Club de Lectura de Arteixo

Club lectura Arteixo 2017 (El Ideal Gallego)

Club lectura de Arteixo, 2017 (Fonte: El Ideal Gallego)

Desde hai uns anos veño colaborando con algunhas institucións na coordinación de clubs de lectura. Coordinar, neste caso, significa tentar cubrir a falta de aparato teórico cando é necesario, dun modo intuitivo e sen entorpecer o natural percurso reflexivo sobre as obras literarias. Porque, en casos como o Club de Lectura de Arteixo, nacido ao abeiro da Biblioteca Henrique Rabuñal, xa partían dun procedemento de participación moi claro; só precisaban, e así mo fixeron saber, “aprender algo”. Eu inmediatamente comprendín: só desexan coñecer algunha ferramenta teórica para poderen debullar mellor o valor estético e humano do que len.

As boas obras literarias propóñennos uma particular interpretación do mundo, e como foron escritas para nós só coa experiencia que teñamos da vida debemos poder facer unha interpretación proveitosa. Proveitosa para nós, pois non hai outro obxectivo maior. Porén, é común mostrar certas inseguridades, como a necesidade de consultar a crítica antes atrevérmonos a falar, ou non saber a onde poden chegar as interpretacións dunha pasaxe determinada. Chegados aquí, eu sempre argumento que a cousa é máis sinxela do que parece: os límites dun discurso interpretativo están no propio texto, na prudencia de argumentar apoiándonos no que figura literalmente nel. Todas as interpretacións son válidas, por tanto, se ben argumentadas e apoiadas no que foi escrito.

O feito de que varias interpretacións sexan igualmente aceptables, lonxe de facer o proceso hermenéutico máis complicado, abre un abano de posibilidades que nos libera da verdade monolítica e nos fai encontrarnos coa auténtica verdade, é dicir, algo que poderíamos definir como unha visión poética da vida. Se lembramos que ‘poesía’ significa “creación”, entenderemos mellor que tamén cada interpretación é unha creación, mesmo a interpretación da propia autora, e que unha nova non contradí as anteriores senón que enriquece a súa gama de cores. Porque a verdade é única e ao mesmo tempo diversa, de tal modo que só mediante unha imaxe poética pode ser expresada. Isto podería explicarse mediante a alegoría dunha árbore que, tendo un tronco único e afondando as súas raíces na terra da experiencia vulgar, ergue as súas ramas en múltiplas direccións o ofrece ao observador unha combinación case infinita de follas e froitos que muda dependendo do ángulo con que se observe.

Toda esta riqueza interpretativa, a da autora e a das lectoras, por tanto, libéranos porque nos abre a unha nova e sempre posible interpretación da vida. E isto ten máis valor do que por regra recoñecemos, xa que a vida que merece a pena vivir é unha continua transformación do de dentro e do de fóra, algo ao que sen dúbida nos poderemos adaptar mellor se a través da literatura e a arte practicamos unha visión poética da vida.

{Galicia Confidencial}

P.S: Cfr. versão em português na Palavra Comum.

*

Noelia Díaz (El Ideal Gallego): «La lectura es un hobby que apasiona a millones de personas en el mundo, aunque en Arteixo tiene especialmente enganchadas a las mujeres. Los tres clubs de lectura que existen el municipio –Arteixo, Meicende y Pastoriza– están compuestos exclusivamente por féminas y en auge. […] Ler mais

Share