» (Xosé Mª Álvarez Cáccamo, no prólogo “Poesía do sector da densidade”)

Teño que agradecer a Maribel Úbeda, artista polifacética chegada das inspiradoras terras do antigo reino de Almutasín, o fermoso vídeo elaborado para a ocasión:

[kml_flashembed movie=”http://www.youtube.com/v/1blEb4aEhiU” width=”425″ height=”350″ wmode=”transparent” /]

Share