Liberdade, do Grupo Surrealista Galego

Avião Liberdade do Grupo Surrealista Galego, por Alfredo Ferreiro

Liberdade, caixa de artistas ou objeto-livro criado polo Grupo Surrealista Galego e produzido artesanalmente por Manchea a partir da versão galega do poema homónimo de Paul Eluard, realizada por Xoán Abeleira. Com gravuras de Alba Torres, Ana Zapata, Alfredo Ferreiro, Laura Sánchez e Tono Galán. […]

Share

Liberdade, objeto-livro do Grupo Surrealista Galego

Liberdade, livro-objeto do Grupo Surrealista Galego

Liberdade, caixa de artistas ou objeto-livro criado polo Grupo Surrealista Galego e produzido artesanalmente por Manchea a partir da versão galega do poema homónimo de Paul Eluard, realizada por Xoán Abeleira. Com gravuras de Alba Torres, Ana Zapata, Alfredo Ferreiro, Laura Sánchez e Tono Galán. […]

Share

4 voltas

A experiência da leitura remete para a reflexão sobre a essência do humano através da procura dos mais ocultos arcanos, aqueles que estabelecem fórmulas de convívio entre o vegetal, o animal e o racional. Assim o papel grosso, rugoso, a madeira e a pedra nos assaltam como de época pré-histórica, pré-intelectual, pré-científica, pré-racional, profundamente primitiva, focando a vida numa etapa pré-consciente. Mas existe qualquer experiência mental prévia à consciência? Não é isso que quotidianamente se revela como intuição, como sendo um conhecimento «de série» anterior a toda a aprendizagem ou uma associação de ideias prévia a qualquer estudo de campo?

Efectivamente, estamos no âmbito do acto ritual, em que o caos do mundo se torna fórmula apreensível, e os fenómenos naturais, de partida caóticos e insondáveis, fenómenos significativos que é possível decodificar: “entrar no mundo danzando” porque “danzar é acordar”. “Dans le cercle où je deviens”, diz o eu poético, porque o nosso caminho é nos converter num “chercheur d’or”.

Mas o mundo material é trapaceiro, sempre o disse a Tradição que o Platão elevou a filosofia. Porém, a grande trapaça a descobrir não reside nos objetos, mas no sujeito: “ici le brume s’épand au fond de l’oeil”. Porque o órgão de visão limita a percepção e desta depende, de partida, a interpretação. Por isso o trabalho primeiro consiste na apuração íntima e inexcusável de encontrar a essência do eu: “O val atópame espido”.

Manchas de cor, letras como vestígios de criação poética primigénia, palavras como restos de placenta poética fossilizados, grafemas em relevo como «grafoglifos» que o acaso nos trai e que nos provocam a «reminiscência», a lembrança do ser essencial que transmutado em poeta desde o início dos tempos conecta o passado e o presente, o que somos e o que nunca deixamos de ser. Lemos esta obra como se das «Tábuas da lei poética» se tratasse, um documento ancestral escrito sob a influência do “sorriso da Moura”, para depois, quando alçarmos a vista, descobrirmos “l’univers serein”.

4 Voltas, de François Davo, Tono Galán e Rubén Fenice. «Livro de artista», Taller Milpedras, 2014.

{Palavra comum}

Share

No día de Rosalía, un texto de Alfredo Ferreiro con ilustración de Tono Galán

Share

O Grupo Surrealista Galego nas Portas Ártabras

A maioría das persoas que poden agora ver este inspirado video do compañeiro Tono Galán poderán facerse unha idea do que foi aquela noite nas Portas Ártabras, un lugar cativador pola súa querencia á Pedra e á Arte. Non foi unicamente a presentación do excelente libro Esplendor arcano do caro amigo Ramiro Torres, senón un paso máis, e non pequeno, da investigación poética que o GSG tenta levar a termo en todos os seus actos públicos. A ninguén sorprende observar que nos últimos tempos os recitais poéticos máis atraentes son aqueles en que se abandona un estándar demasiado formal. Neste sentido algúns grupos de poetas teñen avanzado no carácter oral da poesía até o punto de convertela en parte dun espectáculo que se desenvolve no ámbito da canción ou do teatro. É esta unha volta á oralidade ancestral da poesía que resulta moi agradábel, mais que nada ten a ver coas pretensións do Grupo Surrealista Galego. Efectivamente, no GSG nada estamos a facer por actualizar un xénero literario, nen ficamos preocupados coa aceptación maioritaria dos nosos actos públicos. Os nosos obxectivos están nun outro lugar, un lugar misterioso. E non é misterioso porque nós pretendamos ocultalo, senón porque ese Misterio é mesmo o obxectivo da nosa actividade, que por súa parte non é misteriosa, senón pública como vimos de recoñecer aquí. O Misterio é o obxectivo, e sobre el pretendemos deitar luz. Por iso nos nosos actos nos esforzamos por saír do convencional e deixarmos que o Misterio se apresente, ele mesmo, aínda que chegue envolto ao noso pesar no encobrimento que lle é propio. Nós tampouco destacamos por sermos os máis sorprendentes de todos, iso sería propio de alguén que pretende vender algo, algo aparentemente novo que non for máis que o de sempre vestido con roupas adquiridas nun falso futuro. Nós queremos ser do presente, e é por isto que non podemos máis que convocar a Musa, ou a Deusa antiga que todos os nosos actos preside, esa alma que non pena senón que nos ilumina por dentro sempre que o corazón se abre para deixar fuxir a treboada e dar abrigo á harmonía que a Poesía ofrece. É, necesariamente, un acto máxico ancestral o que se pretende, e isto non se pode describir en termos de actualidade, e moito menos predicir. É algo que se procura, é algo que hai que ter vontade de atopar.

{GSG VIDEO ESPLENDOR ARCANO from MrEIDANPELIS on Vimeo. Un vídeo do amigo do GSG Tono Galán}

Share

Culturgal 2012

Onte visitamos o Culturgal 2012. A oportunidade veu dada pola participación de Tati Mancebo no Foro Culturgal no cadro dunha “xornada de difusión e formación FERRAMENTAS TIC E MULTIMEDIA NAS AULAS”, na que presentou en dúas sesións un bon lote de “ferramentas TIC e contidos multimedia pensados para as aulas”: 60 aplicacións en 60 minutos. O traballo ficou disponíbel no seu blogue, para quen se interese por el.

Mais a ocasión, como estaba previsto, facilitou unha visita demorada pola miña parte no recinto da feira, que este ano semellaba gozar dunha disposición espacial máis axeitada: existía unha avenida principal desde onde se podía acceder á inmensa maioría dos stands, case todos eles a unha simple vista de ollos. Polo contrario, a localización dos espazos destinados aos eventos foi para min máis difícil de atopar, mais isto puido ser debido á premura con que me movía aquela tarde no medio do grande fluxo de público que, hai que celebralo, enchía os camiños principais xa desde a mañá.

Foron moitos os amigos e coñecidos con que puidemos falar, entre os moitos que desexábamos ver. Os amigos de Sacaúntos e Urco Editora, a quen mercamos o segundo volume de Contos Estraños (unha sorte de revista literaria con formato de libro) e O xogo de Ender, un romance fantástico que predixo, á súa maneira, tanto os avances sobre o control mental da infancia canto Xulio Verne vaticinou o progreso posterior da ciencia.

Paramos un bon pedazo tamén con Moisés Barcia para que nos comentase as novidades de Rinoceronte, que non pára de dinamizar o seu catálogo; coñecemos a nova oferta en novela gráfica e aprovisionámonos de nomes da actual narrativa anglófona: Cotzee e Barnes. De paso, puidemos saborear o Superdicionario de Edicións Morgante, e agradecer o regalo das que van ser as nosas canecas máis literarias. Debido, supoño, a unha vaidade incontrolada teño que dicir que me fai graza pensar que, cunha demora de varias horas, Julian Barnes estará a tomar un café nun recipiente idéntico ao meu, pois segundo Moisés me contou desde que lla enviaron ao inglés esta pasou a ser a súa caneca preferida.

Tivemos tamén ocasión de sumarnos á presentación de Prestige (2.0 Editora), o último traballo publicado de Xosé Manuel Pereiro sobre o catastrófico naufraxio e a non menos desafortunada xestión política do accidente marítimo, o que deparou nesa triste ocasión en que tanto o pobo como os gobernantes que temos, en medidas opostas, demostraron o talle que realmente teñen. A conversa foi dinamizada por Manuel Jabois, con Pereiro na foto.

Outra das presentacións que non esquecimos foi a do Proxecto Cárcere da Coruña, que consiste nin máis nin menos no esforzo hercúleo que un florido grupo de artistas e veciños fan desde hai anos para converter un ámbito estatal de represión e castigo nun espazo para a arte e a convivencia, cunha perspectiva que resultaba aceptábel e necesaria para os políticos de onte e que é raposeiramente desatendida polos de hoxe. Na foto o artista Tono Galán está a preparar un vídeo sobre a presentación dos seus compañeiros do Proxecto.

No eido musical, tivemos a grata experiencia de escoitar Os Irmandiños de Vincios, un grupo que nos ofreceu delicadas pezas propias e ademais doutras do repertorio tradicional. O resultado foi unha interpretación moi emotiva que me fixo imaxinar a banda sonora dun filme actual salpicado de toques costumistas e tradicionais, ao estilo de Despertando a Ned ou algunhas obras de Fellini. Perdoade a atrevida comparación de quen nada entende de música e moi pouco de cinema, mais cando a febra do peito resoa a imaxinación comeza a cabalgar… Aquí deixo o vídeo que a Tati realizou co teléfono. Integra este grupo un blogueiro moi querido por nós: Félix “Miriño”, de que escoitamos todas as entregas musicais que publica en O curioso impertinente.

E foron moitas máis as persoas que puidemos saudar, máis con certeza das que agora lembro: Germám Ermida (con quen puidemos desfrutar in situ da súa exposición As Cantigas de Santa María. Arte BDieval); Francisco Castro, de Galaxia (que veu presentar o novo proxecto Galaxia Tales); Celia e Bragado, de Xerais (presentando Os fillos de mar, de Pedro Feijoo); Fran Zabaleta e Xosé de Redelibros; as mozas de Elefante Elegante; Uxía Senlle; Gracia Santorum… e como non, o noso veciño de Arteixo Sergio Lago, a quen felicitamos pola organización dun evento que semella gañar en pragmatismo espacial e que se vai consolidando, coas dificultades de sempre máis as de agora, perante un público que debe comezar a descubrir toda a profesionalidade que a súa terra pode ofrecerlle no ámbito da cultura.

Share

Presentación de ‘Versos fatídicos’ en Milpedras

GSG. Presentación do libro Versos fatídicos. Alfredo Ferreiro from MrEIDANPELIS on Vimeo.

Share