O amor segundo Francisco Castro

Apresentação do romance O amor é unha palabra coma outra calquera, de Francisco Castro, na livraria Moito Conto da Corunha. Com a presença do autor, Beatriz Maceda Abeleira (escritora) e Mamen Bazarra (cantora). […]

Share

Das críticas vas á boa crítica

Con demasiada frecuencia escóitanse críticas persistentes sobre varios sectores do sistema literario, como se quen falase descubrise un mal conxénito, unha pesada cruz coa que a súa sensíbel mente ou o seu sufrido talento tivesen que cargar desde a orixe dun seu magmático patriotismo. “Neste país só hai cinco verdadeiros poetas, como moito”, teño ouvido de veteranas plumas; “Os premios literarios están amañados, pois non pode ser que gañen sempre aquelas que gañan”, teño escoitado xa nin sei se en soños ou entre murmurios de última hora; “As editoras publican sempre os mesmos” ou “As institucións pagan as viaxes aos de sempre”, e afirmacións deste teor aparecen e desaparecen continuamente como aquelas variedades de nubes que estudamos na primaria, e que mostran a insatisfacción permanente daqueles que non toleran a sombra cando outros apañan un sol supostamente cegador.

Evidentemente, a crítica literaria non se salva da queima que promoven estas sulfúricas linguas: “Os críticos sempre eloxian as obras dos amigos”, ou “De min falou mal porque non me trata, e con alguén ten que xustificar a cota de críticas negativas do ano”, por exemplo. Non é fácil, como xa teño defendido, escribir libros nunha lingua con tan poucos lectores, vender libros en tan exiguo mercado e facer crítica sen medios de suficiente divulgación. Estamos a falar, amigos e amigas, de traballos que esixen unha entrega tamaña e que logo non dispoñen de boa pista para despegar. E mentres tanto esforzámonos, algúns que moito menos fornecen botan a lingua a pacer e sen contemplacións desprezan traballos que eles propios non son quen de facer nin dispondo de varias reencarnacións.

No entanto, temos que recoñecer que en ocasións os argumentos á hora de valorarmos as obras non son da altura que se require. Os parámetros deberían ser técnicos, e non basearse fundamentalmente en criterios de gusto persoal, ideoloxía, suposta caducidade dos xéneros ou irrenunciábel modernidade. Si é certo que estas cuestións poden aparecer nunha argumentación, mais debería ser, creo eu, en segundo plano e xustificando estratexias de maior calado que os meros caprichos do crítico. Porque se non non existirá un criterio digno de tal nome, e nada salvo o criterio propio constitúe a xustificación dunha crítica literaria. Ao mesmo tempo, por exemplo, pouco ou nada se valora a lingua literaria, e discursos por veces ben pobres, quer por falta de matices quer por apoiarse demasiado en referencias castelás, chegan a coroarse con premios que, nacendo para normalizar, converten en habitual unha temeraria desviación cultural.

Para finalizar, vouvos pór un exemplo do que é ter criterio, se me permitides a vaidade de contar unha anécdota da casa. Recentemente G. F., de doce anos, leu esta obra por prescrición docente: Chamádeme Simbad, de Francisco Castro. Despois de terlle dedicado á lectura tan só unha tarde, a súa concisa valoración foi a seguinte: “Gustoume moito, moito. Porque habendo tan poucos personaxes como hai, e tan poucos escenarios, mantivo a acción dunha maneira que non era capaz de parar de ler, nin sequera para ir ao baño. E iso paréceme un mérito moi grande”. Como vedes, aquí hai criterio, pois este lector sabe moi ben que as súas preferencias tenden á variedade de personaxes e escenarios; e ademais hai fundamentación técnica, pois explica claramente en que consiste a fórmula do autor e que tipo de éxito logra con esas ferramentas narrativas.

{Publicado en Praza Pública}

Share

Culturgal 2012

Onte visitamos o Culturgal 2012. A oportunidade veu dada pola participación de Tati Mancebo no Foro Culturgal no cadro dunha “xornada de difusión e formación FERRAMENTAS TIC E MULTIMEDIA NAS AULAS”, na que presentou en dúas sesións un bon lote de “ferramentas TIC e contidos multimedia pensados para as aulas”: 60 aplicacións en 60 minutos. O traballo ficou disponíbel no seu blogue, para quen se interese por el.

Mais a ocasión, como estaba previsto, facilitou unha visita demorada pola miña parte no recinto da feira, que este ano semellaba gozar dunha disposición espacial máis axeitada: existía unha avenida principal desde onde se podía acceder á inmensa maioría dos stands, case todos eles a unha simple vista de ollos. Polo contrario, a localización dos espazos destinados aos eventos foi para min máis difícil de atopar, mais isto puido ser debido á premura con que me movía aquela tarde no medio do grande fluxo de público que, hai que celebralo, enchía os camiños principais xa desde a mañá.

Foron moitos os amigos e coñecidos con que puidemos falar, entre os moitos que desexábamos ver. Os amigos de Sacaúntos e Urco Editora, a quen mercamos o segundo volume de Contos Estraños (unha sorte de revista literaria con formato de libro) e O xogo de Ender, un romance fantástico que predixo, á súa maneira, tanto os avances sobre o control mental da infancia canto Xulio Verne vaticinou o progreso posterior da ciencia.

Paramos un bon pedazo tamén con Moisés Barcia para que nos comentase as novidades de Rinoceronte, que non pára de dinamizar o seu catálogo; coñecemos a nova oferta en novela gráfica e aprovisionámonos de nomes da actual narrativa anglófona: Cotzee e Barnes. De paso, puidemos saborear o Superdicionario de Edicións Morgante, e agradecer o regalo das que van ser as nosas canecas máis literarias. Debido, supoño, a unha vaidade incontrolada teño que dicir que me fai graza pensar que, cunha demora de varias horas, Julian Barnes estará a tomar un café nun recipiente idéntico ao meu, pois segundo Moisés me contou desde que lla enviaron ao inglés esta pasou a ser a súa caneca preferida.

Tivemos tamén ocasión de sumarnos á presentación de Prestige (2.0 Editora), o último traballo publicado de Xosé Manuel Pereiro sobre o catastrófico naufraxio e a non menos desafortunada xestión política do accidente marítimo, o que deparou nesa triste ocasión en que tanto o pobo como os gobernantes que temos, en medidas opostas, demostraron o talle que realmente teñen. A conversa foi dinamizada por Manuel Jabois, con Pereiro na foto.

Outra das presentacións que non esquecimos foi a do Proxecto Cárcere da Coruña, que consiste nin máis nin menos no esforzo hercúleo que un florido grupo de artistas e veciños fan desde hai anos para converter un ámbito estatal de represión e castigo nun espazo para a arte e a convivencia, cunha perspectiva que resultaba aceptábel e necesaria para os políticos de onte e que é raposeiramente desatendida polos de hoxe. Na foto o artista Tono Galán está a preparar un vídeo sobre a presentación dos seus compañeiros do Proxecto.

No eido musical, tivemos a grata experiencia de escoitar Os Irmandiños de Vincios, un grupo que nos ofreceu delicadas pezas propias e ademais doutras do repertorio tradicional. O resultado foi unha interpretación moi emotiva que me fixo imaxinar a banda sonora dun filme actual salpicado de toques costumistas e tradicionais, ao estilo de Despertando a Ned ou algunhas obras de Fellini. Perdoade a atrevida comparación de quen nada entende de música e moi pouco de cinema, mais cando a febra do peito resoa a imaxinación comeza a cabalgar… Aquí deixo o vídeo que a Tati realizou co teléfono. Integra este grupo un blogueiro moi querido por nós: Félix “Miriño”, de que escoitamos todas as entregas musicais que publica en O curioso impertinente.

E foron moitas máis as persoas que puidemos saudar, máis con certeza das que agora lembro: Germám Ermida (con quen puidemos desfrutar in situ da súa exposición As Cantigas de Santa María. Arte BDieval); Francisco Castro, de Galaxia (que veu presentar o novo proxecto Galaxia Tales); Celia e Bragado, de Xerais (presentando Os fillos de mar, de Pedro Feijoo); Fran Zabaleta e Xosé de Redelibros; as mozas de Elefante Elegante; Uxía Senlle; Gracia Santorum… e como non, o noso veciño de Arteixo Sergio Lago, a quen felicitamos pola organización dun evento que semella gañar en pragmatismo espacial e que se vai consolidando, coas dificultades de sempre máis as de agora, perante un público que debe comezar a descubrir toda a profesionalidade que a súa terra pode ofrecerlle no ámbito da cultura.

Share

Presentamos Pel con pel en Santiago

Blogue da Editorial Galaxia: «Este domingo presentaremos en Santiago o libro Pel con pel, que recolle case que corenta fotos presentadas ao II Concurso sobre Lactación Materna que organizou Fedegalma e a Editorial Galaxia. No acto participarán algúns dos autores dos textos que acompañan a publicación. Dores Tembrás, Marta Dacosta, Begoña Caamaño, Ledicia Costas, Francisco Castro, Eduardo Estévez e Alfredo Ferreiro recitarán os seus textos escritos para o libro, no que tamén participan Xosé María Álvarez Cáccamo, Román Raña, e Yolanda Castaño.»

Share

Últimos libros no noso buzón

Moitos foron os libros que nos chegaron nas últimas semanas; tantos que, apesar do seu interese intrínseco, non puidemos referencialos como se merecen. Tentaremos dar hoxe noticia dalgúns deles.

Antecedentes criminais, de Amadeu Baptista (Edições Quasi). Baptista ofrece neste libro unha antoloxía persoal sobre vinte e cinco anos de creación poética. Ademais de contar co recoñecemento que corresponde a un dos poetas portugueses actuais de máis rica e sólida obra poética, vén agora de ser galardoado co Premio nacional de poesía Sebastião da Gama. Moitas son as referencias que se poden atopar na rede sobre as últimas entregas deste autor que coñecemos en Salvaterra do Miño e non deixamos de apreciar como poeta e amigo (1, 2, 3, 4, 5, 6, 7…), e moitas mais sen dúbida serán as honrosas menzóns que a partir de agora recibirá unha tan merecente obra. Parabéns para el.

Da editora Espiral Maior recibimos con grandes espectativas os últimos premios de poesía GZcrea 2006: Manual do misántropo, de Xosé Antón Cascudo (primeiro premio) e Isto é un poema e hai xente detrás, volume colectivo en que participan Lucía Aldao, Brais González, Ledicia Costas, Alberte Momán e Verónica Martínez (segundo e terceiro premios e mencións de honra). O premio, que está asesorado pola AELG, contou cun extenso elenco no tribunal: Rubén Cela (presidente), Ana Vidal (secretaria), Enma Couceiro (vogal), Estíbaliz Espinosa (vogal), Eduardo Estévez (vogal), Miguel Anxo Fernán Vello (vogal) e Cesáreo Sánchez (vogal).

Do Brasil interior (Goiânia) chegounos a última entrega do prolífico poeta Gabriel Nascente, Inventario poético (Editora Alternativa). Unha fermosísima edición de 500 páxinas que contén unha selección da súa poesía, con textos de 1967 a 2003. Constitúe unha necesaria mostra dun creador que xa atinxiu a 39ª obra publicada. Para a reflexión sobre a utilidade das axudas privadas facemos constar que o libro foi patrocinada polo Laboratório Neo Química, ademais de apoiada por catro institucións máis relacionadas coa industria de Goiás.

Especialmente recomendábel é visitar a exposición intinerante ARTNATURA. Pola defensa da Rede Natura Galega. Pola defensa do medio natural galego, organizada por ADEGA. Esta exposición, que naceu en Compostela e agora reside provisionalmente en Lugo, ofrece a convivencia de obras de diversas disciplinas co único fin de apoiar os esforzos representados no seu propio título: textos manuscritos, vídeos e imaxes (pinturas, fotografías…). Os escritores que participan son: Marilar Aleixandre, Glauco Antonio Amigo, Rosa Aneiros, Xurxo Borrazás, Darío Xohán Cabana, Fernando Cabeza, Francisco Castro, Olalla Cociña, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Xoán Carlos Domínguez, Rosa Enríquez, Lobato, Yolanda López, Xulio Valcárcel, Ramón Loureiro, Xosé Miranda, Teresa Moure, Xesús Pereiras, Vicente Piñeiro, Xesús Rábade, Henrique Rabuñal, Daniel Salgado, Xavier Seoane, Xosé Vázquez Pintor, Miro Villar, Helena Villar e que isto escribe. Só o maravilloso catálogo da exposición merece unha ollada demorada, pola inmenso pracer que produce a interdisciplinariedade artística en favor dun único e tan xusto obxectivo.

De A FORTIORI (Bilbao) presenteáronnos con El mar a rayas, de Susana Barragués e Carlos J. Cecilia. No marco dunha colección titulada “En favor de la familia”, este libro contribúe a ampliar o concepto de familia dentro do noso imaxinario colectivo; porque non se trata de falarmos en contra da familia, como uns progres desnortados, senón de entender que a familia pode ter multitude de fórmulas sen deixar de ofrecer aquilo que de máis valioso posúe: «-Es que estamos separados -le había explicado su papá, que utilizaba el volcán de la isla para freír huevos. Pero Caterina no entendía qué significaba «separados». Y un buen día, pensando en aquella difícil palabra, Caterina se dio cuenta de que había perdido un calcetín». Editado en castelán e euskera.

E non queremos de deixar de lembrar que esta editorial publicou no último Nadal unha singular obra de Xabier P. Docampo, Hoy vas a entrar en mi pasado, con ilustracións (en libro anexo) de Xosé Cobas.

Share