Culturgal 2012

Onte visitamos o Culturgal 2012. A oportunidade veu dada pola participación de Tati Mancebo no Foro Culturgal no cadro dunha “xornada de difusión e formación FERRAMENTAS TIC E MULTIMEDIA NAS AULAS”, na que presentou en dúas sesións un bon lote de “ferramentas TIC e contidos multimedia pensados para as aulas”: 60 aplicacións en 60 minutos. O traballo ficou disponíbel no seu blogue, para quen se interese por el.

Mais a ocasión, como estaba previsto, facilitou unha visita demorada pola miña parte no recinto da feira, que este ano semellaba gozar dunha disposición espacial máis axeitada: existía unha avenida principal desde onde se podía acceder á inmensa maioría dos stands, case todos eles a unha simple vista de ollos. Polo contrario, a localización dos espazos destinados aos eventos foi para min máis difícil de atopar, mais isto puido ser debido á premura con que me movía aquela tarde no medio do grande fluxo de público que, hai que celebralo, enchía os camiños principais xa desde a mañá.

Foron moitos os amigos e coñecidos con que puidemos falar, entre os moitos que desexábamos ver. Os amigos de Sacaúntos e Urco Editora, a quen mercamos o segundo volume de Contos Estraños (unha sorte de revista literaria con formato de libro) e O xogo de Ender, un romance fantástico que predixo, á súa maneira, tanto os avances sobre o control mental da infancia canto Xulio Verne vaticinou o progreso posterior da ciencia.

Paramos un bon pedazo tamén con Moisés Barcia para que nos comentase as novidades de Rinoceronte, que non pára de dinamizar o seu catálogo; coñecemos a nova oferta en novela gráfica e aprovisionámonos de nomes da actual narrativa anglófona: Cotzee e Barnes. De paso, puidemos saborear o Superdicionario de Edicións Morgante, e agradecer o regalo das que van ser as nosas canecas máis literarias. Debido, supoño, a unha vaidade incontrolada teño que dicir que me fai graza pensar que, cunha demora de varias horas, Julian Barnes estará a tomar un café nun recipiente idéntico ao meu, pois segundo Moisés me contou desde que lla enviaron ao inglés esta pasou a ser a súa caneca preferida.

Tivemos tamén ocasión de sumarnos á presentación de Prestige (2.0 Editora), o último traballo publicado de Xosé Manuel Pereiro sobre o catastrófico naufraxio e a non menos desafortunada xestión política do accidente marítimo, o que deparou nesa triste ocasión en que tanto o pobo como os gobernantes que temos, en medidas opostas, demostraron o talle que realmente teñen. A conversa foi dinamizada por Manuel Jabois, con Pereiro na foto.

Outra das presentacións que non esquecimos foi a do Proxecto Cárcere da Coruña, que consiste nin máis nin menos no esforzo hercúleo que un florido grupo de artistas e veciños fan desde hai anos para converter un ámbito estatal de represión e castigo nun espazo para a arte e a convivencia, cunha perspectiva que resultaba aceptábel e necesaria para os políticos de onte e que é raposeiramente desatendida polos de hoxe. Na foto o artista Tono Galán está a preparar un vídeo sobre a presentación dos seus compañeiros do Proxecto.

No eido musical, tivemos a grata experiencia de escoitar Os Irmandiños de Vincios, un grupo que nos ofreceu delicadas pezas propias e ademais doutras do repertorio tradicional. O resultado foi unha interpretación moi emotiva que me fixo imaxinar a banda sonora dun filme actual salpicado de toques costumistas e tradicionais, ao estilo de Despertando a Ned ou algunhas obras de Fellini. Perdoade a atrevida comparación de quen nada entende de música e moi pouco de cinema, mais cando a febra do peito resoa a imaxinación comeza a cabalgar… Aquí deixo o vídeo que a Tati realizou co teléfono. Integra este grupo un blogueiro moi querido por nós: Félix “Miriño”, de que escoitamos todas as entregas musicais que publica en O curioso impertinente.

E foron moitas máis as persoas que puidemos saudar, máis con certeza das que agora lembro: Germám Ermida (con quen puidemos desfrutar in situ da súa exposición As Cantigas de Santa María. Arte BDieval); Francisco Castro, de Galaxia (que veu presentar o novo proxecto Galaxia Tales); Celia e Bragado, de Xerais (presentando Os fillos de mar, de Pedro Feijoo); Fran Zabaleta e Xosé de Redelibros; as mozas de Elefante Elegante; Uxía Senlle; Gracia Santorum… e como non, o noso veciño de Arteixo Sergio Lago, a quen felicitamos pola organización dun evento que semella gañar en pragmatismo espacial e que se vai consolidando, coas dificultades de sempre máis as de agora, perante un público que debe comezar a descubrir toda a profesionalidade que a súa terra pode ofrecerlle no ámbito da cultura.

Share

Política económica ou ficción

A organización económica actual non é diferente da que tiñamos hai uns anos, da perspectiva dun cidadán común. O que aconteceu á hora da presente crise é só a caída do pano, aquel que impedía que viramos a tramoia da insaciábel especulación. O pano, tinxido de carmesí e pasado a ferro, provocaba unha sensación de ben estar, era unha agradábel brisa de liberdade nun horizonte aparentemente rico en oportunidades.

Mais a luz apagouse, e os verdadeiros argumentos foron mostrados na obra que nos toca representar. O deus máis cru manda no mundo, e as oligarquías do capitalismo dirixen democracias nas que un pobo crédulo vota nas urnas de que modo aceita ser escravo. Disque o monstro da crise pasea por camiños e autoestradas, por iso as xentes amedrontadas se pechan na casa e roen en silencio unha codela de pan.

No entanto, algúns soben os montes e baixan os vales, cruzan os campos e camiñan pola longa praia no entardecer, comprobando que o sol, o mar e o monte continúan no seu lugar. Nada hai no mundo que impida vivir, salvo o fantasma que a tantos espanta desde os medios que continuamente comunican o infortunio social.

Algúns observan que a obra representada é realmente unha ficción, aspecto básico que moitos teñen esquecido a causa da cultura ter sido relegada a un desprezábel lugar. Porque o que a literatura e a arte nos ensinan é que o mundo en que vivimos é obra de todos, e que o inferno e o paraíso dependen exclusivamente do noso corazón. E que aceitarmos a ficción é unha decisión libre que nos lembra que o destino nace, cada día un pouco, no cóncavo das nosas maos.

Share

Políticos de pouca alfaia

Nos países máis avanzados de Europa, eses que serven de modelo habitualmente na defensa do benestar social e dos patrimonios natural e cultural, as particularidades locais, rexionais e nacionais do Estado son en xeral entendidas como un tesouro irrenunciábel. Así, unha lingua, un queixo, un viño, unha especie animal ou vexetal son elevadas a rango de maravilla mundial polo simple feito da súa orixinalidade, o que fai dese evento algo digno de conservación e divulgación porque fornece á zona unha exclusividade que reporta beneficios e motiva o orgullo dos paisanos (feitos, estes últimos, talvez indisociábeis).

Neste país, moito polo contrario, os gobernantes de dereitas son xente atrevida e pouco escrupulosa que, apoiada por empresarios amigos da impunidade e a depredación, comezan por desprezar as particulares virtudes, para eles ocultas, da terra que os viu nacer. Xentes desarraigadas, non respectan os froitos da terra que se albergou durante milenios nas unllas dos seus antepados.

Share

Crimes políticos

Quen destrúe a cultura ou, o que é o mesmo, quen non a defende cando o mandato popular o ordena, é un criminal e, por suposto, un antidemócrata. Criminal, evidentemente, porque atenta contra o patrimonio do país; antidemócrata porque incumpre o pacto democrático que asinou, aquel que o fai responsábel da defensa dos valores esenciais da comunidade.

Lembremos que os gobernantes non gañaron a praza nunha tómbola, senón que prometeron implantar un programa político viábel someténdose a unhas leis que nos obrigan a todos por igual, como cidadáns que somos, gobernantes e gobernados.

Share