Os desígnios da Corte

“Os desígnios da Corte” é o meu primeiro artigo no jornal Galicia Confidencial. Reflexão a partir do recente nomeamento de Chus Pato como membro da RAG. […]

Share

Xavier Alcalá:

Entrevista de Juan Oliver em laduda.net a Xavier Alcalá sobre o seu conflito con Centro Pen Galicia e as suas novidades literárias. […]

Share

Unha democracia “feudal”

Hai algún tempo pensaba en escribir de que modo vivimos nunha democracia «feudal». Pensaba falar de como os novos señores, donos do grande capital, encirran os políticos para que loiten entre eles e a vitoria determine quen vai muxir os recursos comúns no seu beneficio. Os políticos non son todos así, ben é certo, mais a maioría son simples recadadores de votos para unha determinada facción do poder, unha sorte de monteiros dos grandes señores que exhiben o chamariz da democracia para cazar o voto do pobo cada catro anos. Continuaba a reflexión cos bos tempos que nesta conxuntura ultra-dereitista está a vivir outro estamento medieval: a Igrexa. De como fica libre de pagar impostos polos seus negocios, e de como sobrevive chuchando como parasito de institucións sostidas polo Estado laico, como os hospitais e as escolas.

Era unha reflexión que me conducía a observar que o Antigo Réxime que estaba a ficar eliminado na Segunda República, renaceu na segunda metade do século XX e mesmo se perpetuou subrepticiamente nos acomodos pactados na Transición. O «mandiño», aquel mal endémico do pobo galego que o poeta Manuel Antonio denunciaba na súa inspirada xuventude, vivía a súa enésima encarnación en todos eses carrexadores de votos e malbaratadores de postos públicos que pairan como abutres desde os primeiros tempos da democracia actual. Así as cousas, e sen facer ningún alarde de coñecemento histórico cheguei a pensar: o que nos fai falta é unha Revolución Francesa galega.

Share

A RAG terá un soño de orzamento

“Saír da precariedade” | Galicia Hoxe : «Os deputados galegos conseguiron introducir un paquete de emendas aos Orzamentos Xerais do Estado que suporán, entre outras cuestións, que a Real Academia Galega(RAG) dispoña de 800.000 euros para o 2011. Así, a partida prevista inicialmente -200.000 euros-, incrementouse de xeito que queda máis preto do que recibirán as súas homólogas, o Institut d”Estudis Catalans-976.000- euros, e o Euskaltzaindia -1.137.000- ou a Real Academia Española -que recibiu 3.700.000 euros no 2010-.[…] A Real Academia Galega recibirá tamén, para o 2011, unha partida de 135.390 euros dos orzamentos da Xunta de Galicia para Política Lingüística […]»

Máis recursos e os académicos máis activos dos últimos tempos, a ver a fórmula en que dá.

Share

II Encontro Cidade da Coruña: Elena Poniatowska

Non repetirei o que xa escribín sobre Elena. Só direi que fiquei conmocionado, e a duras penas conseguín centrarme na gravación para que o material fose dalgunha utilidade a Maribel Úbeda, quen tivo a encomenda de editar os vídeos da AELG que mostramos a seguir.

[kml_flashembed movie=”http://www.youtube.com/v/75wtLeRM_U8″ width=”425″ height=”350″ wmode=”transparent” /]

[kml_flashembed movie=”http://www.youtube.com/v/TOn9WNkwIN8″ width=”425″ height=”350″ wmode=”transparent” /]

Share

Premios AELG 2009

O sábado pasado acudimos á Cea das Letras da AELG en Compostela, onde se entregaron os premios concedidos pola Asociación de Escritores a conta dos votos maioritarios dos propios socios, que escollemos cada ano as obras que máis merecen ser resaltadas dentro das publicadas no ano anterior. O sistema de votación deste ano, cun procedemento simple e en liña, facilitou moito máis a participación na elección.

Na literatura infantil e xuvenil gañou Xabier P. DoCampo, un amigo que o ano pasado apostou por un libro de xénero híbrido entre o narrativo e o poético, en paralelo ás ilustracións de Xosé Cobas, entre o figurativo e o abstracto, entre o realista das notas de campo do viaxeiro e a experiencia onírica de toda verdadeira inspiración.

Na poesía o escritor Xulio L. Valcárcel apañou o premio por unha obra en que os corpos se dilúen na líquida melancolía que pinga de todo aquilo que foi vivido, de todo aquilo sobre o que navegamos no presente até que atinximos unha terra futura que inevitabelmente se ha de perder entre os nosos dedos, licuada e gardada para sempre na garrafa da memoria.

No novo apartado de premio ao blogue literario, para o que este mesmo estaba nominado, gañou o de Marcos Valcárcel, un home de dilatado compromiso coa cultura e incontestábel mérito na web. Un home a quen foi un pracer saudar por primeira vez en persoa, e por quen manifesto publicamente a miña admiración.

Canto ao Premio de Escritora Galega Universal, só podemos dicir que a humildade de Elena Poniatowska só pode ser superada pola súa habilidade para falar con economía verbal e total precisión emotiva. A súa é unha mestría difícil de igualar. Eu viña de escoitala no día anterior durante o II Encontro Cidade da Coruña (que a AELG ofrecerá en breve na rede), na RAG, e por iso non me sorprendeu que comezase o seu discurso dicindo que era evidente que o seu corpo tras o atril e o micrófono non sobresaía porque ela mesma non abultaba máis do que “un perro sentado”. É a facilidade que ela ten para falar desde o “cero vaidoso”, para entregarse logo a denunciar as inxustizas que cada día padecen os que andan descalzos na procura do pan, as que entregan a pel na fábrica para logo lles seren roubadas as vidas que duramente arrastran no anoitecer. O escritor non importa, o escritor non ten face, o seu corpo non vale máis do que un can sentado. Mais a obra, aquilo que se destila do interior e debe inocular unha humanidade que penetre as consciencias, aquilo que debe ser escrito con amor polos mais, é o que realmente importa. Porque a obra para algunhas autoras como Elena non debe ser lastrada coas carnes de quen a escribe.

Na nosa mesa partillamos a alegría polos premiados outros nominados daquela noite. Eduardo Estévez, polo seu poemario Construcións, e María Isabel García Fernández, pola tradución d’ O xiro postal.

Durante a cea, o carácter vangardista de Tati Mancebo fixo que se lanzase nunha nova aventura comunicativa. Apañou o seu móbel e, tal como tiña previsto, emitiu ao vivo o ditame dos premios da AELG através do novo portal da Blogaliza. Os resultados foron estes:

Share