“Metal central”: versão plástica de Pepe Cáccamo

Metal central de Alfredo Ferreiro por Pepe Caccamo expo

“Metal central” é um poema pertencente ao livro Metal Central de Alfredo Ferreiro. Na expo “Librosconversos”, em colaboração com Baldo Ramos, Pepe Cáccamo realizou uma versão plástica do poema que seguir se reproduze. Sempre agradecerei a honra que o poeta e artista me fiz assim como a vontade interdisciplinar que habitualmente demonstra. […]

Share

“Metal Central” de Alfredo Ferreiro: Núcleos animados

Reseña de Lino García Salvado sobre o libro Metal Central de Alfredo Ferreiro, publicado en Terra e tempo. […]

Share

Cando o metal encontrou o seu señor

O pasado venres tiven a oportunidade de ofrecer o meu Metal central, xa de 2009, aos excompañeiros da fábrica a quen foi dedicado. Foi moi agradábel poder mostrarlle a laminadores e persoal de mantemento a existencia de poemas que só persoas coa súa exacta experiencia poden comprender en todas as súas dimensións, o seu peso, temperatura e, sobre todo, o cadro xeral da luz e do ruído. Experiencias concretas e duras, ás veces acontecidas a horas en que o común dorme placidamente, e que supoñen pór en risco a vida ou facer un esforzo persoal e en equipo brutal mollados por auga suxa e tinxidos de graxa negra, mais que non van perturbar nin os paxaros que a mañá saudarán desde o Barreiro.

O libro foi moi sentido, podo asegurar, e supuxo a miña volta á poesía despois de anos de inactividade poética. Mais faltábame facer a entrega oficial do traballo a aqueles que na realidade son os protagonistas. E isto foi posíbel grazas ao generoso esforzo dos amigos da libraría Á lus do candil por divulgar a nosa literatura, desta volta en Carballo. A eles, máis unha vez, obrigado.

Share

“Alegoría”, por Alfredo Ferreiro

Alegoría

Na estreada mañá o xigante acazapado agarda mais unha vez apresar o sol coa súa malla metálica e cerebral. É un dragón inacabado que durante a noite soña o dominio da arxila en que naceu. Porén, dixire apresado e tremente a lanza de ferro que todo o atravesa. Día tras día, como un prometeu transxénico que devora as súas entrañas, come e crece, misteriosamente, co pan que como o canibal lle ofrecen.

Vía De “Metal central” | Galicia Hoxe.

Share

Poema de 'Metal central', de Alfredo Ferreiro

MEDO

Os homes traballan, traballan, traballan e temen que os nenos cunha poderosa palabra lles apunten ao corazón.

Vía Galicia Hoxe.

Share

Metal central, de Alfredo Ferreiro, segundo Miguel Sande

Share

Os mellores de 2009 segundo Fervenzas Literarias

A páxina Fervenzas literarias continúa a súa louvábel actividade de divulgar a literatura cun novo recoñecemento aos mellores traballos do ano anterior. Nesta ocasión, o noso Metal central recibiu o terceiro premio “Mellor libro de poesía para adultos”, e AchegArte, a feira que cubriu tan honorabelmente a ausencia do Culturgal 2009 e na que tantas horas horas investimos en mancomún cultural, o premio “Mellor iniciativa literaria”.

Agradecemos a Fervenzas literarias o seu esforzo e aos lectores a súa atención.

Share

Poesía & Ciencia

O 28 de outubro celebrouse no Teatro Rosalía de Castro un recital insólito. Participamos nel Marica Campo, Emma Couceiro, Estibaliz Espinosa, Manuel Rivas, Xavier Seoane e quen isto escribe. Presentou Lucía Aldao. Acompañou con música e cancións Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xabier Díaz. Foi algo moi especial, segundo o sentir do público e os participantes. Para min foi inicialmente un reto proxectar a intervención a pensar en termos de ciencia e poesía, e ao tempo algo que viña ao fío do meu último libro. A proposta era recitar algo de outro autor e algo propio en que cohabitase nun mesmo tema a visión poética e a científica. A miña intervención constaba dos seguintes textos:

«Obrigado, Lucía. Boa noite, amigas e amigos.

Na miña intervención tentarei introducirvos no ambiente da fábrica. Ese lugar onde os mitos e os ancestrais oficios do metal conviven cos últimos avances da mecánica, da electrónica, da química e da informática.

Un espazo en que a ciencia pura se aplica ao vello metal aquecéndoo a 1300 graos, movéndoo a 80 Km/h, moldeándoo cunha precisión de décimas de milímetro para logo arrefecelo bruscamente procurando no contraste unha harmonía do duro e do brando.

Un espazo en que a ciencia pura se completa coas inmensurábeis impurezas das emocións diarias, das necesidades persoais e colectivas, é dicir, con toda a humanidade que unha máquina colosal precisa para existir.

De CASIMIRO DE BRITO (Algarve, 1938), A FÁBRICA (1976)

Ondas tumultuosas, a fábrica flutua, é um barco negro. Ondas em cólera, roucas, sangrentas, a fábrica flutua. É um barco negro, um pátio corrompido. Um barco medieval dentro da cidade.

Eis a fábrica, barcaça podre e velha -eis um porão obscuro, húmido como as entranhas de um réptil- eis a usura: tem argolas de ferro surdo, pó, ferrugem, que pendem na madeira podre de suas paredes, sombra e limite da morte submersa e anónima; tem fendas no íngreme chão onde se arrastam ossos e músculos, mínimos desejos, um grão de revolta -por onde já nem quase um invisível fio de esperança se movimenta com seus membros esfacelados, cronometrados pelo ritmo dos motores, pela grave engrenagem dos mecanismos inflexíveis da exploração.

A fábrica é um barco antigo arrastando-se por oceanos de suor e mais-valia. Um barco-túmulo dissolvendo o ar do tempo, a respiração. Um ritmo de si mesmo perdido, um lobo á deriva. Encostado à polícia, a leis caducas, ao medo plantado entre um homem e outro homem. Na fábrica porém ainda se respira: entre os motores e o silencio desta humanidade a luz ainda se desenvolve, a revolta.

De ALFREDO FERREIRO, FRAGUA (do libro Metal central, 2009).

No vapor do aceiro que por todo se estende ascenden as almas de escuálidos paxaros. Naceron nas maos sudorosas do entardecer, cando unha cadea de corazóns atinxía unha calor volcánica. Cando o espazo ardía na lareira dos sentidos. Era a festa dos gritos, a roda dos pés ardentes sobre a prancha cincada das horas: unha febre que a noite non conseguía enmudecer.

A vida neste lugar ten as súas regras, gobérnase pola combinación de engrenaxes e fantasmas. Son forzas contrarias trenzadas polo acaso, unha singular e perversa protuberancia do mundo que só en catividade se reproduce.

SIMBIOSE (do libro Metal central, 2009).

Hai moito máis que as tripas do animal autodevorándose. O cubil do monstro é un lugar de encontro.

No seu ventre Xonás traballa cada xornada para logo retornar no milagro incesante. Atónitos visitantes reparan en hostes de mecánicos con pinturas de guerra, á espreita, a limparen ferramentas camuflados nas sombras da máquinas.

A besta é inmensa, e exixe de nós intercambios de calor, suor e aceites. Todos semellamos parasitos seus, convidados a quen ofrece bebermos o noso sangue.

Ela precísanos: o ferro, como a pedra, troca dureza por calor. Mais o amor é o único circuíto cerrado de enerxía.»

Share

Metal central: unha crítica de Xulio L. Valcárcel

«Non é sinxelo concebir e elaborar un libro de poemas unitario en si mesmo. Unitario non como suma conexa de textos que responden a un marco temporal, a unha situación persoal concreta ou a ideas ou pensamentos recurrentes; senón unitario desde a orixe, integrado o libro como un todo. Esa impresión domina ao rematar a lectura de Metal central (Espiral Maior 2009), de Alfredo Ferreiro, que recibiu a Mención de Honra do premio de poesía Xosé María Pérez Parallé.

Falamos de impresión porque é posíbel que o autor non se prantexase ab initio ese desenvolvemento e que fose a propia dinámica interna da creación a que propiciase esa unidade, tanto temática como estilística. O certo é que Alfredo Ferreiro aproveitou unha coxuntura biográfica, en principio irrelevante, para escribir un texto singular, tanto no enfoque como nos contidos.

Comenta Álvarez Cáccamo no prólogo a coincidencia entre título, liña argumental e apelido do autor. Quizais se remonte, inconsciente arriba, a un devanceiro esquecido que aflora de novo nas palabras e nos labios de Alfredo para, nunha alquimia máxica, fundir o metal e convertilo en poema. Outro Ferreiro ilustre, de nome Celso Emilio, dicía que na antiguedade os ferreiros eran venerados como posuidores do lume sagrado e transformador.

Certamente, abondosa é achega que o mineral fundido deixou na arte. Velaí a Fragua de Vulcano, de Velázquez: a incandescencia fustiga a quen a contempla, mestura de drama e beleza. O ferreiro é un deus semiespido que moldea ao seu antollo o metal que sen a súa intervención ficaría indomábel.

Se na mitoloxía romana o chamaron Vulcano, fillo de Xúpiter e de Xuno, home de Venus, na mitoloxía grega chámase Hefesto. Home de Venus, dicimos, porque á deusa do amor, a beleza e a fertilidade, acáelle ese contraste de forza e de virilidade necesarias.

Luminoso no escuro > Onde estaba a famosa fragua, na que traballaban cíclopes e xigantes? Disque en Sicilia, baixo o Monte Etna, ou baixo a illa Eólea, no mar Tirreno. Quen sabe. Cíclopes e ferreiros tiñan o sol, o circo solar, como atributo. Se o cíclope se representa cun só ollo no centro da fronte, os ferreiros protexíanse cunha especie de parche.

Alfredo Ferreiro remítenos en Metal central a un mundo inquedante, luminoso no escuro, hermético, no que loitan a frialdade e o lume en tensión extrema. A dificultade do empeño, felizmente superada, radicaba en atopar poesía onde habitualmente non se ve, aínda que a haxa, como Ferreiro demostra co seu brillante e ben contruído poemario. Parece que ninguén se decatara até agora que a rutina, os martelos, o tic-tac constante, o formigón, agochan un ramalazo estraño, son sensíbeis, teñen vida.

Como o tritón que agoniza entre a grisalla, ou o estertor —humanizado— de máquinas e bielas, o metal late, vive e desaparece. Podémolo recoñecer pola vibración, pola queixa, pola respiración. “As máquinas que por fin / un día paran / parecen voltar ao paraíso / pesado e puro / da vida mineral”. Porque nós mesmos somos metal, “do metal central do mundo”.

xulio@xulio.e.telefonica.es»

Publicado en El Ideal Gallego, en 13/09/2009

Share