Premios Xerais 2017

Hoxe viaxamos á Illa de San Simón coa ilusión de botar unha man na maior gala literaria do ano. Contaremos coa habitual pericia nas redes sociais de Ghanito e, pola primeira vez, coa profesionalidade de Aser Orbán comandando a cámara a edición de vídeo e de Tiago Alves Costa como cronista para a lusofonía (cfr. em breve na Palavra Comum). Esperamos algún vento e algunha nube, a emoción de sempre nos premiados, xurados, convidados e organización e a sensación embriagadora de vivir nun país en que a alegría en volta da creación literaria é un dos mais prezados sentimentos nacionais. Parabéns adiantados a Edicións Xerais, cuxa experiencia e sensibilidade só poderá ofrecernos máis un éxito para as nosas letras e para o futuro común.

Edicións Xerais: «Conduce a cerimonia Celia Torres, directora de promoción e prensa de Xerais. Actúa como mantedor literario o escritor Xurxo Mariño e como convidada musical A Banda dos Cueiros.

No acto, que se desenvolve no auditorio multiusos, participan trescentas persoas do ámbito da cultura galega.»

Share

Premios Xerais 2016: festeiros, demorados e currantes

Son varios os anos que levo emitindo, gravando e facendo entrevistas aos protagonistas dos Premios Xerais. Cada ano, sen falta, a profesionalidade e bo gosto (tanto estético canto culinario) do equipo de Edicións Xerais consegue que a visita anual a esta illa literaturizada por primeira vez hai 800 anos se converta nun episodio da vida que moitos gardaremos para sempre no cofre máis selecto da memoria. Se ben é certo que as auténticas protagonistas son as obras premiadas, e que o foco debe dirixirse ás autoras e autores que conseguiron chegar ao bon porto das sensibilidades dos variados e espelidos xurados, existen outros axentes que fan posible que a Illa das Letras estoure en tan gostoso abano de sensacións.

Editora Edicións Xerais de GaliciaDeseguida comprobaredes que non son fotógrafo. Mais como usuario habituado a certos trebellos, se algún deles acaba na miña man non podo evitar usalo e deseguida acabo imaxinando algún tipo de narración coa que pretendo ofrecer un sentido ao conxunto. Desta volta, á par dalgunhas das varias centenas de personalidades do sistema literario que acoden para ser testemuñas de honra na publicación e entrega dos premios, aquí poderedes ver outras persoas que normalmente non saen nos vídeos nin nas fotos oficiais porque o seu cometido é colaborar en labores de pouca ou ningunha dimensión pública. Entre elas poderedes ver: operarias de cámara, twitteiros, directoras do evento, polbeiras e polbeiros, capitáns de embarcación, gardas, secretarias de xurados, operarios das instalacións…

Un aviso para a Socioloxía literaria. Acabei descubrindo, como un pseudoDarwin asombrado na súa propia terra, que existe un tipo especial de convidados a este evento: os demorados. Son estes convidados que veredes ao final sentados nun valado ou contra unha parede cando o sol se pon e o último barco semella retardar o retorno ao continente, eses que sentan a parolar, a abrazarse ou a apañar profundamente o ar da ría nos últimos instantes como querendo multiplicar os segundos, como desexando atopar a eternidade en cada inspiración, fixando para sempre no máis íntimo as mellores imaxes dunha tarde memorábel caracterizada pola fraternidade, o amor ao país, ás letras e á arte.

Coas luces da Ponte de Rande como pano de fondo, os convidados retornan poñendo rumbo ao porto de Cobres. Nós, os currantes, noutro sentido mais sen dúbida cordialmente na mesma dirección tomamos, xa de noite, rumbo a Cesantes.

Este slideshow necessita de JavaScript.

Share

Culturgal 2012

Tati Mancebo no Foro Culturgal 2012Onte visitamos o Culturgal 2012. A oportunidade veu dada pola participación de Tati Mancebo no Foro Culturgal no cadro dunha “xornada de difusión e formación FERRAMENTAS TIC E MULTIMEDIA NAS AULAS”, na que presentou en dúas sesións un bon lote de “ferramentas TIC e contidos multimedia pensados para as aulas”: 60 aplicacións en 60 minutos. O traballo ficou disponíbel no seu blogue, para quen se interese por el.

Mais a ocasión, como estaba previsto, facilitou unha visita demorada pola miña parte no recinto da feira, que este ano semellaba gozar dunha disposición espacial máis axeitada: existía unha avenida principal desde onde se podía acceder á inmensa maioría dos stands, case todos eles a unha simple vista de ollos. Polo contrario, a localización dos espazos destinados aos eventos foi para min máis difícil de atopar, mais isto puido ser debido á premura con que me movía aquela tarde no medio do grande fluxo de público que, hai que celebralo, enchía os camiños principais xa desde a mañá.

Foron moitos os amigos e coñecidos con que puidemos falar, entre os moitos que desexábamos ver. Os amigos de Sacaúntos e Urco Editora, a quen mercamos o segundo volume de Contos Estraños (unha sorte de revista literaria con formato de libro) e O xogo de Ender, un romance fantástico que predixo, á súa maneira, tanto os avances sobre o control mental da infancia canto Xulio Verne vaticinou o progreso posterior da ciencia.

Paramos un bon pedazo tamén con Moisés Barcia para que nos comentase as novidades de Rinoceronte, que non pára de dinamizar o seu catálogo; coñecemos a nova oferta en novela gráfica e aprovisionámonos de nomes da actual narrativa anglófona: Cotzee e Barnes. De paso, puidemos saborear o Superdicionario de Edicións Morgante, e agradecer o regalo das que van ser as nosas canecas máis literarias. Debido, supoño, a unha vaidade incontrolada teño que dicir que me fai graza pensar que, cunha demora de varias horas, Julian Barnes estará a tomar un café nun recipiente idéntico ao meu, pois segundo Moisés me contou desde que lla enviaron ao inglés esta pasou a ser a súa caneca preferida.

Tivemos tamén ocasión de sumarnos á presentación de Prestige (2.0 Editora), o último traballo publicado de Xosé Manuel Pereiro sobre o catastrófico naufraxio e a non menos desafortunada xestión política do accidente marítimo, o que deparou nesa triste ocasión en que tanto o pobo como os gobernantes que temos, en medidas opostas, demostraron o talle que realmente teñen. A conversa foi dinamizada por Manuel Jabois, con Pereiro na foto.

Outra das presentacións que non esquecimos foi a do Proxecto Cárcere da Coruña, que consiste nin máis nin menos no esforzo hercúleo que un florido grupo de artistas e veciños fan desde hai anos para converter un ámbito estatal de represión e castigo nun espazo para a arte e a convivencia, cunha perspectiva que resultaba aceptábel e necesaria para os políticos de onte e que é raposeiramente desatendida polos de hoxe. Na foto o artista Tono Galán está a preparar un vídeo sobre a presentación dos seus compañeiros do ProxectoProxecto Cárcere no Culturgal.

No eido musical, tivemos a grata experiencia de escoitar Os Irmandiños de Vincios, un grupo que nos ofreceu delicadas pezas propias e ademais doutras do repertorio tradicional. O resultado foi unha interpretación moi emotiva que me fixo imaxinar a banda sonora dun filme actual salpicado de toques costumistas e tradicionais, ao estilo de Despertando a Ned ou algunhas obras de Fellini. Perdoade a atrevida comparación de quen nada entende de música e moi pouco de cinema, mais cando a febra do peito resoa a imaxinación comeza a cabalgar… Aquí deixo o vídeo que a Tati realizou co teléfono. Integra este grupo un blogueiro moi querido por nós: Félix “Miriño”, de que escoitamos todas as entregas musicais que publica en O curioso impertinente.

E foron moitas máis as persoas que puidemos saudar, máis con certeza das que agora lembro: Germám Ermida (con quen puidemos desfrutar in situ da súa exposición As Cantigas de Santa María. Arte BDieval); Francisco Castro, de Galaxia (que veu presentar o novo proxecto Galaxia Tales); Celia e Bragado, de Xerais (presentando Os fillos de mar, de Pedro Feijoo); Fran Zabaleta e Xosé de Redelibros; as mozas de Elefante Elegante; Uxía Senlle; Gracia Santorum… e como non, o noso veciño de Arteixo Sergio Lago, a quen felicitamos pola organización dun evento que semella gañar en pragmatismo espacial e que se vai consolidando, coas dificultades de sempre máis as de agora, perante un público que debe comezar a descubrir toda a profesionalidade que a súa terra pode ofrecerlle no ámbito da cultura.

Share

Premios Xerais 2012: o evento

 

Share

Premios Xerais 2012: as entrevistas

Máis un ano tivemos a honra de colaborar na emisión e gravación dos Premios Xerais, onde non faltaron nin a celebración fraterna da nosa literatura nin a reivindicación dun apoio institucional digno para a cultura do país, que con explícitas palabras para os políticos presentes se está a facer recorrente e que sempre resulta amplificado por entusiasmados aplausos. Así mesmo, como noutras convocatorias improvisamos una serie de breves entrevistas a premiados, xurados, organizadores e asistentes, as cales ofrecemos aquí aglutinadas.

 

Share

Autora e autor premiados nos Xerais

Share